XXIV Premios de Teatro María Casares: as gañadoras e gañadores

Desde Erregueté:
“Os XXIV Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadoras e gañadores. Nesta edición, en que a tradicional gala foi suspendida por mor da pandemia e substituída por unha entrega virtual que se fixo pública a través da canle de YouTube do certame, foron dez espectáculos os que recibiron algún premio, dos 16 que aspiraban a facerse con algún dos catorce galardóns nos que se dividen os María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e a Fundación AISGE.
Bernarda, de Malasombra Producións, acaparou o maior número de galardóns desta edición, ao levar os premios nas categorías de espectáculo, texto orixinal (Jose Prieto), actriz secundaria (Celia González) e dirección (Jose Prieto). Este último galardón, o de dirección, foi compartido ex aequo con María Peinado, directora do espectáculo O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia, quen tamén levou o galardón á adaptación-tradución. Así, esta obra fíxose finalmente con dous galardóns, os mesmos que Liberto, de Rebordelos, que gañou nos apartados de actriz protagonista (Rocío González) e de música orixinal (Lucía Aldao). Pola súa banda, Umm! Unha comedia musical para chupar os dedos, de Avento Teatro, conseguiu o premio ao espectáculo infantil.
Outros seis espectáculos conseguiron un galardón nestes XXIV Premios de Teatro María Casares. Idiota, de Redrum Teatro, acadou o premio ao mellor actor protagonista (Machi Salgado); MedidaxMedida, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co FIOT, conseguiu o premio ao mellor actor secundario (Josito Porto); Neorretranca e posmorriña, do Centro Dramático Galego, alzouse co premio de escenografía (Marta Pazos); O empapelado amarelo, de A Quinta do Cuadrante, levouno no apartado de Iluminación (Laura Iturralde); Despois das ondas, de ButacaZero, conseguiu o María Casares de vestiario (Carlos Pinilla), e Vida de Cans, de Talía Teatro, obtivo o de maquillaxe (Martina Cambeiro).

Por categorías, as gañadoras e gañadores son:
Maquillaxe: Martina Cambeiro, por Vida de Cans (Talía Teatro)
Vestiario: Carlos Pinilla, por Despois das ondas (ButacaZero)
Iluminación: Laura Iturralde, por O empapelado amarelo (A Quinta do Cuadrante)
Escenografía: Marta Pazos, por Neorretranca e posmorriña (Centro Dramático Galego)
Música orixinal:  Lucía Aldao, por Liberto (Rebordelos)
Texto Orixinal: Jose Prieto, por Bernarda (Malasombra Producións)
Adaptación-tradución: María Peinado, por O meu mundo non é deste reino (Teatro da Ramboia)
Actor secundario: Josito Porto, por Medida x Medida (Producións Teatrais Excéntricas-FIOT)
Actriz secundaria: Celia González, por Bernarda (Malasombra)
Actor protagonista: Machi Salgado, por Idiota (Redrum Teatro)
Actriz protagonista: Rocío González, por Liberto (Rebordelos)
Dirección: Jose Prieto por Bernarda (Malasombra) e María Peinado por O meu mundo non é deste reino (Teatro da Ramboia).
Espectáculo infantil: Umm! Unha comedia musical para chupar os dedos, de Avento Teatro.
Espectáculo: Bernarda, de Malasombra.

DISCURSO DE MÓNICA GARCÍA
A vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Mónica García, encargouse de ler o habitual discurso que a Xunta Directiva fai público en cada entrega dos Premios María Casares. Na súa intervención, García agradeceu ao Centro Dramático Galego que abrise as súas portas para “unha atípica entrega de premios”, antes de reflexionar sobre a actual situación. “Hoxe por hoxe, neste aquí e neste agora, estrañamos o que xa non temos: esa normalidade que sempre foi medio e obxecto para nós, as xentes do teatro, para cuestionarnos todo dende a escena”, sinalou Mónica García antes de engadir que “sexa o momento que sexa, esa sempre foi e será a nosa vocación. E tamén o noso labor: Xogar coas fronteiras, forzar os límites, transgredir cos  conceptos e revisar os alicerces de todo aquilo que se nos di que é normal”.
“E si, houbo un tempo en que a suspensión de bolos non era o normal, senón a excepción”, sinalou García para despois subliñar que “todo mudou:  tamén o significado das localidades baleiras no patio de butacas ou a capacidade dos recintos. Por suposto, tampouco é a mesma a relación que se establece entre nós, no escenario, e o público”. “Vaia todo por facer da cultura unha actividade segura para o público, pero a seguridade da cultura debe incluír tamén a das súas traballadoras e traballadores”, sentenciou a vicepresidenta da AAAG, quen tamén se referiu á resposta da administración galega no eido cultural no actual contexto de pandemia: “A Administración deixounos á intemperie e a Consellería de Cultura e Educación empurrounos ao baleiro sen máis rede que un Plan de Reactivación que tachamos de insuficiente, de deficitario e mesmo de imprudente. Un Plan que, en definitiva, apostou todo ou case todo á distribución sen pensar en que os gromos se ían suceder, en que os teatros se ían pechar, en que nos ían cancelar”.

