Desde Sermos Galiza:
“A Academia decide o día 21 a quen lle dedicará o Día das Letras Galegas. Tres membros do plenario terán que presentar cada unha das propostas que logo se debaterán no plenario. Durante estas xornadas previas, os nomes amoréanse entre as posíbeis candidaturas e, canda os que cada ano recuncan nestas datas, súmanse outros que por vez primeira nesta edición cumpren as condicións requeridas pola Academia.
Á listaxe incorpóranse os nomes de dúas escritoras, mortas a idade temperá que revalidarían o entusiasmo que se viviu no ano de Lois Pereiro. A escritora Luísa Villalta e a poeta e tradutora Xela Arias poderían xa ser as protagonistas dun novo Día das Letras que contarían co respaldo do seu entorno literario e da súa obra contemporánea. Xela Arias morreu en 2003 e Luísa Villalta o 6 de marzo do 2004, é dicir, en calquera dos casos o 17 de maio tería feito dez anos do seu pasamento. Tanto unha como outra están aínda na memoria persoal dos seus contemporáneos, homes e mulleres, en especial poetas, que compartiron con elas iniciativas e proxectos e formaron parte do panorama cultural desde os anos oitenta.
Canda elas, o nome de Ricardo Carvalho Calero volve de novo ao escenario, mais, coa condición que desta volta fai máis explícita a Academia de que sexan os propios numerarios os que acheguen o nome ao plenario, faise máis difícil aínda mesmo a presentación da súa candidatura. Desde fóra de Tabernas, a de Carvalho Calero é unha das demandas que máis vontades congrega por unha parte da intelectualidade que entende xa como inxustiza que non se recoñeza unha figura que contribuíu como poucas á historia da lingua e a literatura e cunha sólida obra literaria.
Máis forza cobra este ano a figura de Díaz Castro, eterno candidato ao que o centenario o próximo 2014 dálle aínda máis forza, avaliada pola campaña que se está a desenvolver desde Guitiriz e a iniciativa promovida polo propio alumnado do centro de ensino Poeta Díaz Castro que presentou un audiovisual dedicado ao autor de Nimbos.
Candidato asegurado para o Día das Letras Galegas é Carlos Casares, que por segunda vez podería optar á homenaxe aínda que parte do seu entorno prefería por distintas razóns, cando menos na anterior edición, agardar algo máis a que se conmemorase a súa figura cun Día das Letras Galegas.
Do exilio e a resistencia antifranquista, dous nomes de dous narradores entran nunha posíbel listaxe para o 17 de maio. O escritor Ramón de Valenzuela, autor de Non agardei por ninguén ou Era tempo de apandar, entre outras e o xornalista e narrador Manuel Lueiro Rey poderían ser protagonistas da homenaxe da Academia. Os dous mantiñan relación persoal e política co presidente da Academia, Xesús Alonso Montero.
A proposta do poeta berciano Antonio Fernández Morales, candidato apoiado pola Asociación Xarmenta e tamén unha firme aposta do anterior presidente Xosé Luís Méndez Ferrín é outro dos nomes que soan en cada edición. Desta volta, o nome do autor de Paradela, Manuel Rodríguez López chega á sede de Tabernas proposto por GaliciaDixital.”