A AELG lamenta fondamente a perda do seu Mestre da Memoria Aurelio Ramos Ogando

A AELG lamenta fondamente a perda do seu Mestre da Memoria Aurelio Ramos Ogando, veciño do lugar da Alén, na parroquia de Xirazga, no concello de Beariz (Ourense), magnífico contador.

Ben coñecido pola súa facilidade de palabra, o seu humor e a súa disposición, posúia distintos e notábeis talentos: tanto pode coller a gaita para animar unha festa como improvisar un discurso en verso ao xeito dos brindeiros.

Aurelio deu fe a través das súas narracións dos lugares onde os mouros deixaron as súas marcas e tesouros nos montes de Xirazga e arredores. Conservou a memoria intacta e contou de xeito sublime as historias e aventuras da xente da parroquia, dos que xa non están pero non se esquecen.

Foi galardoado pola AELG como Mestre da Memoria no ano 2021. Aquí pode lerse a laudatio de Aurelio Ramos Ogando, elaborada por Calros Solla.

Vexa aquí o fondo videográfico coas participacións de Aurelio na Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG.

Crónica fotográfica da Gala dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2021, en Lugo

A Gala dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2021 é unha actividade da AELG, co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo. A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñecer como Mestras e Mestre da Memoria 2021 respectivamente a Teresa dos Cucos e Aurelio Ramos Ogando, polas súas achegas á mesma ao longo das súas vidas, contribuíndo así a manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular. As distincións entregáronse no marco da VI Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, celebrado no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Lugo: Gala dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2021, o 29 de outubro

A Gala dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2021 é unha actividade da AELG, que conta co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñecer como Mestras e Mestre da Memoria 2021 respectivamente a Teresa dos Cucos e Aurelio Ramos Ogando, polas súas achegas á mesma ao longo das súas vidas, contribuíndo así a manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular.

As distincións entregaranse no marco da VI Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo, co apoio do Concello de Lugo, o 29 de outubro.
O acto terá lugar no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo (Praza da Constitución, s/n) a partir das 18:00 horas.

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

Mestra da Memoria 2021: Teresa dos Cucos

Teresa dos Cucos desenvolveu desde nena un marcado gusto polo canto tradicional, cunha traxectoria reivindicada xa previamente por artistas como Mercedes Peón, Xurxo Souto, Sés ou Xabier Díaz, pero tamén por novas figuras como as Tanxugueiras. Todas elas teñen pasado pola súa casa da Pontella para aprenderen coplas, letras de pezas tradicionais nunca manuscritas, que Teresa conserva intactas na súa memoria e non dubida en cantar.
Ten comparecido ao longo destes anos en varios programas da televisión en innúmeras ocasións (Luar ou Alalá), tamén acompañada do grupo de pandeireteiras de Limiñoa do que fai parte e, ademais, colabora coa Fundación Eduardo Pondal, no Couto.
De orixe humilde, seu pai era mariñeiro de baixura e ela alternou dende moi nova os traballos do agro cos da construción, pero nunca deixou de cultivar o gusto polo canto pois, como ela di, unha cantarea é o mellor xeito de expresarmos o que sentimos.

Mestre da Memoria 2021: Aurelio Ramos Ogando

Aurelio Ramos Ogando é veciño do lugar da Alén, na parroquia de Xirazga, no concello de Beariz (Ourense) e é un magnífico contador. É ben coñecido pola súa facilidade de palabra, o seu humor, a súa disposición e posúe distintos e notábeis talentos: tanto pode coller a gaita para animar unha festa como improvisar un discurso en verso ao xeito dos brindeiros.
Aurelio dá fe a través das súas narracións dos lugares onde os mouros deixaron as súas marcas e tesouros nos montes de Xirazga e arredores e sería quen de falar con eles coma un outro.
Conserva a memoria intacta e conta de xeito sublime as historias e aventuras da xente da parroquia, dos que xa non están pero non se esquecen.

Con esta escolla, a AELG continúa un ano máis recoñecendo a figura e a traxectoria das persoas que, co seu xeito de estaren no mundo, contribúen a preservar a nosa memoria colectiva como pobo, a tradición oral e en definitiva, parte esencial da lingua e a cultura do noso país.