O número 88 da Revista Galega de Teatro chega ás rúas

Artigo en Sermos Galiza:
“A Erregueté Revista Galega de Teatro chega cargada de sorpresas no número 88, que acaba de saír á rúa. Erregueté adica o apartado Temas ao Teatro das Irmandades da Fala por mor do centenario da súa fundación. Ademais, este número conta cun avance de información sobre eventos destacados das artes escénicas dedicado ao Festival Escenas do Cambio e coa recuperación do espazo En Danza, no que destaca a colaboración co proxecto TRC Danza e a publicación en papel dos seus Pre-Textos.
Na sección Escena Aberta aparecen diversos aniversarios coma os trinta anos da compañía Matarile ou os vinte e cinco que celebrou o FIOT de Carballos en 2016. Alén diso, configuran un conxunto de conversas con responsábeis de diversos proxectos escénicos co obxectivo de facer memoria en colectivo. Un dos contidos estrela deste número 88 é a edición en galego de As cancións que lles cantaban aos cativos, coa que Raúl Dans gañou o XXIV Premio Sgae de Teatro Jardiel Poncela.
Por outra banda, no espazo de Espectáculos pódense atopar as análises das montaxes de Tartufo, do CDG; O tolleito de Inishmaan, de Contraproducións e Get Back, de Eme2. En Libros destaca a crítica que Afonso Becerra fai de Voaxa e Carmín, texto gañador do Premio Abrente de Textos Teatrais 2015, da autoría de Esther F. Carrodeguas.
“Aínda que o outono deste 2016 deixa corazóns baleiros coa perda de creadores imprescindibles como seguen a ser, a través da súa obra, Fran Pérez «Narf» e Dorotea Bárcena, desde a Erregueté non nos resignamos á súa desaparición definitiva e escribimos coa súa lembranza as páxinas necesarias para que non esvaeza o seu amor pola escena nin o seu traballo entregado, dedicado e resistente. Un traballo que vén a ser o de dúas xeracións diferentes construíndo necesidades para ser necesarias”, explica Vanesa Sotelo, directora da revista.
RGT é unha publicación trimestral dedicada á difusión das artes escénicas. A Asociación Cultural Entre Bambalinas é a responsábel da edición. O prezo é de 6 euros.”