Entrevista de Antón Escuredo a Anxo Baranga en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como iniciou Córgomo a recuperación da figura de Florencio Delgado Gurriarán?
– Anxo Baranga (AB): Todo comezou grazas a Ricardo Gurriarán, que fixo a biografía de Florencio. En 1999 eu estaba cunha exposición en Santiago e descubrina. Como era posíbel que unha figura así fose de Córgomo e alí non soubésemos nada? Dous anos despois, en 2001, estaba xa co proxecto teatral Furafollas e pensamos en facer algo na aldea.
Cando lle preguntamos á veciñanza se quería lembrar a memoria do poeta, a resposta foi impresionante. Sorprendeunos a nós, á xente de Córgomo e á da propia comarca que acudiu. Florencio converteuse nun símbolo, até o punto de que as veciñas e os veciños fixeron un libro cunha escolma das súas poesías.
En 2002, continuamos a difusión na Universitat de Barcelona cunhas xornadas que duraron varios meses e en 2003 o cantautor Anxo Rei volveu á canción, logo de estar moi mal de saúde, para sacar A fronteira de cegoñas, dedicado a Florencio. Pensabamos que xa lle daban o Día das Letras Galegas e non foi así. Coido que foi mellor para seguir teimando polo seu recoñecemento. Todos estes anos creáronse unha serie de dinámicas en Valdeorras que eu agardo que continúen.
– ND: A propia poesía de Florencio revolucionou toda unha poboación
– AB: Hai moita xente con ideas, vinte e un anos tardou en agromar a semente, mais pagou a pena. Este Día das Letras Galegas sobrepasa a propia poesía de Florencio, revolucionou toda unha poboación. A de base, non os intelectuais da comarca. Ilusiona ver como se están movendo estes días as mulleres pendurando por toda a aldea os poemas de Florencio!
– ND: Houbo momentos bos e os malos nesas dinámicas?
– AB: Cada ano organizabamos as xornadas de teatro en Córgomo con moita repercusión, mesmo entre as compañías que participaban. Daquela, coincidiu que na Xunta gobernaban PSdeG e BNG e viuse con bos ollos a intención de apoialas, xunto a outras actividades na comarca, facer algo semellante ao que se fixo co Festival de Cans, no Porriño. Co cambio de Goberno e a chegada do PP, as novas políticas frustraron todo aquilo. Do apoio pasouse a estar en contra.
– ND: Foi cando comezou o proxecto de ‘En construción’.
– AB: Eu non estaba disposto a parar. Daquela estaba coa casa en Córgomo de meu pai e miña nai en construción e converteuse nunha especie de símbolo para reivindicar a Florencio e a cultura galega. Tiña o lousado moi mal e decidín arranxalo e pór no exterior a figura de Rosalía de Castro. Seguín coas imaxes de Florencio e a de Castelao, sempre acompañadas dos seus textos. Despois chegaron Celso Emilio e a representación da propia veciñanza.
O proxecto leva por nome ‘En construción’ por estar vivo. Agora quero seguir cunha liña do tempo na que se conte a historia da Galiza, desde a época castrexa até hoxe en día, e o futuro.
Estará en construción sempre. A idea é difundir figuras da literatura e doutras artes, como a música, na que estará Anxo Rei, mais sempre na base ficarán as veciñas e os veciños de Córgomo e doutros lugares que son indispensábeis para que a cultura funcione. Castelao, Florencio, Rosalía ou Celso Emilio sabían que o importante da súa obra partía da base: o pobo. Iso si, a miña filla chamoume a atención porque faltaban mulleres e xa puxemos as catro homenaxeadas coas Letras Galegas e a Sés. A idea parte dese concepto das páxinas web de estar “en construción”. Estamos construíndo a vida e tamén a Galiza.”