A Coruña: II ascenso á Pena da Vixía, con Xurxo Souto

O 22 de xullo, ás 20:00 horas, con saída desde a biblioteca da Asociación Veciñal Atochas Monte-Alto (rúa da Torre), na Coruña, terá lugar o II ascenso á Pena da Vixía, con Xurxo Souto.
Situada en Monte-Alto, ao pé do depósito de augas, a Pena da Vixía é un lugar significado desde tempos antigos. Alí atopou Francisco Tettamancy a rocha dos petróglifos que se custodia no Museo do Castelo de San Antón. Alí estaba a garita dende a que o vixía controlaba a entrada dos barcos cara ao porto. Nos anos cincuenta do pasado século un navío coreano equivocou a ruta e enfilou directamente cara ao Orzán. Afortunadamente o vixía deu aviso para que rectificase a súa derrota. Ese ano, polo Antroido, Canzobre incluíu esta cantarea no seu repertorio:
Pero o vixía, ao velo entrar/ díxolle en coreano:
telefuken pola China/ que che poden atracar.
A Pena da Vixía é hoxe un lugar invisíbel para a maioría das persoas que habitan esta cidade. En clave de celebración, XX anos de literatura, Xurxo Souto convídanos a unha viaxe cara ao espazo interior.
Recoméndase a quen o teña, que acuda cun exemplar de O Retorno dos Homes Mariños, ou de A Gran Travesía de Chiruca Macallás, novelas moi vencelladas con este espazo.