Adeus Ano Castelao, adeus Ano Manuel María

Desde Sermos Galiza:
“(…) Nesta semana coinciden os dous actos de peche destas celebracións. O 15 de decembro no Teatro Colón da Coruña e o 18 no Pazo da Cultura de Pontevedra.
A música amorosa das palabras é o título do concerto de Uxía, Xabier Díaz e Guillerme Fernández que porá o ramo o vindeiro xoves día 15 de decembro ás 20:00 horas á conmemoración do Ano Manuel Maria por parte da Casa-Museo Manuel Maria, co apoio da Deputación da Coruña. No concerto interpretaranse 20 pezas, desde as máis emblemáticas como “O carro” ou “Manual para deprender a Señorito” até outras que farán un percorrido pola obra do poeta, desde as composicións máis íntimas até as máis comprometidas, pasando por algunhas irónicas. Ademais, tamén servirá de presentación da segunda edición do traballo en que Uxía canta a Manuel María que sae cun novo formato con 52 poemas, un para cada semana do ano.
“Para nós o traballo de difusión da súa obra non vai rematar en 2016 mais quixemos poñer un broche a este intensísimo ano cun acto que pensamos tamén como recoñecemento a tantas persoas que se implicaron na difusión da obra de Manuel María, un recoñecemento para entidades culturais, viciñais ou deportivas, bibliotecas públicas, centros de ensino e profesorado, xente do teatro que puxo en escena nove pezas súas, grupos musicais que fixeron cancións dos seus poemas e tantísimas persoas que contribuíron de forma decisiva para que a sociedade perciba a Manuel María como intérprete dos soños colectivos de galegos e galegas”, sinalou Alberte Ansede, da Fundación Manuel María.
Alberte Ansede destacou a relevancia de xuntar no mesmo concerto os nomes de Uxía, Xabier Díaz e Guillerme Fernández e anunciou que o acto servirá tamén para a presentación da segunda edición do traballo en que Uxía canta a Manuel María que sae cun novo e orixinal formato con 52 poemas, un para cada semana do ano.
A Gala Ano Castelao, que terá lugar o domingo 18 de decembro ás 18:00 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra, reúne teatro, música e humor gráfico nun espectáculo multidisplinar para adultos.
Estará presentada pola actriz Bea Campos e contará coa presenza do humorista Carlos Blanco e o debuxante Luís Davila, cun espectáculo adaptado de humor gráfico, con Xurxo Souto, Lydia Botana e 2naFronteira na parte musical, e con pezas teatrais que correrán a cargo de Celso Parada e de Limiar Teatro.
A entrada é de balde pero é necesario retirar ou reservar os convites con antelación.”