O venres 18 de marzo, ás 20:30 horas, terá lugar no museo Verbum–Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo a primeira sesión do cabaret poético Merendacea, a nova proposta dos creadores dos recitais–combate A hostia en verso. Merendacea é un espectáculo colectivo estruturado en base a pequenos números que teñen como denominador común a lírica. É un recital, pero non só iso. Nace da necesidade de experimentación dun grupo de creadores que procuran novas maneiras de transmitir o feito poético ao público. Por iso en Merendacea hai versos, música electrónica, títeres que recitan a Lois Pereiro, unha subasta de obxectos poéticos, videocreación e, sobre todo, moito humor. E tal vez unha escasa dose de solemnidade, necesaria aínda non sabemos moi ben para que. Nesta primeira sesión porán os versos, e outras cousas, Ledicia Costas; Xabier Xil Xardón; Daniel Landesa e a pintora María Longa; David Rodríguez; Lara do Ar; Miguel Valverde; María Reimondez e o titiriteiro Borxa Ínsua. O indefinible dúo eléctrico IgMig encargarase da parte musical, a artista d’O sorriso Felino elaborou os incribles poemas-obxecto e as poetas María Lado e Lucía Aldao oficiarán de presentadoras desta singular noite. Merendacea é un proxecto producido integramente polo museo Verbum–Casa das Palabras de Vigo.