Arquivos da etiqueta: Bibliotecas Escolares de Galicia
Premio dos Clubs de Lectura 2021 para Eva Mejuto
Desde as Bibliotecas Escolares de Galicia:
“Co gallo da celebración do Día do Libro, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, fai pública a Resolución de 23 de abril de 2021 pola que se recoñece a Eva Mejuto co Premio dos Clubs de Lectura 2021.
No ano 2015 creouse este premio co obxecto de recoñecer cada ano a aqueles autores e autoras que, cos seus libros, axudan á construción de lectoras e lectores nestas etapas da adolescencia e a mocidade que, no ámbito da lectura, están consideradas como etapas de risco de abandono, ao ampliarse o abano de estímulos e intereses. Uns creadores comprometidos coa lingua que achegan a materia prima coa que os clubs de lectura poden contribuír á extensión da lectura en galego. Na resolución de creación do premio contemplábase que “o Premio dos Clubs de Lectura poderá entregarse unha soa vez a un autor ou autora. No caso de que o primeiro creador da relación resultante nun curso xa tivese recibido o premio, este seralle concedido ao autor ou autora seguinte na relación”. (…)”
A escritora María Reimóndez, Premio dos Clubs de Lectura 2019
Desde as Bibliotecas Escolares de Galicia:
“Na XII Xornada dos Clubs de Lectura, que reunirá o 7 de xuño de 2019 en Compostela ao profesorado que coordina os clubs de lectura en 243 centros adheridos á convocatoria desta consellería, entregarase o Premio dos Clubs de Lectura 2019 á escritora María Reimóndez.
O pasado 23 de abril, a D.X. de Centros e Recursos Humanos publicaba unha Resolución pola que se concedía este galardón a María Reimóndez por ser a escritora galega máis lida nos clubs de lectura. Aínda que na relación de autores e autoras máis lidas polos clubs de lectura no pasado curso 2017/2018 María Reimóndez aparece cuarta na lista, cómpre lembrar que este premio só se entrega a autores/ as en vida e que cada autor e autora pode recibilo unha soa vez.
É de salientar que entre os títulos máis lidos polos clubs de lectura no curso 2017/2018 aparecen títulos de María Reimóndez como Corredora, A dúbida, Dende o conflito, As cousas que non queremos oír ou Moda galega.
A escritora afirma que a literatura contribúe a conformar valores e ten que servir para construír outro mundo. Así Genet, a atleta etíope protagonista de Corredora, quere mostrar ao mundo enteiro do que son capaces as invisibles. Por iso, cando por fin está no podio, entende que levantarse e correr, unha e outra vez, é o seu camiño e o seu fogar aprendido na cerna da montaña, no país onde naceu e onde cabe o mundo enteiro.”
Compostela: programa da IX Xornada dos Clubs de Lectura, 2016
A IX Xornada dos Clubs de Lectura terá lugar na Sala Obradoiro do Palacio de Congresos de Santiago de Compostela.
Entregados os Premios Ánxel Casal da Edición de 2014
Desde a Asociación Galega de Editores:
O gremio editorial galego celebrou este serán en Pontevedra X edición dos Premios Ánxel Casal, nun acto no cal a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a representantes do sector do libro de Galicia. (…) O acto foi presentado por María Lado e Lucía Aldao.
O acto contou coa inestimable colaboración do Concello de Pontevedra, grazas á Concelleira de Cultura Anxos Riveiro e asemade do Pazo da Cultura da cidade, con Pilar Portela á fronte, da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e de Gadis, que, dende hai varios anos, apoia economicamente o acto.
Os libros finalistas, entre os cales o xurado selecciona os títulos premiados, foron elixidos polos editores mediante votación, realizada entre a proposta de candidaturas realizada por cada unha das editoriais.
O xurado estivo composto por Pilar Fernández Ruíz, bibliotecaria e directora da Biblioteca de Pontevedra; Cano Paz, libreiro da Librería Paz de Pontevedra; Alfonso G. Sanmartín, editor e ex presidente da AGE; Ramón Rozas, xornalista do Diario de Pontevedra; e Kiko da Silva, ilustrador e editor da banda deseñada. Os premios son os seguintes:
– Premio ao libro de ficción co que se pretende recoñecer ó mellor libro de ficción editado polos editores da AGE no ano 2014: A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz. Edicións Xerais.
– Premio ao libro de non ficción co que se pretende recoñecer o mellor libro de non ficción editado polos integrantes da AGE durante o ano 2014: O soño galego de Julio Cortázar, de Francisco X. Fernández Naval. Edicións Linteo.
– Premio ao Libro de poesía ou teatro, co que se pretende recoñecer o mellor libro do ano 2014: Estrela do Norte, de Luís Rei Núñez, editado por Kalandraka Editora.
– Premio Isaac Díaz Pardo libro mellor ilustrado co que se pretende recoñecer un libro ilustrado editado polos membros da AGE e publicado en galego durante o ano 2014: Leviatán, de Ramón Trigo. Kalandraka Editora.
– Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvenil co que se pretente recoñecer un libro infantil editado polos membros da AGE durante o ano 2014: Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas. Edicións Xerais.
– Premio Lois Tobío ao libro traducido co que se pretende recoñecer un libro traducido para o galego editado no ano 2014: As floriñas de San Francisco, de Darío Xohán Cabana. Alvarellos Editora.
– Premio Xosefa Vilarelle ao libro educativo, co que se pretende recoñecer ó mellor libro educativo do ano 2014: Historia das mulleres galegas. Das marchas nómadas á Marcha Mundial das Mulleres, de Pepe Barreiro. Baía Edicións.
– Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora co que se pretende recoñecer a traxectoria creativa dun autor ou autora: María Reimóndez.
– Premio Rosalía de Castro á mellor iniciativa editorial co que se pretende recoñecer o traballo editorial durante o ano 2014: Colección Rescate, de Alvarellos Editora.
– Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural co que se pretende recoñecer o traballo realizado por unha persoa, empresa, entidade ou colectivo ao longo do ano 2014: Bibliotecas Escolares de Galicia.