Premios da Crítica Española para Diego Ameixeiras e Medos Romero

Desde Nós Diario:
“Os Premios da Crítica concedidos pola Asociación Española de Críticos Literarios (AECL) recoñeceron as obras de Diego Ameixeiras O cervo e a sombra e de Medos Romero E o sol era Ela como mellor novela e mellor poemario respectivamente.
A novela de Ameixeiras está protagonizada por Mateo, un traficante que tenta saír adiante vendendo cocaína e deixándose enredar en estraños negocios por un vello amigo co que se sente en débeda. Unha mestra xubilada que xa non pode levarlle flores ao seu irmán morto, un sacerdote que anos atrás o axudou a desintoxicarse e agora insiste en solucionarlle as dúbidas de fe, e un grupo de anarquistas que okupa e rehabilita un vello edificio, rodean a Mateo e mostran o singular sentido do noir do autor, que adoita debruzarse sobre personaxes perdedores outorgándolles unha dignidade que a sociedade lles nega.
E o sol era Ela, de Medos Romero, escava na infancia da autora centrándose na perda de conexión coa natureza na sociedade moderna, cunha empatía que logra unir a vindicación ecolóxica co sentimento de perda polo mundo rural tradicional, a nostalxia pola ruptura da infancia coa celebración da vida e da irmandade entre os seres vivos. A obra de Romero fora gañadora do Premio de Poesía Afundación, cuxo xurado destacara que regresa á natureza non nun sentido paisaxístico, senón a través da reflexión dunha voz feminina”.
Os premios tamén recoñeceron en catalán, a novela Els angles morts (Os ángulos mortos), de Borja Bagunyà, e o poemario La vista als dits (A vista nos dedos), de Joan Todó. En éuscaro, foron a novela Izurdeen aurreko bizitza (A vida anterior dos golfiños), de Kirmen Uribe, e o poemario Gu gabe ere (Incluso sen nós), de Itziar Ugarte Irizar. E en castelán, a novela tríptico Infierno, Purgatorio, Paraíso, de Jordi Ibáñez Fanés e o poemario Incendio mineral (Vaso Roto), de María Ángeles Pérez López.
Esta edición, ademais, incluíu como novidade a modalidade en lingua estranxeira, que obtivo a novela Hamnet, da autora irlandesa Maggie O’Farrell.”