O mércores 29 de xuño, ás 20:00 horas, no Centro Social Novacaixagalicia (Avenida da Mariña, s/n.) da Coruña, terá lugar o acto de entrega do IX Premio de Poesía Novacaixagalicia a Emma Pedreira, tras o que a autora recitará poemas do libro premiado Antítese da ruína.
Arquivos da etiqueta: Antítese da ruína
Emma Pedreira gaña o Premio Novacaixagalicia, con Antítese da ruína
Emma Pedreira (A Coruña, 1978) gañou o Premio Novacaixagalicia coa súa obra Antítese da ruína, convocado por esta entidade e o Pen Clube, e dotado con 12000 euros. A súa obra foi escollida entre os 49 orixinais presentados polo xurado, que estivo presidido por Luís González Tosar, e integrado por Jonathan Dunne, tradutor e editor; Modesto Hermida, poeta, crítico literario e profesor de Lingua e Literatura; Xavier Rodríguez Baixeras, poeta e tradutor (gañador da edición anterior); Rexina Vega, escritora e profesora da Universidade de Vigo, e Xabier Castro Martínez, que actuou como secretario con voz e sen voto. O xurado, que elixiu o poemario de Emma Pedreira por unanimidade, quixo destacar o valor poético da obra, así como as sorprendentes imaxes e o espazo vital que presenta. Segundo indicou González Tosar, “é un poemario singular que pertence a unha poetisa cunha traxectoria notable que consolida con este premio a intensidade da súa voz”. Nova recollida tamén en Galicia Hoxe, A Nosa Terra, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, La Opinión, Cultura Galega e Fervenzas Literarias.