Carballo: Xornadas Escena Norte Idea

Anxo Manoel, de Lucecús Teatro: “Tentamos facer teatro social en clave de comedia”

Entrevista a Anxo Manuel, de Lucecús Teatro, en Erregueté:
“A compañía Lucecús estreou no Auditorio Gustavo Freire de Lugo, Logos, a súa última produción. Formada por Isa Herrero, Anxo Manoel e Rubén Pérez, a compañía volve a apostar pola dirección de Santiago Cortegoso e incorpora ao equipo artístico ao actor Borja Fernández para achegar o universo distópico deseñado en Logos. Despois de ser presentado en Rianxo, falamos co actor e autor do texto, Anxo Manoel, para coñecer algunhas das claves sobre a compañía e este novo proxecto no que a liberdade, o consumo, a comunicación e as novas tecnoloxías se mesturan para reflexionar sobre o futuro e o propio presente.
– Erregueté (E): Despois de A órbita do lucecú e PingüiSOS, Lucecús presenta Logos: unha distopía sobre as relacións humanas. Como nace esta proposta dentro da traxectoria da compañía?
– Anxo Manuel (AM): Na compañía, desde o comezo, fixemos a aposta de traballar con textos propios, en ocasións escritos a varias mans, xa que Isa Herrero e Rubén Pérez tamén escriben; outras veces traballamos en base a improvisacións e no caso de Logos, partimos dun texto xa escrito. Logos nace dun interese persoal por falar da sociedade de consumo, da publicidade, da tecnoloxía e das relacións entre estas tres cousas. Como as compañías, gobernos e medios de comunicación poden influír en nós, manipularnos e incluso illarnos. Tamén quería falar de como podemos recuperar os espazos públicos e a nosa identidade privada, que a través destes medios nos foi arrebatada. Como quería facelo dun xeito cómico optei pola distopía. Deste xeito podería esaxerar as cousas para poder falar de algo tan triste no fondo, baixo un prisma de parodia. Tamén foi clave o tema das relacións humanas, como cada un entende a liberdade, ou a felicidade, como encaixa o diferente, como buscamos o noso sitio no mundo, creamos e cambiamos o noso discurso segundo imos tendo máis información e coñecemento.
– E: A órbita do lucecú falaba dos esforzos do ser humano para acadar as súas metas e nela mesturábanse, como en Logos, os novos medios de comunicación e as dificultades de relación nunha sociedade cada vez máis tecnolóxica. Se pensamos nestas claves como temas recorrentes da compañía, que outros aspectos conforman as liñas de traballo de Lucecús?
– AM: Por un lado, é unha aposta da compañía buscar temas e códigos que podan interesar ás xeracións máis novas, porque temos o firme propósito de achegalos ao teatro, de facer que se namoren del, que o vexan e desexen repetir a experiencia unha e mil veces. Eles son o futuro. Por outra banda, ao longo da nosa breve traxectoria e pola nosa forma de entender o teatro, intentamos facer cousas que estean apegadas á realidade, falar do que nos afecta e preocupa, daquilo que nos provoca carraxe ou calma e o máis visceralmente posible, teatro social pero en clave de comedia. Os nosos medos e as nosas ilusións están aí, reflectidas nas nosas obras. É inevitable. Os nosos textos poden non ser excesivamente literarios, buscamos unha naturalidade nós mesmos, con diálogos rápidos, nos que as personaxes se pisan ao falar, cambian de tema constantemente e cústalles seguir un fío único, cousa que nesta sociedade da información e da rapidez é unha constante en calquera conversa que podes ter con amigos, familia ou compañeiros de traballo. Na parte que me toca a min, sempre cargo un pouco cara á ciencia e o progreso, son biólogo de formación e interésame moito o feito de como os avances científicos, o progreso, que en principio buscan a mellora na vida das persoas, sempre acaban convertidos en armas contra nós mesmos. (…)”

Lugo: Dramaturxias do Baúl, no Museo Provincial

O venres 14 de decembro, ás 20:30 horas, terá lugar no Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n.), a segunda edición das Dramaturxias de baúl, unha representación teatral que ademais serve como acto de clausura das accións formativas do ano 2012 do Proxecto teatral Buxiganga (II Premio da FEGATEA á animación teatral 2012) que promove a área de Cultura da Deputación de Lugo. Os participantes no obradoiro de dramaturxia, impartido por Rubén Ruibal (Premio Nacional de Literatura), foron elaborando entre os meses de xuño e decembro diferentes pezas teatrais que serán representadas e lidas en diferentes espazos e salas do Museo Provincial. A representación está coordinada por Rubén Ruibal e conta coa participación de Brian Rodríguez, Anxo Manoel Lamelo, Pablo Iglesias (Germán Frasio), Elvira Velasco, Iria Acevedo, Conchi Madrina, Rubén Pérez, María Grandío e Simón Piñón. A entrada é libre e gratuíta.