A Coruña: obradoiro de escritura creativa con Marina Mayoral

O xoves 7, venres 8 e sábado 9 de maio desenvolverase na Biblioteca González Garcés da Coruña un obradoiro de escritura creativa impartido por Marina Mayoral co título Técnicas narrativas e creación literaria. O curso vai principalmente destinado aos estudantes de Humanidades, mais tamén é útil para todos os interesados en facer literatura de ficción ou en xeral os que sinxelamente queren mellorar a expresión escrita das súas ideas e sentimentos. O horario das xornadas é de 10 a 13 horas e de 17 a 20. Para inscribirse é preciso chamar aos teléfonos 981170218 ou 981170219, ou ben mandar un correo electrónico a este enderezo, ou de maneira presencial na Sala de Consulta da Biblioteca. Colabora a Universidade da Coruña (solicitado un crédito de libre configuración na UDC).

A Coruña: recital do Grupo Ouriol para celebrar o Día Mundial da Poesía

A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés celebra o Día Mundial da Poesía o 21 de marzo co espectáculo poético-musical De amor e morte a cargo do grupo Ouriol formado por Eva Veiga, Bernardo Martínez e Fito Ares. Será o próximo venres 20 de marzo a partir das 20:30 no Salón de Actos da Biblioteca. A entrada é libre.

A Coruña: conferencia de Felipe Senén sobre o entroido

O xoves 19 de febreiro no Salón de Actos da Biblioteca González Garcés da Coruña (Rúa Miguel González Garcés, 1) pronunciará unha conferencia Felipe Senén sobre o tema O entroido en Galicia: máscaras, ritos e símbolos, na que explorará as diferentes maneiras de celebrar o entroido que teñen as diferentes vilas galegas e o xeito en que nelas se mesturan contidos populares e cultos. O acto comezará ás 20 horas e a entrada é libre.