PREMIO DE HONRA E MANIFESTO
Flor Maceiras recibiu o Premio de Honra Marisa Soto e, no seu discurso, agradeceu  o recoñecemento recibido e sinalou que “o teatro é un dereito da cidadanía, non un privilexio da xente que o facemos”. “E para que a xente poida exercer os seus dereitos, ten que ter acceso e ten que haber unha administración pública, local, galega, estatal, que se debe implicar no investimento”, sinalou Flor Maceiras, quen tamén quixo lembrar unha parte fundamental da estrutura teatral: a formación. “Este é un premio non tanto a min e si máis a xente que sempre estivo empeñada na formación teatral na Galiza”, rematou Flor Maceiras.
Por último, tamén se escoitou a actriz Isabel Risco ao ler o seu Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro: “EI CARBALLEIRA! Este berro cheo de aire purificador das que aman a comedia, que afasta os virus todos, aumenta as defensas do noso organismo, é medicina natural porque só o pobo salva o pobo; vai para quen teima na idea de concederlles a quen exerce oficio tan honroso, dunha beira e doutra das bambolinas, a titulación de proscritas e proscritos, substancias psicotrópicas que alteran a percepción da súa realidade porque no canto diso fan abrir os ollos e espreitar as orellas. EI TEATREIRAS!”.”

Ourense e Oleiros: representacións de Despois das ondas, sobre un texto de Ernesto Is

“Os vindeiros venres 23 ás 20:00h e sábado 24 ás 20:30h, todas persoas que decidan achegarse ao Teatro Principal de Ourense ou ao Auditorio Gabriel García Márquez de Oleiros poderán ver en persoa á grandísima María Casares, grazas á maxia do teatro. A apaixonante vida da actriz adquire un novo matiz no Concello de Oleiros, xa que precisamente na aldea de Montrove é onde a musa do cinema francés pasaba a tempada estival durante os 13 anos que viviu en Galicia, antes de fuxir cara Madrid e despois Francia.
ButacaZero e a Deputación da Coruña embárcanse neste grande reto coa peza Despois das ondas, con texto de Ernesto Is, baixo a dirección de Xavier Castiñeira, sobre unha das personaxes galegas máis internacionais: a grande diva do teatro e o cinema francés do século XX María Casares. A función estaba encadrada dentro dos actos de apoio ao Mes da muller e o #8M, pero por mor da Covid19, chegará a Oleiros neste mes de outubro.
A ourensá Belén Constenla interpretará á diva do teatro e o cinema francés na súa volta a España trala morte de Franco. Pero Constenla non estará soa en escena, completan o elenco Nerea Brey, quen tamén se colocará na pel da diva na súa infancia e xuventude, e Sonsoles Cordón, quen amosará a súa versatilidade escénica entre bailes, coreografías e creación de numerosas personaxes.
Completan o elenco catro técnicos e técnicas, que están sobre o escenario e fan posible que o teatro se converta nun plató de cinema e de que os espectadores poidan ver un espectáculo tan teatral como cinematográfico, no que tamén os sons están producidos en directo.
Ernesto Is, quen recibiu por esta peza o Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña, propón unha viaxe en tren no que a diva do teatro vai recordando a súa vida, dende a súa infancia na Coruña, ate a chegada da República, a Guerra Civil, o exilio, o seu éxito profesional como actriz francesa e a morte do seu grande amor: Albert Camus. Tanto o texto como o vestiario e caracterización, de Carlos Pinilla, recibiron nomeamento nos Premios de Teatro María Casares, que están aínda por resolver.
As entradas poden conseguirse nos propios espazos antes da función. En Ourense, o aforo está reducido a 30 persoas. En Oleiros, a billeteira do Auditorio estará aberta a partir das 19:30.”