Desde a Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Neste ensaio (Anti natura, Xerais, 2008), María Xosé Queizán dálles unha volta ás ideas asumidas como lexítimas nas que se asenta o patriarcado. Esta “viaxe polo saber” rebate aOs grandes sabiOs da Historia, e evidencia as contradicións entre teoría e praxe en moitas ocasións: eis o desprezo polo “traballo improdutivo”, ou traballo doméstico, común a Marx e Adam Smith. Tivo que ser a Hannah Arendt d’A condición humana quen sinale que é este traballo, “improdutivo” e repetitivo dxs criadxs, o que garante a liberdade dos amos (p. 18). Máis adiante aludirá Queizán á importancia do “contrato sexual” para mellor entendermos a “naturalización” e asimilación desta división social do traballo (p. 81), e (debate urxente e necesario) á condescendencia da esquerda co tema da prostitución: “para a esquerda, o capitalismo non é atroz cando o artigo de consumo é unha puta, cando o traballo alienado é cun corpo, corpo de muller. A miseria é inaceptable en abstracto, cando se canta puño en alto, “en pé os escravos da terra” porque eses escravos non son os corpos que compran pene en alto” (p. 99) .
Volvendo a Marx e demais… Queizán recupera o traballo de Arendt para pór en evidencia este silenciamento da primeira estrutura de opresión da sociedade, do mesmo xeito que recupera á Mary Wollstonecraft da Vindicación dos dereitos das mulleres para botar luz sobre esoutra contradición da Ilustración: os fundadores da democracia moderna, que proclamaban igualdade entre os homes (entre os homes, non entre as persoas), mais aos que non lles tremeu a man para decapitar a Olympe de Gouges, non dubidaron en manter a dicotomía entre cultura e natureza, entre a razón pura ou práctica, reservada para os homes e o espazo do privado, e a suposta “animalidade” das mulleres (p. 27). E, desde logo, desmonta con moito acerto Queizán a figura patriarcal (fálica, atreveríame a dicir) por antonomasia: Sigmund Freud, artífice dunha disciplina que contribuíu a implantar as ideas máis reaccionarias sobre a familia, mesmo revestíndoas de liberación e de ciencia (cando, como moi ben sinala a autora, nin fixo traballo de campo, senón que elaborou as súas teorías a partir da súa experiencia clínica, p. 59). (…)”
Arquivos da etiqueta: Anti natura
A Antígona de María Xosé Queizán, segunda parte: A muller en, sobre ou baixo a literatura, por Rosa Enríquez
Artigo de Rosa Enríquez na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Christine de Pizan, no século XIV, escribía no seu libro A cidade das Damas, que, tras preguntarse, repetidas veces, ao respecto das razóns que levaban os homes a vituperar as mulleres en escritos e tratados tiña como propósito “decidir, en conciencia, se o testemuño, reunido por tantos varóns ilustres, podería estar equivocado”. Esta intención de Piza, non exenta de ironía, faise interesante e denota, ademais, unha grande afouteza, tendo conta da época en que viviu. Supoño que é facil caer na conta da audacia inusitada dese propósito da autora, dado o imaxinario existente nesa altura, que, por suposto, non propiciaba en absoluto unha reflexión desa índole. Cuestionar o canon literario e parte dos seus contidos no século XIV, era un labor difícil, que, obviamente, nin ía ter continuidade, a curto prazo, nin sería tomado realmente en serio.
Precisamente por iso, a figura de Pizan é tan reivindicada, a día de hoxe, por adiantarse varios séculos a análises sobre esta mesma cuestión, realizadas, entre outras, por Virginia Woolf, no seu ensaio “Un cuarto de seu”, ou por Sandra M. Gilbert e mais Susan Gubar nese traballo tan minucioso titulado “La loca del desván: la escritora y la imaginación literaria del siglo XIX” . Por que traio aquí estas referencias? Porque Queizán tamén se fai eco desta cuestión, na medida en que toda a súa obra, pon o foco nas relacións de poder, que son, en definitiva, as que teñen determinado, durante séculos, a situación política, social e cultural das mulleres, facendo sempre fincapé na intereseira escisión dos espazos público e privado, sendo o segundo, un lugar de sombras e silencio, tamén de espera, que se considerou apropiado para as mulleres. Así o asegura Queizán, no seu ensaio Anti Natura “(…). Ou sexa que para que os homes fosen libres e actuasen no mundo público, foi necesario recluír e reducir as mulleres ao mundo privado, onde, ademais, perdían toda consideración humana”, no que non teme arremeter contra iconas da esquerda, como Marx, do que di, por exemplo, “(…) Neste caso as opinións de Marx superan a desvergoña, sobre todo se lembramos que tivo unha filla de criada, filla que, por certo, se negou a recoñecer”. Iso si, malia esta afirmación, aclara, a posteriori, que, “Considerar este indigno comportamento de Marx”, non a vai levar a unirse “aos detractores de Marx, nin a anular moitos aspectos das teorías marxistas que contribuíron, sen dúbida, á mellora da sociedade”. Entendo esta aclaración de Queizán. Enténdoa e compártoa tamén. Paréceme moi pertinente este exercicio de obxectividade, porque esta incoherencia entre a actitude presuntamente honorábel na vida pública dalgunhas persoas e a indecente que adoitan manter no ámbito privado, non dería significar que haxa que desbotar as aportacións de seu, sempre que estas sexan dalgún interese para nós dende un punto de vista social, político ou cultural. Privarnos diso suporía a queima da maior parte do que foi escrito, por que, sexamos realistas, que escritor, filósofo, artista ou político non foi cómplice da ideoloxía patriarcal imperante? Iso si, cómpre facer visíbel a devandita incoherencia, principalmente para que se produzan algunhas mudanzas reais, así é que, como a autora viguesa apunta “a frase feminista, o persoal é político, ten cada vez máis repercusión social”. E está ben que así sexa para dar, insisto, certos pasos cara a adiante. Esta consciencia que a ensaísta ten da importancia daquilo que sucede no ámbito que consideramos privado, lévaa a construír unha Antígona claramente política que sae dese lugar de sombras e silencio, para adentrarse no escenario público, na ágora, no lugar real en que a política explícita, cos seus conflitos, acontece. (…)”
Vigo: presentación do libro Anti natura, de María Xosé Queizán
O venres 21 de novembro, ás 20:00 na sala de conferencias da Fundación Caixa Galicia (Policarpo Sanz, 15) terá lugar a presentación do libro Anti natura, de María Xosé Queizán. O acto, que contará coa participación de Carme Adán, Manuel Bragado e María Xosé Queizán, ofrecerá a intervención dos actores María Armesto e Xavier Picallo.