Gondomar: tertulia Fotografía, verdade, verosimilitude, con Vítor Vaqueiro

O venres 10 de maio, ás 20:30 horas, na sede do Instituto de Estudos Miñoranos (Aula de Cultura Ponte das Rosas, Avenida da Feira, 10, baixo), en Gondomar, terá lugar unha tertulia con Vítor Vaqueiro, co título Fotografía, verdade, verosimilitude. O convidado será presentado polo director do Instituto de Estudos Miñoranos, Carlos Méixome.

Vincios, Gondomar: presentación de Nós, Galiñeiros, de Xosé Luís Méndez Ferrín

“O xoves 27 de decembro, ás 20:00 horas, no Centro Cultural de Vincios, Gondomar, preséntase Nós, Galiñeiro, o libro de Xosé Luís Méndez Ferrín onde se recollen máis de trinta anos de artigos da súa autoría sobre o Val Miñor, publicado polo Instituto de Estudos Miñoranos. No acto participan, xunto ao autor, Antón García, Carlos Méixome e Pura González. Posteriormente terá lugar un espectáculo artístico a cargo do Coro Tradicional Cantares do Brión e Os Irmandiños de Vincios, que dará paso a unha lectura de fragmentos do libro polos propios veciños.” Desde o Instituto de Estudos Miñoranos.

Entrega do V Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns

O sábado 17 de novembro, ás 19:30 horas, na Escola de Guillufe (Gondomar), terá lugar o acto de entrega do V Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns á gañadora desta edición Conchita Álvarez Lebredo, consistente en 3000 € en efectivo, unha escultura creada para este certame polo artista Fino Lorenzo e a publicación do libro, Distancias e Simetrías, que se presentará neste acto. A escritora e xornalista Araceli Gonda será a encargada de dirixir a velada.
A banda de gaitas Balcón do Miñor abrirá o evento ao son da música tradicional. Posteriormente o público poderá gozar coa estrea de Os polos de Rianxo, unha dramatización do conto de Victoriano Taibo, a cargo de Bertorella, un novo grupo de afeccionados ás táboas que farán o seu debut nesta cerimonia. A continuación Marta Dacosta fará un breve panexírico do persoeiro que dá nome ao premio e lerá a acta do xurado como preámbulo da entrega dos premios do certame a Álvarez Lebredo. Momento no que Urbano Esmerode, presidente da ELM, dirixirá unha palabras á gañadora e asistentes. Soño de Calíope, o afamado proxecto musical creado polo mestre e artista natural de Morgadáns, José P. Pérez, que promove novos valores da canción galega, pechará a gala cultural. Finalmente Carlos Méixome director do Instituto de Estudos porá broche oficial á V edición dos premios. Un albaroque animado polas gaitas do Balcón do Miñor permitirá aos asistentes, entre viños e petiscos dialogar con Conchita Álvarez Lebredo e os artistas convidados. Como é tradicional nas cerimonias de entrega do Premio de Poesía Victoriano Taibo, a entrada é de balde.

Gondomar: presentación de Galego de lei. Don Diego Sarmiento de Acuña, de Francisco Maseda

O sábado 17 de decembro, ás 20:00 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida da Feira, 10, baixo) de Gondomar, preséntase o libro Galego de lei. Don Diego Sarmiento de Acuña. I Conde de Gondomar, de Francisco Maseda, publicado en Biblos. No acto de presentación participan, ademais do autor, Tucho Calvo e Carlos Méixome. O acto contará tamén coa presenza e intervención do XIII Conde Gondomar, Gonzalo Fernández de Córdoba y Narváez e será clausurado por Fernando Guitián Guitián.

Morgadáns: acto de entrega do Premio Victoriano Taibo e presentación do libro gañador, Holocausto Zocae, de Calros Solla

O sábado 12 de novembro, ás 19:00 horas, na Escla de Guillufe en Morgadáns, terá lugar o acto de entrega do IV Premio de poesía Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns, que este ano gañou Calros Solla co seu poemario Holocausto Zacoe. No acto, conducido por Marta Dacosta, presentarase o libro premiado, e contará coa presenza de Miguel Anxo Mouriño, quen lembrará a figura de Victoriano Taibo, Gonzalo Navaza, Fernando Guitián, Urbano Esmerode, Carlos Méixome e o autor premiado, quen recitará fragmentos da obra gañadora, xunto á actuación musical do grupo de gaitas Balcón do Miño.

Baiona: presentación de Galego de lei. Don Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar, de Francisco Maseda

O xoves 27 de outubro, ás 20:00 horas, no Parador de Turismo de Baiona, preséntase Galego de lei. Don Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar, do historiador Francisco Maseda, publicado en Biblos. O acto contará coa presenza de Carlos Méixome (presidente do Instituto de Estudos Miñoranos) e Tucho Calvo (editor).

Santiago: presentacións de Actas do Congreso Emigración e Educación (1900-1936)

O mércores 6 de xullo, ás 13:15 horas, na Biblioteca do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar), de Santiago de Compostela, preséntanse as Actas do Congreso Emigración e Educación (1900-1936). Iº Centenario das Escolas da Unión Hispano-Americana Valle Miñor (1909-2009), coordinados por Xosé Manuel Malheiro, publicado polo Instituto de Estudos Miñoranos, coa participación de Ramón Villares, Carlos Méixome e o seu coordinador, Xosé Manuel Malheiro.
No mesmo día e cidade, ás 20:00 horas, preséntase na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), cos mesmos participantes máis Xosé Manuel Beiras.

Vigo: presentación de As portas ausentes, de Caino Vasconcelos

O xoves 2 de maio, ás 19:30 horas na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, terá lugar a presentación do libro de poemas do pintor baionés Caino Vasconcellos, As portas ausentes, publicado polo Instituto de Estudos Miñoranos. No acto intervirán, ademais do autor, o director do IEM, Carlos Méixome, e o mozo poeta Anxo Ratel.

Baiona: presentación de As portas ausentes, de Caino Vasconcellos

O xoves 28 de abril, ás 20:30 horas, na Capitanía Marítima de Baiona (Rúa/ Elduayen, 20) terá lugar a presentación do libro de poemas do pintor baionés Caino Vasconcellos, As portas ausentes, publicado polo Instituto de Estudos Miñoranos. No acto intervirán, ademais do autor, o director do IEM, Carlos Méixome, e o mozo poeta Anxo Ratel ademais de varios veciños e veciñas de Baiona que recitaran textos do libro.