XXIV Premios de Teatro María Casares: as gañadoras e gañadores

Desde Erregueté:
“Os XXIV Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadoras e gañadores. Nesta edición, en que a tradicional gala foi suspendida por mor da pandemia e substituída por unha entrega virtual que se fixo pública a través da canle de YouTube do certame, foron dez espectáculos os que recibiron algún premio, dos 16 que aspiraban a facerse con algún dos catorce galardóns nos que se dividen os María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e a Fundación AISGE.
Bernarda, de Malasombra Producións, acaparou o maior número de galardóns desta edición, ao levar os premios nas categorías de espectáculo, texto orixinal (Jose Prieto), actriz secundaria (Celia González) e dirección (Jose Prieto). Este último galardón, o de dirección, foi compartido ex aequo con María Peinado, directora do espectáculo O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia, quen tamén levou o galardón á adaptación-tradución. Así, esta obra fíxose finalmente con dous galardóns, os mesmos que Liberto, de Rebordelos, que gañou nos apartados de actriz protagonista (Rocío González) e de música orixinal (Lucía Aldao). Pola súa banda, Umm! Unha comedia musical para chupar os dedos, de Avento Teatro, conseguiu o premio ao espectáculo infantil.
Outros seis espectáculos conseguiron un galardón nestes XXIV Premios de Teatro María Casares. Idiota, de Redrum Teatro, acadou o premio ao mellor actor protagonista (Machi Salgado); MedidaxMedida, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co FIOT, conseguiu o premio ao mellor actor secundario (Josito Porto); Neorretranca e posmorriña, do Centro Dramático Galego, alzouse co premio de escenografía (Marta Pazos); O empapelado amarelo, de A Quinta do Cuadrante, levouno no apartado de Iluminación (Laura Iturralde); Despois das ondas, de ButacaZero, conseguiu o María Casares de vestiario (Carlos Pinilla), e Vida de Cans, de Talía Teatro, obtivo o de maquillaxe (Martina Cambeiro).

Por categorías, as gañadoras e gañadores son:
Maquillaxe: Martina Cambeiro, por Vida de Cans (Talía Teatro)
Vestiario: Carlos Pinilla, por Despois das ondas (ButacaZero)
Iluminación: Laura Iturralde, por O empapelado amarelo (A Quinta do Cuadrante)
Escenografía: Marta Pazos, por Neorretranca e posmorriña (Centro Dramático Galego)
Música orixinal:  Lucía Aldao, por Liberto (Rebordelos)
Texto Orixinal: Jose Prieto, por Bernarda (Malasombra Producións)
Adaptación-tradución: María Peinado, por O meu mundo non é deste reino (Teatro da Ramboia)
Actor secundario: Josito Porto, por Medida x Medida (Producións Teatrais Excéntricas-FIOT)
Actriz secundaria: Celia González, por Bernarda (Malasombra)
Actor protagonista: Machi Salgado, por Idiota (Redrum Teatro)
Actriz protagonista: Rocío González, por Liberto (Rebordelos)
Dirección: Jose Prieto por Bernarda (Malasombra) e María Peinado por O meu mundo non é deste reino (Teatro da Ramboia).
Espectáculo infantil: Umm! Unha comedia musical para chupar os dedos, de Avento Teatro.
Espectáculo: Bernarda, de Malasombra.

