Espello Cóncavo repara a “inxustiza histórica” da exclusión de Azos de esguello do CDG

Desde Praza:
“(…) Espello Cóncavo será a encargada de reparar o que o seu director, Arturo López, cualifica de “inxustiza histórica”: a negativa, por parte do CDG, a representar Azos de esguello, de Euloxio R. Ruibal, gañadora no 1989 dese mesmo galardón, o Cunqueiro. Será, deste xeito, Espello Cóncavo a primeira compañía profesional que estreará, máis de vinte anos despois, esta obra, o vindeiro mes de febreiro. (…) Euloxio Ruibal si cre que as presións políticas estiveron detrás da decisión de marxinar Azos de esguello.
“O que fixen foi unha sátira de certa clase política dos comezos da preautonomía. Aquelas corruptelas que se foron engrosando ata volverse, na actualidade, de proporcións xigantescas. O daquela director do CDG, Manuel Guede, decatouse de que Azos de esguello ía molestar á Consellería e á Xunta. E por iso non quixo que a obra se representase, malia que xa existía un compromiso por parte do anterior director, Blanco Gil. Mesmo había unha compañía formada xa, de palabra”, asegura. A versión de Guede é ben distinta. “Sempre tiven unha liberdade absoluta para decidir sobre a programación. O motivo polo que Azos de esguello non se representou é que non me interesaba, desde o punto de vista estético. (…)”.”
[Euloxio Ruibal]: “Eramos unha xeración sen mestres, debido á fractura que supuxera a guerra civil. Pero interesábanos moito o teatro de preguerra: Castelao, Otero Pedrayo, Blanco Amor… Eu comezara en Ditea, e a maioría das compañías tiñamos claro que a loita contra o franquismo era fundamental. Pero non queriamos facer consignas, senón un traballo de calidade estética, conectado co teatro europeo. Falabamos moito de Brecht, de Stanislavski…, iamos fóra, e desde Teatro Obradoiro mesmo trouxemos moi bos grupos de teatro independente á Caixa de Aforros, ata que nos botaron por roxos, porque preferían un teatro para un público burgués, como agora”, asegura. (…)”.

Euloxio R. Ruibal: “Estamos secuestrados”

Entrevista a Euloxio R. Ruibal en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): O texto non chegou a ser representado por unha decisión pouco cultural, senón máis política.
– Euloxio R. Ruibal (ER): É unha obra [Azos de esguello]que vai máis alá do que eu pensara. Loxicamente hai unha intencionalidade na súa escrita pero pertence a unha época na que a nosa sociedade estaba en plena convulsión. Acababamos de saír da ditadura e non estaban asentados os alicerces dunha sociedade que cambiou do día para outro. Nesta sociedade había lugar para todo tipo de picaresca. Naquel momento, empezaban os negocios fáciles e pequenas corruptelas. Non está baseada en ningún caso concreto senón en moitos casos e nos distintos poderes que daquela ían collendo as rendas: era xente nova, que nunca se dedicara á política, empresarios agresivos cun espírito e unha ideoloxía liberal que se presentaban a si mesmos como demócratas…. pero realmente había moita falsidade en todo iso. Empezaba a haber pola miña parte un desconcerto e un desencanto. Despois de sufrir unha ditadura, tiñamos esperanzas pero viamos que esas esperanzas empezaban a esvaecerse. Había poderes que comezaban a degradarse. A obra foi máis alá do que eu quixen. Molestou porque estaba tocando algunhas teclas incómodas. Loxicamente, a obra gañara un premio oficial e ía ser representada pero houbo xa por parte de dous directores intentos de desbotala dalgunha maneira sibilina. Desaparecera a censura pero foise renovando: agora segue a habela e practícase doutra maneira. Non era censura oficial pero había outros medios máis sutís para evitar que se chegase a representar. Eu sabía que non ía poder ser pero protestamos para poñelo a descuberto.”