Alba de Gloria 2015 no Pico Sacro, o sábado 18 de xullo

A5932796 Federación GALIZA CULTURA, a través das Asociacións Vagalumes e O Galo, vén celebrando este acto de irmandade entre natureza e cultura desde que se conmemorou no 2011 o 125 aniversario de Castelao co total desprezo por parte da Xunta e demais institucións galegas. O acto consiste na lectura pública do ALBA DE GLORIA de Castelao desde o cumio do Pico Sacro, espazo simbólico no que a terra se fai espírito e que a cultura do noso pobo recubriu de significados ao longo dos séculos. Rememoramos á xeración do Seminario de Estudos Galegos que reparou neste lugar emblemático, visitou e estudou, amosando unha actitude intelectual de interese e respecto polo propio que contrasta cos valores que agora se están a transmitir de fascinación provinciana polo alleo.
Seguimos a estela de Castelao quen acudiu en peregrinación até este lugar no 1925, cando unha ditadura impedía celebrar como se debera a festa nacional, e volveu imaxinariamente sobre el, desde o exilio, ao construír unha das súas pezas ensaísticas e literarias máis profunda, o “Alba de gloria”, discurso de celebración do día da patria galega. Para el era un lugar no que a resistencia do terreo a ser estepa, inspiraba a quen acreditaba en que o noso ser diferencial non ía ser borrado pola enxurrada reaccionario de entón. Por iso queremos render homenaxe a Castelao as asociacións culturais galegas porque queremos volver sobre os seus pasos físicos e intelectuais e homenaxear a este creador comprometido co seu pobo. Lembrar e retomar unha tradición que apesares das circunstancias conxunturais adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha alba de gloria para Galiza e a súa cultura.

Calros Solla, a máxia das montañas do Seixo ao Pico Sacro
Por iso este ano 2015 volvemos un ano máis a dar lectura ao Alba de Gloria no Pico. Desta volta contando coa presenza do poeta e investigador cerdedense Calros Solla, quen se ten caracterizado pola defensa do noso patrimonio material e inmaterial, estudando as nosas montañas sagradas, concretamente, o monte do Seixo, desvelándonos o significado que se agocha tras cada lenda e cada pedra deste santuario montesío, como un mapa para entender os ritos que aquí se levan a cabo, para desvelar as antigas celebracións precristiás e para descubri-la presenza dos vellos deuses.

PROGRAMA:
12:00 h.: Benvida a cargo do escritor Calros Solla e a continuación subida ao cumio do Pico Sacro (o último treito).
13:00 h.: Izado da bandeira por membros das Asociacións Culturais promotoras do acto “Vagalumes” de A Estrada e “O Galo” de Santiago.
De seguido lectura de Alba de Groria de Castelao por parte de representantes da A.C. O Galo de Santiago, de A. C. Vagalumes da Estrada, e das asociacións de Boqueixón e Vedra.
Himno Galego. Co gaiteiro Raúl Galego.
13:30 h.: Baixada do Pico Sagro mentres se explica a súa lenda, historia e valor natural a cargo de Iolanda Aldrei da Asociación A Granxa do Pico Sacro.
14:00 h.: Actuación no adro da capela do Pico Sacro, dos cantautores Mini e Mero.
14:45 h.: Xantar en: “Casa Castro”. Menú 10 €. Anotarse nesta ligazón.

Roteiro polas terras do Ulla. Guía: Iolanda Aldrei.
As persoas que non acudisen ás actividades de pola mañá, poden sumarse a este roteiro en calquera punto do seu percorrido.
16:15 h.: Saída desde “Casa Castro” en Sergude para Ponteledesma. Deixaranse a metade dos coches en Casa Castro.
16:30 h.: Ponteledesma: Ponte (s. XVI), pedra do fielato, o rio e as ínsuas cos seus fieitos arbustivos, carballos centenarios, loureiros, etc. Logo iremos nos autos ata Donas (4 km).
17:45 h.: Donas, a parroquia mais pequena de Galiza. Seguiremos parte do roteiro dos pescadores e ollaremos a Casa Grande, a fervenza das tres caídas e a burga de augas mineiro-medicinais (moi acaídas para a pel). Logo iremos nos autos ata Codeso (3 km).
19:00 h.: Codeso. Na área de S. Paio veremos a ermida (s. XVIII), e ao lonxe, na serra, a dor da pedra: as grandes canteiras do Serrabal, nas que cada día se fende o seixo. Desde a capela de S. Paio baixaremos (2 km.) pola beira do rio Grande pasando por un bosque de ribeira e por tres muíños restaurados; observaremos a fauna, a flora e plantas de cultivo que medran salvaxes (liño). Remataremos ante dúas fermosísimas fervenzas.

