Arquivos da etiqueta: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Crónica da excursión inaugural da Ruta Costa do Solpor
Desde
o blogue Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez:
“(…) Organizada polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM) e coa colaboración da Asociación de Escritoræs en Lingua Galega (AELG) o pasado 17 de outubro tivo lugar a primeira excursión ou excursión inaugural da Ruta Costa do Solpor, ruta que combina o turismo coa literatura, pois pretende levar os viaxeiros no tempo polos principais escenarios nos que se desenvolveu, en agosto de 1761, a narración.
Lembremos que Costa do Solpor empeza onde remata A illa do tesouro, a famosísima obra do escritor escocés Robert Louis Stevenson, e esta é a sinopse da súa trama:
Un descoñecido escritor en lingua inglesa narra polo miúdo, a finais do séc. XIX, a viaxe de volta da goleta Hispaniola, cargada cun fabuloso tesouro conseguido tras múltiples penalidades nunha perdida illa do Atlántico. Tal viaxe de volta non fora o camiño de rosas da narración stevensoniana, pois o navío tivo serios contratempos na costa galega máis occidental, a chamada Costa do Solpor ou do Solposto, ó ser abordada fronte ó cabo Vilán por dous navíos corsarios con base no porto da Coruña. O destino da goleta era ser incendiada, despois de lle quitar o seu tesouro, con todos os seus tripulantes dentro en mar aberto; pero o grumete Jim Hawkins logra escapar e acadar a costa, onde coñece un mozo pegureiro chamado o Chavián e unha valente fidalga chamada dona Mariña de Lobeira que o van axudar a salvar os seus compañeiros dunha morte certa e recuperar o seu tesouro.
Éxito de convocatoria: todas as prazas cubertas (55)
O SEMESCOM anunciara a excursión no seu web con quince días de antelación, e no prazo dunha semana xa practicamente estaban cubertas todas as prazas, que nun principio eran 50, pero que houbo que ampliar a 55 atendendo algunhas peticións. Nin que dicir ten que houbo lista de espera, pero ninguén se deu de baixa a última hora. O éxito de convocatoria foi total; faltaba por ver se tamén sería exitoso o desenvolvemento do percorrido cos seus horarios tal como prepararan dous membros do Seminario. (…)”
Ourense: Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. A pegada das mulleres desde a tradición oral a actualidade, con Fina Casalderrey e Helena Villar Janeiro
A
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colabora co Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. A pegada das mulleres desde a tradición oral a actualidade, que se desenvolve do 19 de outubro de 2015 ao 9 de novembro de 2015, ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Terá lugar na Sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Facultades, Campus de Ourense (como chegar).
Todas as sesións serán ás 17:00 horas, e con entrada libre.
Información e coordinación: Isabel Mociño González, imocino@uvigo.es
26 de outubro
A literatura infantil e xuvenil. Mestras e creadoras.
– Fina Casalderrey (mestra e escritora).
– Helena Villar Janeiro (mestra e escritora).
3 de novembro
Oralidade e dramaturxia infantil. Das nais ás mestras.
– Paula Carballeira (contacontos, actriz e escritora).
9 de novembro
A poesía infantil. Música dende o colo materno.
– Antonio García Teijeiro (mestre e poeta).
Clausura.
Galería de fotos do Paseo pola Coruña Literaria do 17 de outubro, con Dores Tembrás
Deixamos aquí parte das fotos do Paseo pola Coruña Literaria, da man de Dores Tembrás, que tivo lugar o pasado 17 de outubro. A Galería de Fotos completa pódese ver aquí.
A Coruña: Roteiro literario pola cidade con Xurxo Souto: “Tras das pegadas do Antigo Gremio de Mareantes”
Para
participar deste itinerario non é necesaria inscrición previa, unicamente cómpre achegarse á coruñesa igrexa de Santo Andrés o sábado 24 de outubro ás 11:00 horas e sumarse ao percorrido para coñecer un pouco máis da Coruña literaria e mariñeira. Dende alí principiarase un percorrido pola Pescadería e a Cidade Vella na procura dos elementos -de tan cotiáns invisibles- que seguen a significar a importancia na Coruña do antigo gremio. Terá unha duración aproximada de dúas horas.
Este percorrrido fai parte das actividades do obradoiro de creación literaria Historias da cidade-Barco. A Coruña e o mar, que está a impartir o escritor Xurxo Souto no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, e que se inscribe dentro do programa Escola de Escritoras e Escritores da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), financiado pola Deputación Provincial da Coruña e a Consellaría de Cultura, iniciativa coa que se pretende animar a escribir textos literarios mediante a manipulación de formas lingüísticas e a imitación de modelos expresivos da nosa tradición literaria, particularmente a relacionada co mar, aos que podemos chegar mediante o xogo e a descuberta da nosa propia creatividade. Outro dos obxectivos é o de dar a coñecer o sistema literario como elemento configurador en sentido amplo do concepto de cidadanía e de pertenza a un sistema cultural. Considerando, pois, que o benestar persoal e colectivo non descansa unicamente na suficiencia económica, e que se basea principalmente no goce dunha cultura normalizada, respectuosa coa tradición para, desde aí, abrirse ao futuro.
