Desde Sermos Galiza:
“Os Premios da AELG deste ano terán ao teatro como protagonista. A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega quere así recoñecer o esforzo e o compromiso da xente do espectáculo para manter vivos os nosos escenarios nun momento en que os recortes afectan de maneira especial ás programacións culturais. Desta maneira, a AELG premiará, en distintas categorías, a representantes de todas os ámbitos da escena galega. A compañía Sarabela, dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda recibirá o premio como agrupación profesional mentres Achádego de Lugo, que cumpre 25 anos neste 2014, será recoñecida polo seu traballo no teatro amador. A todos e todas os que contribuíron ao desenvolvemento da escena galega homenaxearase no premio que a entidade concede á Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
A AELG valorará tamén o impulso dalgunhas institucións na promoción do teatro e, neste sentido, premiará ao proxecto Buxiganga, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, polo seu labor de difusión e socialización do teatro galego. Tamén a área de cultura de Deputación da Coruña, polo premio Rafael Dieste, foi valorada pola asociación profesional literaria. Narón e Tui entran no palmarés da AELG como concellos que dedican un especial destaque ás artes escénicas.
En canto iniciativas privadas, a editorial Laiovento e o proxecto Casahamlet son os dous proxectos que merecen destaque da asociación presidida por Cesáreo Sánchez Iglesias.
O escritor Xabier P. DoCampo será este ano o homenaxeado coa letra E de O Escritor na súa Terra e protagonizará, polo tanto, a xornada na que, entre outros actos, plantará unha árbores no seu territorio biográfico. A homenaxe chega este ano á súa vixésima edición.
Alén destes premios, a AELG xa adiantara que o escritor vasco Bernardo Atxaga será, desta volta, o Escritor Galego Universal.
Ao longo do mes de maio, a AELG dedicará tamén actos de homenaxe ás escritoras Xela Arias e Luísa Villalta, ao se cumpriren dez ano do seu falecemento.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou este sábado día 8 de febreiro a súa Asemblea Xeral de Socios/as, no Salón de Actos do compostelán Museo do Pobo Galego. Decidiuse, entre outras cousas, que a Gala das Letras terá lugar o 3 de maio na cidade de Pontevedra. Tamén se aprobou incorporar aos estatutos as modalidades de socio protector e socio colaborador para entidades e particulares que, sen pertencer de maneira exclusiva ao mundo da escrita, contribúan ao desenvolvemento das actividades e a vida da Asociación.”