Se alguén o desexa, ten a oportunidade de asistir á Romaría da Fervenza que comeza encol ás 21:00 h. Celébrase ao carón da ermida de S. Paio e nela participan varios grupos de música popular, que, como todos os desta zona, son mestres na interpretación coa requinta.

Alba de Gloria 2014 no Pico Sacro, o sábado 19 de xullo

Desde Galiza Cultura:
“A Federación de asociacións culturais GALIZA CULTURA ven celebrando desde que se conmemorou no 2011 o 125 aniversario de Castelao co total desprezo por parte da Xunta e demais institucións galegas a lectura pública do ALBA DE GLORIA de Castelao desde o cumio do Pico Sacro, espazo simbólico no que a terra se fai espírito e que a cultura do noso pobo recubriu de significados ao longo dos séculos. Rememoramos á xeración do Seminario de Estudos Galegos que reparou neste lugar emblemático, visitou e estudou, amosando unha actitude intelectual de interese e respecto polo propio que contrasta cos valores que agora se están a transmitir de fascinación provinciana polo alleo.
Cúmprense 90 anos desde que Castelao acudiu en peregrinación até este lugar no 1924, cando unha ditadura impedía celebrar como se debera a festa nacional, e volveu imaxinariamente sobre el, desde o exilio, ao construír unha das súas pezas ensaísticas e literarias máis profunda, o Alba de gloria, discurso de celebración do día da patria galega. Para el era un lugar no que a resistencia do terreo a ser estepa, inspiraba a quen acreditaba en que o noso ser diferencial non ía ser borrado pola enxurrada reaccionario de entón. Por iso queremos render homenaxe a Castelao as asociacións culturais galegas porque queremos volver sobre os seus pasos físicos e intelectuais e homenaxear a este creador comprometido co seu pobo. Lembrar e retomar unha tradición que apesares das circunstancias conxunturais adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha alba de gloria para Galiza e a súa cultura.
Por iso este ano 2014, nun contexto agravado pola dedicación das letras galegas a un membro dun réxime que pretendeu exterminalas, volvemos un ano máis a dar lectura ao Alba de Gloria no Pico. O programa deste ano quedaría como segue:
12:00 h. Benvida a cargo do escritor Xosé Luís Santos Cabanas e subida ao cumio do Pico Sacro (o último treito).
12:30 h. Izado da bandeira por 2 membros da Asociación Cultural “Vagalumes” de A Estrada. Actuación do gaiteiro nubeiro Raúl Galego. Leitura de Alba de Groria de Castelao por parte dun representante da A. C. O Galo de Santiago, Marisa Otero da Asoc. Sennunpeso de Vedra, Maria Xosé Sánchez Sebio veciña de Codeso (Boqueixón) e Iolanda Aldrei da Asoc. de A Granxa do Pico Sacro.
13:00 h. Roteiro guiado ao redor do Pico Sacro comentando a súa historia, valor natural e paisaxístico, e para ollar as súas furnas.
13:45 h. Actuación dos cantautores Mini e Mero no atrio da capela do Pico Sacro.
14:45 h. Xantar en Casa Castro en Sergude. É necesario anotarse antes do 18-07-2014 aquí.
Visita guiada Da auga e da pedra. Guía: Iolanda Aldrei.
16:30 h. Saida desde Casa Castro en Sergude para ir á aldea de San Paio. Deixamos a metade dos autos no inicio e levamos a outra para o final da ruta a pé.
16:45 h. San Paio-Donas. A pé sobre 3 km. Pasarase por unha carballeira, por zonas con bosque atlântico, duas fervenzas e varios muíños restaurados. Se alguén o prefire pode facer case todo este treito en coche pero perderá grande parte da súa beleza medioambiental e sociocultural. Véxase aquí.
19:00 h. Donas-Ladeira do Pico Sacro. Desprazamento nos automóbiles. Ollaremos a igrexa de San Lourenzo que especialmente abrirán para esta visita. Dentro conserva pinturas murais (s.XVII-XVIII) e restos arquitectónicos dos s.XII-XIII. Ligazóns 1 e 2
19:45 h. Centro de Interpretación do Pico Sacro. Desprazamento nos automóbiles.
Complétase o roteiro neste centro ubicado na antiga Casa do Cura de Lestedo e que tamén abren para nós. Nel achegarémonos ao ecosistema, e a historia e cultura das Terras do Pico Sacro e do Val do Ulla. Ligazóns 1, 2 e 3.
Con mal tempo, a visita guiada farase só en coches e unicamente veremos o interior da igrexa de A Granxa e o Centro de Interpretación do Pico Sacro.
Pídese asistir a toda, ou a parte desta actividade que organiza a Federación Galiza Cultura a través da Agrupación Cultural O Galo e A. C. Vagalumes e coa colaboración de asociación e veciños das parroquias do Ulla, que tamén deste xeito queren revalorizar o seu patrimonio e lembrar a forte vinculación de Castelao con esta terra.”