DO ANTIGO GREMIO DE MAREANTES
Durante toda a Idade Media a agrupación gremial máis poderosa da Coruña foi a dos mariñeiros: o Antigo Gremio de Mareantes. A comezos do século XVI participaban nel máis de 600 confrades coas súas respectivas familias. A súa igrexa deu nome á rúa máis importante da Pescadería: Santo Andrés. E o día do patrón –conforme recollían as ordenanzas- corenta mariñeiros novos alí bailaban unha danza gremial na súa honra.
No ano 1589 o corsario Drake queimou o hospital e a igrexa dos mareantes. No incendio perdéronse arquivos, ordenanzas e privilexios, e con eles a propia memoria da importancia deste gremio. No século XIX un home de negocios comprometeuse a restaurar a igrexa para os mariñeiros, mais ao final quedou coa propiedade do templo. Chamábase Eusebio da Guarda.
Afortunadamente nos últimos anos do pasado século o historiador Santiago Daviña, tras múltiples pescudas polos arquivos, foi quen de recuperar documentos e ordenanzas. Claves preciosas para poder interpretar as pegadas que os mariñeiros deixaron polas rúas da Coruña. A cidade, ese libro que, como di Agustín Fernández Paz, se le camiñando.
Lugo: VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Sexo e obscenidade na literatura de tradición oral, mañá, sábado 24
A
VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Sexo e obscenidade na literatura de tradición oral terá lugar o sábado 24 de outubro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Lugo (Rúa Ramón Ferreiro, s/n). A actividade conta co apoio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.
Aberto o prazo de matrícula, gratuíta e preferente para socios/as da AS-PG e da AELG. Desde o 29/09/2015 até o 22/10/2015.
O profesorado do ensino non universitario e futuros/as ensinantes do ensino non universitario que queiran o certificado homologado pola Consellaría de Educación, terán que facer a matrícula a través da web da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, aquí. E aquí máis información sobre a Xornada.
As persoas que non estean nesas circunstancias ou que non lles interese o certificado homologado, deberán incribirse dirixíndose á secretaría técnica da AELG a través do correo oficina@aelg.org ou o teléfono 981 133 233 (horario de 09:00 a 14:30). Sigue lendo
Paseos polo Vigo Literario. Outono de 2015, con Fran Alonso e Fran P. Lorenzo
Os Paseos polo Vigo Literario. Outono de 2015, que terán lugar do 17 de outubro de 2015 ao 7 de novembro de 2015, son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.
Para se inscribir deben enviar os seus datos (nome completo e teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org (deben indicar a cal/es paseo/s irán), a partir do día 10 de outubro (inclusive) dende ás 10:00 e até se esgotaren as prazas (50 por paseo). Inscrición por orde de chegada do correo.
Todos os paseos con saída ás 11:30 h. Sigue lendo
Lugo: VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Sexo e obscenidade na literatura de tradición oral, o sábado 24 de outubro
A
VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Sexo e obscenidade na literatura de tradición oral terá lugar o sábado 24 de outubro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Lugo (Rúa Ramón Ferreiro, s/n). A actividade conta co apoio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.
Aberto o prazo de matrícula, gratuíta e preferente para socios/as da AS-PG e da AELG. Desde o 29/09/2015 até o 22/10/2015.
O profesorado do ensino non universitario e futuros/as ensinantes do ensino non universitario que queiran o certificado homologado pola Consellaría de Educación, terán que facer a matrícula a través da web da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, aquí. E aquí máis información sobre a Xornada.
As persoas que non estean nesas circunstancias ou que non lles interese o certificado homologado, deberán incribirse dirixíndose á secretaría técnica da AELG a través do correo oficina@aelg.org ou o teléfono 981 133 233 (horario de 09:00 a 14:30). Sigue lendo
Programa de Con barqueira e remador. IV Obradoiro Internacional de Tradución Poética
Con barqueira e remador. IV Obradoiro Internacional de Tradución Poética
A AELG colabora, canda o Concello de Pontevedra, no acto do mércores, 21 de outubro, ás 21:20 horas, na Casa da Luz (Praza da Verdura, Pontevedra). Mostra tanto do traballo poético das persoas participantes no obradoiro como do labor de tradución ao galego desenvolvido durante o proxecto.
