Antía Veres gaña o premio de tradución Plácido Castro con Unha muller perdida, de Willa Cather

Desde Sermos Galiza:
Unha muller perdida, a tradución galega da orixinal A Lost Lady, de Willa Cather, foi o traballo premiado polo xurado na XVIIIª edición do Premio Plácido Castro de Tradución. A edición en galego, publicada por Hugin e Munin, é obra de Antía Veres.
O xurado valorou especialmente a capacidade de recreación da autora así como o acerto do uso dun galego extremadamente natural e próximo, empregando unha fraseoloxía propia sen alterar a atmosfera orixinal da novela.
Ademais, chamou a atención sobre a significación da autora e a obra elixidas, inédita ata agora no noso sistema literario, que gozou sempre de amplo recoñecemento tanto nos Estados Unidos como a nivel mundial. (…)
O xurado desta edición do premio Plácido Castro estivo integrado por Olga López (Xunta), Fernando Moreiras (Asociación de Tradutores Galegos), Ana Luna Alonso (Universidade de Vigo), Víctor Caamaño (Fundación Plácido Castro), Xulio Ríos (IGADI) e Xosé Luís Franco Grande (Real Academia Galega).”

Bases do Premio de Tradución Plácido Castro, 18ª edición

“A Fundación Plácido Castro da que forman parte os concellos de Corcubión, Cambados e Vilagarcía de Arousa, a Asociación de Tradutores Galegos e o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), convoca o Premio Plácido Castro de Tradución destinado a promover versións en lingua galega das grandes obras da literatura universal, con especial atención á súa presenza en Internet e as traducións para o galego de obras doutras linguas. Lémbrase, deste xeito, a figura de Plácido Castro, humanista, liberal, cosmopolita, símbolo da universalidade do nacionalismo galego que quixo estimular coas súas traducións a recuperación explícita da nosa identidade.

1. Poderán participar na convocatoria da décimo quinta edición do Premio Plácido Castro de Tradución todas as persoas que envíen algunha obra traducida ao galego para ser incluída na biblioteca virtual Bivir, mesmo se xa foron editadas con anterioridade en formato papel. As obras deberán necesariamente estar libres de dereitos e pertencer ao dominio público no momento en que sexan enviadas a Bivir. Tamén poderán concorrer aquelas obras editadas en formato papel e non publicadas en bivir.com que sexan remitidas polos seus autores á Fundación a efectos de participar no premio.
2. Asemade poderán concorrer as traducións para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas
3. As obras que concorran ao premio enviaranse á sede da secretaría da Fundación Plácido Castro: IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) Centro Cívico Sur, rúa Luís Braille, 40, 36003 Pontevedra ou por correo electrónico a info@tradutoresgalegos.com, antes do 1 de maio de 2019.
4. O xurado do Premio estará composto por cinco persoas representantes de cada unha das seguintes institucións: Fundación Plácido Castro, Asociación de Tradutores Galegos (ATG), Real Academia Galega, Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e Administración Autonómica. Actuará como secretario con voz e sen voto unha persoa en representación do IGADI.
5. O xurado terá en conta fundamentalmente os seguintes criterios: corrección lingüística e ortotipográfica, calidade da versión, criterios de lectura e interpretación do orixinal, relevancia da obra nas culturas de orixe e chegada e adaptación ao destinatario.
6. O xurado dará a coñecer de inmediato a identidade da persoa premiada e fará públicas as razóns nas que se fundou para a concesión do premio.
7. O premio consistirá nun diploma acreditativo e unha peza escultórica deseñada expresamente para o concurso, obra de Xaquín Chaves. Así mesmo, estará dotado con 2.000 euros achegados pola adega Terras de Asorei.
8. A entrega do Premio terá lugar no lugar e data que sinale a Fundación Plácido Castro.”

Fisterra na ollada dos poetas anglosaxóns

Desde Fervenzas Literarias:
O cabo Fisterra achégase,
O cabo Fisterra aló vai;
No interior da corrente oceánica
flota, a visión dun soño
demasiado fermoso para perdurar.

Estes versos, do poeta estadounidense Henry Wadsworth Longfellow, acaban de pousar ao carón doutros de autores como Thomas Kinsella, Sylvia Plath, Robert Lima ou John Reibetanz. Todos eles teñen en común unha cousa: Fisterra. A tradutora Yolanda López López ven de publicar a colectánea Breve antoloxía de poesía anglosaxoa sobre Fisterra. De Walt Whitman a Sylvia Plath, que pode lerse en Bivir, a Biblioteca Virtual da Asociación de Tradutores Galegos.
O traballo deste libro contén unha pequena selección de poemas escritos por autores anglosaxóns do século XIX e XX, da altura de Walt Whitman e Sylvia Plath, e nos que aparece este emblemático punto da Costa da Morte, coñecido como a Fin da Terra.”