A Coruña: Memorial de Teatro Ibán Toxeiro

O xoves 7 de novembro, a partir das 20:30 horas, no Centro Ágora da Coruña, con entrada gratuíta, terá lugar a XVII edición do Memorial de Teatro Ibán Toxeiro, organizado pola A. C. Alexandre Bóveda.
Esta edición servirá ademais de como lembranza do tristemente finado Ibán Toxeiro, tamén de homenaze á figura da muller no teatro galego, e así diversas e consagradas actrices representarán obras de microteatro coa muller como figura central. Nesta ocasión contaremos coas seguintes actuacións:
Maggy, por Manuela Valera, de Espello Cóncavo.
Marta, por Uxía Vázquez, de Teatro Proscrito.
La mamma, por por Luma Gómez, de Teatro do Noroeste.
Ópera de a patacón, polo grupo de teatro da A. C. Alexandre Bóveda.
– Entrega do VI premio Alexandre Bóveda de teatro amador Ibán Toxeiro para Flor Maceiras pola súa contribución ao desenvolvemento do teatro amador en Galicia.
– Dirixe e presenta a obra o director Lino Braxe.

Cúmprense once anos da morte de Roberto Vidal Bolaño

Artigo de Camilo Franco en La Voz de Galicia:
“Hoxe cúmprense once anos desde que desapareceu Roberto Vidal Bolaño e a actividade arredor do Día das Letras decaeu considerablemente tras pasar o 17 de maio. Ao longo deste ano foi perfilándose unha imaxe na que gañou peso o nariz de pallaso como representación icónica e na que se ampliou o abano sobre os campos nos que Vidal Bolaño foi facendo profesión durante a súa vida: dese a escrita á interpretación.
Para a súa viúva e cofundadora de Teatro do Aquí, este ano foi o da «insistencia sobre un Roberto Vidal Bolaño e a ocultación doutro que tamén existiu e que tamén foi importante».
Advirte Belén Quintáns que a coincidencia das celebracións do Día das Letras Galegas con todas as actividades relacionadas co sesquicentenario da publicación de Cantares gallegos «prexudicou en canto a promoción e número de actividades as que se podería ter feito con Bolaño». Unhas actividades nas que, segundo Quintáns, «habería que ter en conta a relación literaria que Roberto tivo coa figura de Rosalía, que é máis que evidente».
Noutro sentido, estes once anos desde a desaparición do dramaturgo teñen un efecto estraño desde a perspectiva de Belén Quintáns porque, segundo explica, «hai ocasións nas que parece que se está falando de cousas que pasaron hai corenta anos, pero son cousas que pasaron hai ben pouco e algunhas delas aínda están ben vivas».
Para Belén Quintáns hai espazo aínda para «profundizar na súa obra e transcender algúns dos aspectos xerais».
Durante estes días a Escola Superior de Arte Dramática está celebrando, na súa sede de Vigo, Escénika, un congreso de investigacións teatrais que, nesta edición dedica unha parte do seu tempo á obra de Vidal Bolaño.
Por outra parte, Espello Cóncavo representará o vindeiro sábado no Teatro Colón da Coruña, Anxeliños!, unha das obras máis premiadas de Vidal Bolaño, as 20.30 horas.”

Espello Cóncavo repara a “inxustiza histórica” da exclusión de Azos de esguello do CDG

Desde Praza:
“(…) Espello Cóncavo será a encargada de reparar o que o seu director, Arturo López, cualifica de “inxustiza histórica”: a negativa, por parte do CDG, a representar Azos de esguello, de Euloxio R. Ruibal, gañadora no 1989 dese mesmo galardón, o Cunqueiro. Será, deste xeito, Espello Cóncavo a primeira compañía profesional que estreará, máis de vinte anos despois, esta obra, o vindeiro mes de febreiro. (…) Euloxio Ruibal si cre que as presións políticas estiveron detrás da decisión de marxinar Azos de esguello.
“O que fixen foi unha sátira de certa clase política dos comezos da preautonomía. Aquelas corruptelas que se foron engrosando ata volverse, na actualidade, de proporcións xigantescas. O daquela director do CDG, Manuel Guede, decatouse de que Azos de esguello ía molestar á Consellería e á Xunta. E por iso non quixo que a obra se representase, malia que xa existía un compromiso por parte do anterior director, Blanco Gil. Mesmo había unha compañía formada xa, de palabra”, asegura. A versión de Guede é ben distinta. “Sempre tiven unha liberdade absoluta para decidir sobre a programación. O motivo polo que Azos de esguello non se representou é que non me interesaba, desde o punto de vista estético. (…)”.”
[Euloxio Ruibal]: “Eramos unha xeración sen mestres, debido á fractura que supuxera a guerra civil. Pero interesábanos moito o teatro de preguerra: Castelao, Otero Pedrayo, Blanco Amor… Eu comezara en Ditea, e a maioría das compañías tiñamos claro que a loita contra o franquismo era fundamental. Pero non queriamos facer consignas, senón un traballo de calidade estética, conectado co teatro europeo. Falabamos moito de Brecht, de Stanislavski…, iamos fóra, e desde Teatro Obradoiro mesmo trouxemos moi bos grupos de teatro independente á Caixa de Aforros, ata que nos botaron por roxos, porque preferían un teatro para un público burgués, como agora”, asegura. (…)”.

Culleredo: Espello Cóncavo representa Anxeliños, de Roberto Vidal Bolaño

O vindeiro venres día 14 de maio ás 20:30 horas no Edificio de Servicios Múltiples do Burgo, terá lugar a terceira das funcións teatrais que forman parte do Ciclo de Teatro Profesional “Adolfo Marsillach” incluído no programa dos Encontros Culturais de Primavera. Letras Galegas 2010 que organiza a Concellería de Cultura coa actuación da compañía teatral “ESPELLO CÓNCAVO” que poñerá en escena a obra “ANXELIÑOS” escrita por Roberto Vidal Bolaño , dirixida por Arturo López e interpretada por: Fernando Morán, Rodrigo Roel, Estíbaliz Veiga, Isabel Risco e Manu Fernández.