Esther Estévez, Miguel Anxo Seixas Seoane e a asesoría xurídica da Deputación de Lugo, recoñecidos cos Premios Lois Peña Novo

Desde Nós Diario (foto de Miguel Anxo Seixas Seoane, por Xurxo Lobato):
“O xurado da XXIX edición dos Premios Lois Peña Novo acordou esta quinta feira, 22 de maio galardoar o traballo a prol da lingua galega da asesoría xurídica da Deputación de Lugo, da xornalista Esther Estévez e do historiador Miguel Anxo Seixas. Os premios, outorgados pola Fundación Peña Novo en colaboración coa Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, recoñece cada ano persoas, entidades ou empresas que, co seu labor, contribúen á promoción do idioma propio no ámbito das administracións públicas.
Nesta ocasión, o xurado recoñece a “iniciativa insólita e valente” da asesoría xurídica da Deputación de Lugo, un servizo que se está a converter nun referente para outras administración públicas no que ten a ver co impulso dunha “galeguización integral na práctica xurídica dunha institución pública”. Segundo destaca a acta dos premios, a asesoría, composta por sete profesionais do dereito –homes e mulleres– “utiliza exclusivamente o galego en todos os procedementos xudiciais tramitados desde a Deputación”, así como na representación xurídica dos concellos da provincia.
O seu exemplo, salientan, “tradúcese nun cambio radical nos usos lingüísticos dos xulgados de Lugo chegando mesmo ao TSXG, onde se resolven os procedementos en última instancia”. O xurado destaca o carácter innovador desta aposta que racha coa tradición desgaleguizadora do ámbito xurídico abrindo camiños para outras administracións e acreditando a súa capacidade para artellar un exercicio xurídico rigoroso, moderno e plenamente normalizado.
O xurado decidiu premiar tamén a xornalista e comunicadora Esther Estévez, polo “seu firme compromiso coa promoción e normalización da lingua galega, destacando como presentadora do espazo “Dígocho eu” –CRTVG–, un proxecto innovador, de formato breve, que combina pedagoxía e creatividade para achegar a lingua galega ás novas xeracións dun xeito atractivo e actual e que se emite regularmente acadando unha enorme repercusión nas redes sociais –TikTok, YouTube, Instagram etc.– converténdose nun referente comunicativo”.
Ademais, o xurado valora especialmente a súa capacidade para conectar coa xuventude, trasladando contidos lingüísticos de forma lúdica e accesíbel, promovendo un sentimento de orgullo e pertenza arredor da lingua galega; sumando novos seguidores e visualizacións, aos milleiros que xa están a contribuír a facer do galego “unha lingua de prestixio, moderna e útil, rompendo estereotipos e animando ao seu uso cotián en amplos sectores sociais”.
Por último, os Premios Lois Peña Novo tamén distinguen en 2025 Miguel Anxo Seixas, doutor en Historia da Arte Moderna e Contemporánea e un dos máis destacados investigadores da intelectualidade galega. “O seu traballo académico e divulgativo salienta especialmente pola profunda dedicación á figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, símbolo esencial da identidade nacional galega”, destaca o xurado, quen se detén na tese de doutoramento asinada en 2017 polo autor, titulada Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. Biografía dun construtor da nación, “considerada a biografía máis completa e rigorosa publicada até o momento sobre o insigne galeguista”.
Desde 1984 Seixas fai parte da Fundación Castelao, entidade que actualmente preside, “impulsando a súa revitalización e reforzando o seu papel como axente dinamizador da memoria colectiva e da cultura galegas”. Ademais, apunta o xurado o seu compromiso coa promoción da lingua e identidade do país, así como coa recuperación de figuras clave da nosa historia e pensamento, “o que o converte, sen lugar a dúbidas, nun dos nomes imprescindíbeis do noso panorama intelectual”.
O xurado dos Premios Lois Peña Novo estivo presidido por Gregorio Ferreiro Fente, asesor técnico docente da Secretaría Xeral da Lingua, e integrado por Eva María Martínez Adega, profesora de ensino medio de Lingua e Literatura galegas; Obdulio Iglesias Otero, oficial da Policía Local do Concello de Redondela; Beatriz Varela Molares, técnica de educación do Concello de Santiago de Compostela; Xurxo Martínez González, responsábel do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, e Carme Pérez Vaquero, secretaria do colectivo Galeguizar Galicia.”

Felipe Senén, Rosa Castro e GCiencia recibirán o premio Lois Peña Novo 2023

Desde Nós Diario:
“O premio Lois Peña Novo da edición 2023 recaerá sobre Felipe Senén López Gómez, Rosa Castro Legazpi e GCiencia, segundo ditaminou o xurado da XXVII edición do certame.
O acto no que se oficiarán os tres recoñecementos terá lugar o próximo 29 de xuño no Castelo de Soutomaior, nun acto no que terán presenza distintos sectores da sociedade galega.
Felipe Senén é arqueólogo, historiador, debuxante, pintor, articulista, escritor e divulgador. Ademais, ten unha ampla traxectoria na defensa do patrimonio cultural da Galiza como parte indiscutíbel do acervo identitario do país.
Alén destas amplas facetas, está especializado en museística, e procurou sempre unha función ética e estética dos museos coa finalidade de informar e formar a sociedade.
Felipe Senén sempre amosou preocupación pola linguaxe simbólica na tradición galega e defendeu sempre os valores culturais e lingüísticos da Galiza, animando e promovendo accións a prol do uso do idioma propio en todas e cantas iniciativas promoveu ao longo da súa vida.
O xurado, que salientou a traxectoria dun home que ten dedicado toda a súa vida á creación, investigación e divulgación das tradicións e da cultura do país, deu os parabén ao premiado por un merecido recoñecemento do seu intenso traballo pola cultura e a lingua do país.
Pola súa parte, Rosa Castro é guionista, redactora e directora de programas de debate e informativos. Os espazos creados por esta profesional marcaron un tempo decisivo na consolidación do galego como lingua de uso nos medios de comunicación, sendo guionista en series tan fixadas na memoria colectiva galega como é o caso de Mareas Vivas.
A entidade premiada, GCiencia, é un periódico dixital creado no 2013 que contribúe decisivamente a divulgar o coñecemento científico en galego, normalizando a existencia de publicacións especializadas no idioma do país, así como a pór en valor a lingua galega visibilizándoa a través das redes sociais con máis de 400.000 seguidores únicos ao mes.
As persoas encargadas de ditaminar a entrega do XXVII premio Lois Peña Novo foron Marisa Castro Cerceda, bióloga e escritora (premiada na edición anterior); Paz Filgueira Paz, maxistrada do Xulgado número 1 de instancia de Santiago de Compostela; Xulio Ríos Paredes, escritor; Antón Dobao, escritor e lingüista, e Carme Pérez Vaquero, secretaria da Fundación Lois Peña Novo.”