Desde Todogrove:
“Nado en Ribeira, Manuel Antonio Piñeiro Fernández, é profesor, editor e escritor. A súa obra O Noiro foi a gañadora do XXII Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta, organizado polo Concello do Grove.
O xurado, reunido na tarde do sábado 24 de outubro no Concello, formado por Manuel Quintás, Francisco Martínez Bouzas, Armando Requeixo e Ánxela Gracián, todos eles especialistas en literatura que estiveron acompañados polo gañador do pasado ano, Antonio Pichel Beleiro, encargouse de valorar os quince traballos presentados e escoller o gañador do ano 2015.
O premio de novela curta Manuel Lueiro Rey é convocado polo Concello do Grove dende o ano 1992. A súa finalidade última e promover e recoñecer a vida e a obra do escritor e xornalista Manuel Lueiro Rey e permite “manter ao Grove na vangarda literaria galega”. O galardón está dotado con 3.000 euros e a obra gañadora é publicada por Sotelo Blanco Edicións.”
Arquivos da etiqueta: Antonio Pichel Beleiro
Radiocrítica do 25-03-2015, por Armando Requeixo
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 25 de marzo en Ames Radio (107.2 FM, accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López das obras da novela de Antonio Pichel Beleiro Xente que nunca antes morrera (00:15); do poemario As paisaxes eléctricas, de Cristina Ferreiro (5:45); do ensaio Leandro Carré Alvarellos. Un século de cultura e compromiso, de Xosé Manuel Maceira Fernández (10:30) e do volume infantil A nena do parque, de Antonio García Teijeiro (15:30).”
Pódese escoitar directamente aquí.
Antonio Pichel Beleiro gaña o Lueiro Rey de Novela Curta
Desde Fervenzas Literarias:
“O pontevedrés Antonio Pichel Beleiro ven de gañar o XXI Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey pola súa obra Xente que nunca antes morrera.
O xurado desta edición, formado por Manuel Quintáns, Francisco Martínez Bouzas, Armando Requeixo, Ánxela Gracián e Juan Tallón, acordou nomear como novela gañadora a obra de Pichel Beleiro sobre as quince propostas presentadas este ano para o premio.
En palabras do membro do xurado Armando Requeixo no seu blog Criticalia: “Xente que nunca antes morrera ofrece unha trama a medio camiño entre o policial, o thriller psicolóxico e o relato sociolóxico da desfeita do mundo rural. Unha investigadora estadounidense chega a unha pequena parroquia galega para tentar descubrir qué é o que pasou, realmente, cun concidadán seu que morreu nun accidente automobilístico rodeado de estrañas circunstancias. A partir dese momento, escenifícase un choque de mundos entre o urbanita que representa a investigadora estranxeira e o enxebrismo tradicionalista dos paisanos cos que ten cruzar, poñendo de relevo os moi diverxentes territorios mentais e actitudinais nos que se moven os personaxes“.
A obra gañadora, ademais de levar a cantidade económica estipulada nas bases do concurso,, será publicada pola editorial Sotelo Blanco nas vindeiras datas.”