Entrevista a Mercedes Queixas

DesdeMercedes Queixas o blogue Bolboretas no bandullo:
“(…) – P: Manuel María é sen dúbida a figura literaria do ano, mais nós estamos convencidos de que tamén está no cumio de relevancia histórica da nosa literatura. Por que podemos estar tan orgullosos de honramos este ano polas Letras Galegas un autor como o Manuel?
– R: Manuel María é o referente intelectual galego da segunda metade do século XX. Así o constata o seu perfil poliédrico como escritor, erudito, conferenciante, dinamizador sociocultural, activista político, editor, libreiro, froito dun auténtico amor a Galiza, ao idioma, ao pobo, asentado nunha inesgotábel vocación de escritor, nomeadamente poeta, desde a firme vontade de partillar a palabra como esencia máxima da construcción do ser individual e da nación colectiva.
Agradecemento e orgullo coido que son dous trazos que definen o intenso calendario de actividades que se espallan sen descanso polo país, mesmo desde comezos de ano.
Manuel María foi inmensamente xeneroso. Traballou para construír un país no que acreditaba e ao que amaba. Agora tócanos volverlle tanto cariño como nos aprendeu desde a súa sabedoría e autoestima como galego.
– P: Ti tiveches o pracer e a sorte de o coñecer. Son moit@s @s que falan del como unha persoa directa e que tiña moi claras as cousas e o camiño para loitar por elas. Cal é a primeira imaxe que che vén á cabeza del?
– R: A primeira imaxe de Manuel e Saleta trasládame a Monforte, á libraría Xistral, a comezos dos anos 90. Acudín alí xunto cun compañeiro de promoción, Anxo Gómez, recén licenciados como filólogos, para lle pedirmos información sobre Xan da Cova, un autor que estabamos a investigar para preparar a edición da súa obra La Galiciana, que máis adiante vería a luz nos Cadernos de Teatro Galego, baixo a dirección de Francisco Pillado.
O noso nerviosismo era patente, pois eramos conscientes da persoa e do escritor que iamos visitar. Manuel María, co que combinaramos o encontro telefonicamente, e Saleta recibíronnos con toda a amabilidade, como se fósemos coñecidos. Manuel atendeu todas as nosas preguntas, foi unha conversa moi produtiva e enriquecedora para nós, tiña documentación canda el preparada para mostrarnos. Aquela tarde volvemos para A Coruña nunha nube, sabendo que viviramos unha experiencia única e irrepetíbel.
A partir de aí chegaron encontros diferentes en xornadas de formación da AS-PG, ás que acudía puntualmente todos os anos, recitais ou presentación de libros seus e, xa a partir de 1998 en que se instalan definitivamente na Coruña, os encontros foron algo máis periódicos. Algúns sábados á mañá procuraba achegarme á cafetaría xa desaparecida Kirss, na rúa Real da Coruña, para escoitalo no faladoiro de amigos que alí se reunían. Era unha delicia escoitalo, a súa voz grave e expresiva, a súa xenialidade e fino humor, o seu idiolecto particular e o seu saber de todo era impresionante.
É unha fortuna telo coñecido, así é. Admíroo como persoa e adóroo como poeta. (…)”

