

Entrevista a Branca Trigo Cabaleiro na revista A Movida:
“(…) – A Movida (AM): Que cres que achegan estas residencias ao tecido cultural galego?
– Branca Trigo (BT): Achegan comunidade, algo moi difícil de conseguir hoxe en día. Cremos que vivimos conectadas grazas ás redes, pero non é o mesmo que a convivencia persoal. Tamén achegan circunstancias materiais; por exemplo, non tiven que pensar en cociñar ou facer facturas. Deixas de lado as pequenas tarefas que quitan tempo da creación e sénteste realmente poeta e non autónoma.
– AM: Empezaches a escribir moi nova e gañaches o teu primeiro premio con só doce anos. Cando soubeches que querías dedicarte á poesía e como foron eses primeiros pasos?
– BT: Sempre souben que quería facer algún tipo de arte, pero que sería a poesía sóubeno hai catro ou cinco anos. Crecín nunha familia artística: o meu pai é ilustrador e pintor, a miña nai era encadernadora artesanal; a min tocábame ser escritora. De feito, con sete anos escribín o contiño La cosa negra que pasó por mi ventana —aí aínda era castelanfalante—, o meu pai ilustrouno e publicouno unha editorial. Na adolescencia escribín pouco, inclineime máis pola música, e volvín escribir ao entrar na carreira de Ciencias da Linguaxe. Realmente a falta de recursos económicos para elixir outra universidade tivo moito que ver na escolla. De vivir en Pontevedra, probablemente agora estaría pintando cadros. (…)
– AM: Es coeditora, xunto a Alfredo Vázquez, do selo independente Malafera. Cal é a súa filosofía?
– BT: Malafera naceu para autoeditar Coñecemento do Medo, o meu primeiro poemario, porque tiña moi clara a estética que quería darlle e prefería ilustralo e editalo eu mesma. Son bastante maniática co deseño gráfico e as tipografías dos libros. Tamén era consciente de que había moitas persoas escribindo cousas que non encaixaban no sistema tradicional e gustounos a idea de ser «casa» para quen o precise e queiramos ver en papel. Levamos desde 2021 e temos só oito libros publicados. Creo que en Galicia ás veces se publica demasiado, desde logo máis do que se le, e presúmese do número de títulos, non da calidade. Nós non vivimos de Malafera, polo que non temos metas de produtividade. (…)”
O 21 de marzo, ás 19h30, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, con motivo do Día Internacional da Poesía, proponse unha actividade onde a palabra poética ao servizo da causa do pobo palestino coa Cerimonia de Gaivotas por Palestina.
A Cerimonia de Gaivotas é un micro aberto de poesía que botou a andar hai tres anos da man de Branca Trigo e Alfredo “O Hanabi” Vázquez (cofundadores tamén da editorial independente Malafera). De comezo celebrábase en diversos locais de Vigo, pero co tempo, ao acadar participantes doutras zonas de Galiza, a cidade olívica empezou a alternar coa Coruña e Ourense.
Supón un espazo seguro, libre e autoxestionado no que compartir os intereses creativos tanto de poetas xa recoñecides como de afeccionades á poesía, animándose moites deles a recitar en público por primeira vez.
O sistema de funcionamento é moi simple: o micro queda a disposición de quen queira e se anime a participar, no momento que o desexe. Só se establecen dúas normas: ser moderades no tempo, para deixar tempo aes demais, e non lanzar dende o micro mensaxes de odio, para garantir a seguridade do espazo.
Esta actividade realízase en colaboración con UDCxPalestina.
As persoas asistentes levarán de agasallo un exemplar da antoloxía poética de De amor e desamor (2009).
Desde a Deputación da Coruña (foto da propia Deputación da Coruña):
“Xa se coñecen os oitos proxectos que se desenvolverán nas Residencias Artísticas Mariñán 2025, convocadas pola área de Cultura da Deputación da Coruña. Entre o 31 de marzo e o 11 de abril, compartirán espazo, recursos e experiencias Branca Trigo (coa proposta Mandrágora) e Sergio Marey (Camiños do desexo), na modalidade de literatura, e Paula Sanmartín (Coro priscilianista) e María Bella (O amor ao territorio), na modalidade de pensamento. As residencias de música —do 31 de marzo ao 5 de abril, as dúas primeiras propostas, e do 6 ao 11 de abril, as outras dúas— corresponderanlle a Ailén Kendelman (Unha señora orquestra), Abril (Investigación e creatividades para disco), Nanu (Creación de percusión para EP) e Incra (Ronco: disección anatómica da gaita).
A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu os xurados que seleccionaron os proxectos e destacou “a calidade das propostas presentadas”, un total de 29. Formaron o comité avaliador das residencias de literatura e pensamento —que teñen como comisario a Roberto Abuín— Sica Romero, Xosé Ricardo Losada e Nieves Neira Roca; e o das residencias de música —das que é comisaria Aitana Cuétara— Noel Feáns, Beatriz Fontán e Carles Sala. Nas dúas reunións dos xurados actuou como secretaria, Manuela Lorenzo, xefa da Sección de Educación e Cultura da Deputación.
“Para nós, como administración”, explica Natividade González, “é unha obriga apoiar este tipo de proxectos xa non únicos, senón tan necesarios, e darlles ás creadoras e ós creadores todas as facilidades e recursos para que leven a cabo un traballo que logo nos devolven con propostas de indiscutible calidade e das que tanto gozamos”.
Segundo a deputada, “a estadía en Mariñán permítelles a todas e todos os participantes avanzar nos proxectos cunha perspectiva que é difícil adoptar fóra deste espazo en común, sen o acompañamento e a formación que lles proporcionamos para que, ademais, a súa obra chegue nas mellores condicións de recepción ao público e aos circuítos culturais”. “A experiencia en Mariñán é enriquecedora para músicos e músicas, autores e autoras, sempre nun ambiente de convivencia que propicia sinerxías que facilitan os procesos de creación e contribúe á calidade dos resultados”.
Proxectos de literatura e pensamento
Segundo o xurado, Mandrágora, de Branca Trigo, propón “unha exploración mitopoética da conexión entre o ‘queer’, a ritualidade e o cotián, así como unha pertinente e novidosa resignificación da noción de bruxa ou meiga na súa conexión coas disidencias sexuais e de xénero”.
Camiños do desexo, de Sergio Marey, “é unha interesante proposta dunha escritura autoficcional e fragmentaria dunha persoa non binaria desde unha perspectiva disidente no rural galego, de valorar pola que implica na produción de subxectividades alternativas ás heteronormadas”.
Coro priscilianista, de Paula Sanmartín, preséntase como “unha proposta de ensaio filosófico que cruza a figura de Prisciliano co pensamento contemporáneo, con diálogos contracoloniais e ecofeministas, a autora artella un discurso crítico lúcido e de gran pertinencia no contexto cultural galego”.
O amor ao territorio, de María Bella, “desenmascara a violencia que esconden os discursos e prácticas capitalocéntricas do amor ao territorio, nun proxecto no que a autora propón unha investigación do máximo interese na actualidade sobre as formas extractivas de ocupación do rural galego, procurando fórmulas de lexitimación da súa cultura”. (…)”