Antonio Reigosa: “A RAG debería pensar nun Día das Letras dedicado á literatura oral”
Entrevista
a Antonio Reigosa en Sermos Galiza:
“Antonio Reigosa (Mondoñedo, 1958) é escritor e investigador da literatura galega de tradición oral. Foi o responsábel do grupo de literatura de tradición oral no último congreso da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG). Nesta conversa, debúllanos as claves desta literatura.
– Sermos Galiza (SG): Cal é o estado actual da literatura de tradición oral?
– Antonio Reigosa (AR): É complicado facer un diagnóstico porque a literatura oral vai asociada á situación da lingua, que non é precisamente boa: baixan os falantes, os lugares de transmisión da literatura de tradición oral perden poboación… Eu son optimista na medida en que a oralidade é fundamental para a comunicación e para a transmisión de cultura e coñecementos, pero son pesimista en canto a que o galego como principal lingua de comunicación desa cultura está nunha situación moi grave.
– SG: No relatorio do congreso da AELG sobre literatura de tradición oral falou da posibilidade de convertérmonos nunha xeración muda. A que se refería?
– AR: É unha metáfora. Trátase de explicar que nas culturas tradicionais o coñecemento e a literatura transmítense fundamentalmente pola vía oral, pero se as posibilidades de comunicación oral (como o espazo familiar ou nos que a rapazada se xuntaba a xogar) desaparecen ou non se practican provócase unha fenda de comunicación oral na cadea. Correríase entón o risco de perder a transmisión de coñecementos e cultura e, polo tanto, converteriámonos en mudos e non habería posibilidades de superalo. Se hai unha ou varias xeracións mudas, que non transmiten, o herdado é irrecuperábel.
– SG: Como lle afecta a internet á literatura de tradición oral?
– AR: Internet é unha boa oportunidade para a oralidade pola súa función documental. Normalmente, aprendemos por imitación, algo que nos permite o feito de colgar vídeos. Ademais, permite a interacción entre persoas que se atopan en distintas partes do mundo.
– SG: Cales son os retos da literatura de tradición oral?
– AR: Que o ensino recupere a oralidade como sistema de comunicación, é dicir, que se lle dea moito máis espazo e tempo á expresión oral, porque propiciará que haxa un emprego da capacidade do discurso. Non se trata tanto de recuperar, porque nunha parte do patrimonio oral é irrecuperábel e desaparece coas persoas. Trátase de poñer en valor e de prestixiar a quen é capaz de ensinar a técnica dun oficio ou que sabe contar unha historia ben contada. Tamén sería un xeito de prestixiar o patrimonio.
– SG: Referíase vostede ao ensino, como se atopa a literatura de tradición oral no ámbito escolar?
– AR: Apenas forma parte do currículum, polo que depende máis do voluntarismo de profesores, que si traballan tendo en conta a literatura oral e que tratan de chamar a atención do alumnado sobre parte de patrimonio con referencias toponímicas, contos, lendas urbanas… pero non hai ningún temario en ningún dos cursos do ensino obrigatorio que trate a literatura oral con certa profundidade. Ademais, á formación do profesorado tampouco se lle dá moita importancia (dáselle á escrita, pero non á oral).
– SG: Que precisa esta literatura?
– AR: Non hai receitas máxicas. É importante programar actividades culturais na que a protagonista sexa a oralidade e na que o ingrediente básico e a estrela sexa o que se transmite.
– SG: A AELG organiza o próximo sábado as xornadas de literatura de tradición oral. Que nos pode adiantar ao respecto?
– AR: Trátase xa da oitava edición e nesta ocasión vaise falar do sexo e da obscenidade, que polos prexuízos e tabús son aspectos que apenas se difunden. Hai que facer visíbel que moitos chegamos ao mundo do coñecemento do sexo a través de historias que os maiores nos contaban. Acontece o mesmo co escatolóxico, que todos oímos pero que queda nun espazo de bar, de “colegueo” ou de infancia.
– SG: Que salienta das conclusións ás que chegaron no Congreso da AELG sobre literatura de tradición oral?
– AR: En primeiro lugar, chamar a atención da RAG para que pense nun Día das Letras Galegas dedicado á literatura de tradición oral. Sempre son protagonistas autores con obra impresa. Unha das principais características da literatura oral é o anonimato, polo que a protagonista do Día das Letras sería a temática. Tamén temos personaxes que no campo da investigación foron referentes, ou obras como Contos populares da provincia de Lugo ou os Contos vianeses, de Laureano Prieto. As fórmulas poderían ser varias. Á marxe disto, acordamos promover recreacións nas que a oralidade sexa fundamental: teatro, revistas orais, encontros temáticos…”







