Carmen Conde, narradora oral: “Os temas teñen que ver case sempre cunha dúbida que permanece sen responder na miña vida”

Entrevista de Antón Escuredo a Carmen Conde en Nós Diario (foto de Laura Pernás):
“Humorista, guionista, escritora e, sobre todo, narradora oral. Carmen Conde recolle historias e fainas súas para que poidamos entender un pouco mellor como somos. Forma parte do colectivo Narración Oral Galega (Noga) que seguiu activo nesta pandemia a través das pantallas, unha arma de dobre fío contra a que entende que se pode loitar coas novas xeracións. Da propia emerxencia sanitaria e a nova realidade asegura que quedarán linguaxes diferentes mais nada pode substituír ao contacto, aínda que sexa coas medidas sanitarias actuais, co público.
– Nós Diario (ND): Está ben de saúde a narrativa oral galega?
– Carmen Conde (CC): Creo que hoxe está nun momento moi saudábel. Sobre todo pola cohesión que hai e a sorte de contar na Galiza co colectivo Narración Oral Galega (Noga) que fai que haxa moito diálogo. Galiza é unha terra que ten moita tradición de narración oral. Agora estamos organizados e con moitas ganas.
– ND: Que pode sacar como narradora oral da experiencia que pasamos coa pandemia?
– CC: Crear a resposta de non perder a conexión co público. Por iso a “pandemia de contos” nas redes sociais en vídeo. Era unha maneira de manter o público. Aprendemos a instalar novas linguaxes. Nós estamos acostumados ao escénico, ao vivo, á reacción directa. Esta nova realidade froito da pandemia trouxo novos códigos que estamos aprendendo a asimilar e sobre os que debatemos para facelos convivir. (…)
– ND: Como se pode conservar a transmisión oral entre tanta oferta audiovisual?
– CC: A escoita activa do que está pasando ao teu arredor pérdese cando están diante dunha pantalla, toda a enerxía vai para ese aparello. Mais por experiencia con sobriñas e sobriños que están na adolescencia, cando escoitan meu pai explicar as súas historias, como lles soa a un mundo tan alleo, un universo tan épico e imposíbel, rematan por facer preguntas e deixar de ver a pantalla. A xente nova de hoxe non ten medo a preguntar, a indagar. Pasoume a min.
Cando fago Tabú diante de público desas idades aínda que fale de historias que aconteceron hai 50 ou 60 anos resóalles como se fosen súas. En parte non mudaron moito os códigos. Teño esperanza na escoita activa da xente nova aínda que é certo que hai que competir duramente coa teconoloxía, pois non se conversa como se conversaba.”

A AELG apoia a iniciativa #NonNosCanceles

A AELG apoia a iniciativa #NonNosCanceles, que se divulgou desde o 6 de abril en internet.

Recollemos aquí o artigo de Antón Escuredo, publicado en Nós Diario:
“O sector da cultura galega lanzou esta segunda feira polas redes sociais un S.O.S, un berro de socorro. Baixo o cancelo #NonNosCanceles, numerosas profesionais que traballan no mundo da cultura expresaron o seu temor a un futuro incerto e reclamaron que se lles teña en conta agora que se comeza a falar do “dia despois” da pandemia.
“Xurdiu de maneira casual, foi unha acción espontánea, non hai manifesto nin liñas estratéxicas de traballo en perspectiva”, explica a Nós Diario unha das persoas promotoras da idea.
Queren “marcar un vínculo entre o sector e o seu público” como un “golpe de atención” ás institucións que están agora mesmo tomando decisións. “O propio Ministro dicía que a cultura vai tardar en entrar e nós fomos os primeiros en saír”, relata a mesma fonte.
A idea comezou en Portugal, un país que está a vivir a mesma situación. O pasado 16 de marzo a União Nacional Empresas Fornecedoras de Audiovisuais lanzaba o #MovimentoCancelado que en pouco tempo se espallou a través das redes sociais.
Os motivos da súa protesta figuraban nun manifesto a modo de resposta ao Goberno portugués após o anuncio de medidas de feche de eventos con máis de cen persoas.
No texto do documento sinalábase como “coma profundo” da industria a situación que vivía este sector estruturado nun ecosistema complexo de empresas individuais independentes (de pequena, media e grande dimensión), empresas de servizos e empresas de técnicos especializados para a área de eventos.
Traballadoras e traballadores da cultura en Portugal explican que as súas perdas non son de 50% como no comercio, “son de 100%”. Lembran que levaron a imaxe de Portugal ben alta “e contribuímos de forma decisiva” no sector da cultura e o turismo.
Demandan que o Estado se implique e tente “impedir que esta crise hipoteque” de forma irreversíbel a súa industria.
“A cultura achega máis de 2% do Produto Interior Bruto (PIB) e xera moitos postos de traballo”, explican desde Galiza, “e entendemos que o público tamén estea amolado”, engaden.
Teñen claro que seguirán expresando como se senten nunha situación tan extrema como esta aínda que non queren adiantar novas accións. “Polo de agora desatrancamos ese peche que temos nas nosas casa, como toda a xente, para comunicarnos con esta sinxela acción”.”