Presentación oficial do Protocolo para garantir os dereitos lingüísticos

Desde Sermos Galiza:
“A Mesa pola Normalización Lingüística estivo presente no acto, que tivo lugar en Donostia e no que as primeiras palabras correron a cargo de Pilar García Negro e Aureli Argemí.
O palacio Kursaal de Donostia contou cunha afluencia masiva de centos de axentes e cidadáns chegados de diferentes territorios de Europa, entre eles Galiza, para a presentación oficial do Protocolo de garantía dos dereitos lingüísticos. Segundo as palabras pronunciadas por Paul Bilbao, secretario xeral de Kontseilua, “este protocolo supuxo un exercicio práctico de empoderamento histórico, en tanto que os axentes sociais demostraron a súa capacidade para confeccionar unha ferramenta eficaz para responder as necesidades ligadas á garantía dos dereitos das linguas minorizadas”. Destacou Bilbao a ampla solidariedade lingüística que percibiu durante todos estes meses ao longo de Europa. “A participación foi a clave do éxito deste protocolo, e fomos capaces de demostrar que, a pesar de ser comunidades pequenas, se nos unimos temos unha capacidade enorme”.
As primeiras palabras foron pronunciadas por Aureli Argemí e Maria Pilar García Negro, que estiveron presentes hai vinte anos no proceso de elaboración da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos. “Somos 40 millóns de persoas, no continente europeo, as que temos unha lingua propia diferente das oficiais dos Estados. Se os nosos idiomas son obrigados a vivir nunha sorte de réxime de oracións subordinadas, en virtude do cal só existan para certas funcións, só se practiquen onde nolo permitan e cando non molesten, entón, os principios da democracia, da igualdade de oportunidades, do respeito á pluralidade, á diversidade, e á xustiza, veranse seriamente comprometidos ou ben ficarán sen contido”, explicaba María Pilar García Negro.
García Negro citou Castelao na súa intervención, rendendo homenaxe ao rianxeiro lembrando unha das súas pasaxes: “Eu dígolles que a variedade de idiomas, ca súa variedade de culturas, é o signo distintivo da nosa especie, o que a fai superior a dos animais. Aí vai a demostración: un can de Turquía ladra igual ca un can de Dinamarca; un cabalo das Pampas relincha igual ca un cabalo de Bretaña. E, sabedes por que? Porque todos os pobres animais aínda están en idioma universal”.”