DISCURSO DE MÓNICA GARCÍA
A vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Mónica García, encargouse de ler o habitual discurso que a Xunta Directiva fai público en cada entrega dos Premios María Casares. Na súa intervención, García agradeceu ao Centro Dramático Galego que abrise as súas portas para “unha atípica entrega de premios”, antes de reflexionar sobre a actual situación. “Hoxe por hoxe, neste aquí e neste agora, estrañamos o que xa non temos: esa normalidade que sempre foi medio e obxecto para nós, as xentes do teatro, para cuestionarnos todo dende a escena”, sinalou Mónica García antes de engadir que “sexa o momento que sexa, esa sempre foi e será a nosa vocación. E tamén o noso labor: Xogar coas fronteiras, forzar os límites, transgredir cos  conceptos e revisar os alicerces de todo aquilo que se nos di que é normal”.
“E si, houbo un tempo en que a suspensión de bolos non era o normal, senón a excepción”, sinalou García para despois subliñar que “todo mudou:  tamén o significado das localidades baleiras no patio de butacas ou a capacidade dos recintos. Por suposto, tampouco é a mesma a relación que se establece entre nós, no escenario, e o público”. “Vaia todo por facer da cultura unha actividade segura para o público, pero a seguridade da cultura debe incluír tamén a das súas traballadoras e traballadores”, sentenciou a vicepresidenta da AAAG, quen tamén se referiu á resposta da administración galega no eido cultural no actual contexto de pandemia: “A Administración deixounos á intemperie e a Consellería de Cultura e Educación empurrounos ao baleiro sen máis rede que un Plan de Reactivación que tachamos de insuficiente, de deficitario e mesmo de imprudente. Un Plan que, en definitiva, apostou todo ou case todo á distribución sen pensar en que os gromos se ían suceder, en que os teatros se ían pechar, en que nos ían cancelar”.

PREMIO DE HONRA E MANIFESTO
Flor Maceiras recibiu o Premio de Honra Marisa Soto e, no seu discurso, agradeceu  o recoñecemento recibido e sinalou que “o teatro é un dereito da cidadanía, non un privilexio da xente que o facemos”. “E para que a xente poida exercer os seus dereitos, ten que ter acceso e ten que haber unha administración pública, local, galega, estatal, que se debe implicar no investimento”, sinalou Flor Maceiras, quen tamén quixo lembrar unha parte fundamental da estrutura teatral: a formación. “Este é un premio non tanto a min e si máis a xente que sempre estivo empeñada na formación teatral na Galiza”, rematou Flor Maceiras.
Por último, tamén se escoitou a actriz Isabel Risco ao ler o seu Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro: “EI CARBALLEIRA! Este berro cheo de aire purificador das que aman a comedia, que afasta os virus todos, aumenta as defensas do noso organismo, é medicina natural porque só o pobo salva o pobo; vai para quen teima na idea de concederlles a quen exerce oficio tan honroso, dunha beira e doutra das bambolinas, a titulación de proscritas e proscritos, substancias psicotrópicas que alteran a percepción da súa realidade porque no canto diso fan abrir os ollos e espreitar as orellas. EI TEATREIRAS!”.”

O FETEGA do Carballiño pasa a chamarse Festival de Teatro Galego Celso Parada

Desde Erregueté:
“Inclúe unha ducia de citas con destacadas compañías galegas, ademais de monólogos, animación de rúa, coloquios, obradoiros e a entrega dos premios Dorotea Bárcena.
O Festival de Teatro Galego (Fetega) do Carballiño anunciou hoxe a súa programación, nunha edición que marca o trixésimo aniversario da súa existencia. A dirección do festival carballiñés rende homenaxe ao recentemente falecido Celso Parada rebautizándoo como Festival de Teatro Galego Celso Parada.
Unha ducia de compañías de teatro e de novo circo danlle forma ao cartel deste ano, que se despregará en diferentes espazos da localidade do 2 ao 6 de setembro e inclúe, así mesmo, actividades paralelas como monólogos, animación de rúa, coloquios, obradoiros e a entrega dos premios Dorotea Bárcena.
Cinco compañías conforman a programación que acollerá o Auditorio Municipal: Iria Pinheiro con Anatomía dunha serea o 2 de setembro; Contraproducións con A compañeira de piso o día 3; Chévere con Curva España o día 4; Redrum Teatro con Idiota o día 5; e Enconarte Producións con Monstuación o día 6.
A estas función do Auditorio súmanse ás do anfiteatro da Veracruz con varios espectáculos de novo circo, clown e maxia: Catro segundos, da compañía IO o día 2, Don Gelati de Dani García o día 3, Cartoons de PT Excéntricas o día 4, Lume de Asacocirco o día 5 e 4.0 de Sue Moreno o día 6.
Ademais, na Casa da Cultura, haberá monólogos cómicos a cargo de Xan Veiga (día 2), Fran Campos (día 3), Víctor Grande (día 4) e Pepo Suevos (día 5). No mesmo lugar, o mércores 4 ás 12:00, Raquel Queizás presentará Toin toin, un espectáculo de contos con monicreques de mesa acompañado de instrumentos musicais sinxelos para gozo dos máis pequenos da casa e os seus pais.
Como en anos anteriores, o programa complétase cunha serie de actividades paralelas, entre as que se atopan pasarrúas diarios a cargo da compañía Barafunda, dous obradoiros de interpretación a cargo de Fernando Tato e Nekane Fernández e un coloquio de creadoras baixo o título Arte con nome de muller o venres 6, no que participarán a directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia, as actrices Belén Constela e Iolanda Muíños, a escenógrafa e iluminadora Silvia Penas, a dramaturga e directora da erregueté Vanesa Sotelo e a directora de escena Ánxeles Cuña, baixo a moderación de Inma López Silva.
A trixésima edición do Festival de Teatro Galego do Carballiño pecharase na noite do venres coa gala de entrega dos premios Dorotea Bárcena, que será presentada pola directora e actriz Marián Bañobre no Auditorio Municipal.”