XXV Xornadas de Lingua e Literatura: un punto seguido arredor de Manuel María

DesdeXXV Xornadas de Lingua e Literatura Manuel María Sermos Galiza:
“A Casa Museo Manuel María acolleu na xornada do sábado dúas iniciativas que xiraron arredor do autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Dunha banda, as XXV Xornadas de Lingua e Literatura da CIG-Ensino e da AS-PG e, doutra banda, a xuntanza de traballo da iniciativa Cultura que Une, que perfila actividades sobre as obras de Manuel María e Miguel Torga.
As XXV Xornadas de Lingua e Literatura, nas que participan arestora máis de medio cento de docentes, comezaron pasadas as 10:30 h, cunha palestra do estudoso e antólogo de Manuel María Manuel López Foxo. Baixo o título “A poesía de Manuel María: O País é tamén unha viaxe cara a dentro”, Foxo recuperou, con especial sensibilidade, a obra existencialista de Manuel María, a parte menos divulgada dos seus poemas.
Após a visita guiada á Casa Museo, as xornadas continuaron coa presentación dos recursos didácticos sobre Manuel María deseñados para Primaria e Secundaria. Anxo Gómez (CPI Vicente Otero Valcárcel) expuxo a unidade na que se traballan a lingua e a literatura a partir da escrita do autor nado en Outeiro de Rei, unha unidade que abrangue desde a sociolingüística, até calquera xénero literario, pasando todas as temáticas e destinada a todas as idades. Tamén presentou a súa unidade didáctica o Seminario Galán, que inclúe materiais en formato papel, en rede e soporte Edilm, un conxunto de traballos a disposición de quen quixer na web seminariogalan.org.
Xa durante a tarde tivo lugar o roteiro guiado por Outeiro de Rei, que levou as persoas participantes a coñeceren de primeira man a vida de Manuel María a través dos espazos referenciais da obra do autor. Da man de Alberte Ansede, María Calvo e Mateo Docampo, os presentes puideron descubrir a importancia da carballeira de Santa Isabel –unha das paisaxes máis fotografadas na tarde deste sábado- nos seus poemas, así como da Lagoa de Cospeito, entre outros recunchos. O roteiro complementouse coa lectura de poemas do autor homenaxeado neste 2016.
A fin das xornadas terá lugar a partir das 20h, co espectáculo de maxia a cargo do ilusionista Martín Camiña. (…)
A Casa Museo Manuel María tamén abeirou este sábado unha xuntanza de traballo no seo da iniciativa Cultura que Une na que participaron a Fundación Vicente Risco, a Tertúlia Araújo Correia, a Livraría Traga-Mundos de Vila Real e Ponte nas Ondas, amais de profesores e profesoras a título individual.
En declaracións a Sermos Galiza, Luís Martínez Risco sinala que a xornada deste sábado foi “unha continuidade da que tivo lugar o 3 de marzo para concretarmos a metodoloxía que nos permita facer intercambios de alumnado, agrupamentos escolares e de profesorado entre colexios de Galiza e de Portugal arredor do eixo das obras de Manuel María e Miguel Torga”. Non se trata só dun intercambio de alumnado, tamén se traballará nos eidos do patrimonio histórico, no ecolóxico, no lingüístico…
O grupo de traballo estudará até xuño o programa de actuación co fin de que no inicio de curso os centros poidan implementar as medidas acordadas de maneira flexíbel, segundo nos conta Luís Risco, da Fundación Vicente Risco.
Manuel María tamén foi o protagonista do roteiro que se desenvolveu este sábado no Val de Quiroga, arredor dos sonetos que o autor lle dedicou a este lugar. Na iniciativa participaron máis de medio cento de persoas.”

Outeiro de Rei: XXV Xornadas de Lingua e Literatura Manuel María

XXV Xornadas de Lingua e Literatura Manuel María

Outeiro de Rei: XXV Xornadas de Lingua e Literatura Manuel María, o 9 de abril

XXV Xornadas de Lingua e Literatura Manuel María

Santiago: XIII Xornadas de expresión oral

Tíralle da lingua é un proxecto da AS-PG, dirixido ao alumnado e profesorado de todo o país, co obxectivo de normalizar o uso oral da nosa lingua, convertir o idioma en instrumento de comunicación normal, de creación e recreación de historias…de lingua de uso do noso sistema educativo, en definitiva, de devolverlle ao galego o espazo que lle corresponde. O proxecto TÍRALLE DA LINGUA consta de dúas fases: estas xornadas de expresión oral, dirixidas ao profesorado, nas que se intenta proporcionar técnicas para traballar a oralidade na aula e un concurso de relato oral, dirixido ao alumnado de toda Galiza cunha fase final que se celebra no mes de maio en Compostela.”

XIII XORNADAS DE EXPRESIÓN ORAL
PROGRAMA

Venres 16 de novembro
De 16:30 a 17:00 h. Recepción e entrega de material.
De 17:00 a 18:30 h. Para que serven as imaxes?, Eva Mejuto, OQO Editora.
De 18:30 a 20:00 h. O berro de Lord Byron (poesía e sonoridade), Carlos Negro Romero, docente no C. P. I. Eusebio Lorenzo Baleirón e escritor. Obradoiro poético orientado a descubrir as potencialidades da linguaxe poética como expresión oral, como xogo fónico, como boca colectiva da imaxinación.
Sábado 17 de novembro
De 10:00 a 11:45 h. En galego, todo vai rodado, Anxo Gómez Sánchez, docente no CPI Vicente Otero Valcárcel de Carral. O relatorio pretende ensinar a traballar con programas informáticos moi básicos, como o Moviemaker, parar realizar dobraxes de trailers e películas.
De 12:00 a 14:00 h. Expresión audiovisual dos nativos dixitais, Manuel González Álvarez, profesor no IES Concepción Arenal de Ferrol, guionista e investigador cinematográfico.
De 16:00 a 17:30 h. Os proxectos Ponte na fala e Canto Conto, Xosé Antonio Formoso Lado, filólogo, integrante do proxecto Fabaloba.
De 17:30 a 19:00 h. Canto conto!, Raúl Piñeiro Fernández, filólogo, animador sociocultural e dinamizador. Como peche da sesión Raúl Piñeiro presentará o seu último traballo de narración oral: Os graxos da Burga.
19:00 h. Clausura.
Solicitada a homologación por 10 horas lectivas. A matrícula é gratuíta, realizarase a través da web da AS-PG, no apartado de Formación. O número de prazas é limitado e cubrirase por rigorosa orde de inscrición tendo en conta que hai unha reserva máxima dun 30% para aquelas persoa que nunca traballasen como docentes para a Consellería de Educación.