A Rede Galega de Teatros e Auditorios inicia a súa nova programación con 349 funcións e unha decena de estreas ata xuño

Desde Agadic:
“A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) retoma a súa programación a partir de mañá co arranque da súa primeira carteleira semestral de 2019, que lle ofrecerá ao público 349 citas co teatro, a danza, a música, a maxia e o circo en 40 escenarios. Entre elas, as estreas absolutas das novas propostas das compañías galegas Colectivo Verticalia, Estudo Momento, Malasombra Producións, Licenciada Sotelo, Os Monicreques de Kukas, Os Náufragos, Producións Teatrais Excéntricas, Redrum Producciones e Talía Teatro.
A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), coordina o funcionamento deste circuíto de  espectáculo en colaboración coas entidades locais que contan con espazos asociados, ás que tamén se lles achega asesoramento técnico para apoiar o óptimo desenvolvemento das súas respectivas programacións. O orzamento para este primeiro semestre do ano é de preto de 919.000 euros, destinados a financiar as actuacións das 115 formacións artísticas contratadas, das que máis do 90% son galegas.
Novidades sobre as táboas
Malasombra Producións será a encargada de abrir a carteleira de 2019 con Os fabulosos Cleaners, espectáculo de pompas de xabón para público familiar que porá en escena mañá venres, ás 19,00 h., no Centro Cívico Cultural de Arteixo. Ao tempo, a compañía está a iniciar os ensaios da súa próxima produción, Bernarda, que estreará o 1 de febreiro no Pazo da Cultura de Narón, tamén dentro da programación da RGTA. José Prieto dirixe esta montaxe, protagonizada por Luisa Merelas, Celia González e Esther Aja, que traslada o punto de inicio de La casa de Bernarda Alba a unha aldea de Galicia nun cambio de terzo respecto das anteriores propostas de Malasombra.
Pero a primeira das estreas da Rede Galega de Teatros e Auditorios chegará xa este mes de xaneiro da man de Estudo Momento e Macbeth. O ruído e a furia, que representará o día 25 no Teatro Rosalía Castro da Coruña.
En febreiro, ademais da Bernarda de Malasombra, terán lugar outras tres estreas no seo do circuíto da Xunta. Serán as de Licenciada Sotelo, co espectáculo de danza A gala, o día 14 no Auditorio Municipal de Ourense; Talía Teatro, con Vida de cans, o día 22 no Pazo da Cultura de Narón; e Producións Teatrais Excéntricas con Carpe Diem, o día 27 no Teatro Principal de Santiago.
A RGTA acollerá tamén a primeira representación doutra montaxe de danza: Alma (non é hippie), que o Colectivo Verticalia –integrado por Traspediente e Duelirium– escenificará o 1 de marzo no Teatro Rosalía da Coruña. Neste mesmo escenario, Os Náufragos estreará Karelu o 13 de abril, mentres que no Principal de Santiago comezará o percorrido de Redrum Producións, con Idiota, e Os Monicreques de Kukas, con Arlequina, os días 6 e 28 de marzo, respectivamente.”