Felipe Senén, Rosa Castro e GCiencia recibirán o premio Lois Peña Novo 2023

Desde Nós Diario:
“O premio Lois Peña Novo da edición 2023 recaerá sobre Felipe Senén López Gómez, Rosa Castro Legazpi e GCiencia, segundo ditaminou o xurado da XXVII edición do certame.
O acto no que se oficiarán os tres recoñecementos terá lugar o próximo 29 de xuño no Castelo de Soutomaior, nun acto no que terán presenza distintos sectores da sociedade galega.
Felipe Senén é arqueólogo, historiador, debuxante, pintor, articulista, escritor e divulgador. Ademais, ten unha ampla traxectoria na defensa do patrimonio cultural da Galiza como parte indiscutíbel do acervo identitario do país.
Alén destas amplas facetas, está especializado en museística, e procurou sempre unha función ética e estética dos museos coa finalidade de informar e formar a sociedade.
Felipe Senén sempre amosou preocupación pola linguaxe simbólica na tradición galega e defendeu sempre os valores culturais e lingüísticos da Galiza, animando e promovendo accións a prol do uso do idioma propio en todas e cantas iniciativas promoveu ao longo da súa vida.
O xurado, que salientou a traxectoria dun home que ten dedicado toda a súa vida á creación, investigación e divulgación das tradicións e da cultura do país, deu os parabén ao premiado por un merecido recoñecemento do seu intenso traballo pola cultura e a lingua do país.
Pola súa parte, Rosa Castro é guionista, redactora e directora de programas de debate e informativos. Os espazos creados por esta profesional marcaron un tempo decisivo na consolidación do galego como lingua de uso nos medios de comunicación, sendo guionista en series tan fixadas na memoria colectiva galega como é o caso de Mareas Vivas.
A entidade premiada, GCiencia, é un periódico dixital creado no 2013 que contribúe decisivamente a divulgar o coñecemento científico en galego, normalizando a existencia de publicacións especializadas no idioma do país, así como a pór en valor a lingua galega visibilizándoa a través das redes sociais con máis de 400.000 seguidores únicos ao mes.
As persoas encargadas de ditaminar a entrega do XXVII premio Lois Peña Novo foron Marisa Castro Cerceda, bióloga e escritora (premiada na edición anterior); Paz Filgueira Paz, maxistrada do Xulgado número 1 de instancia de Santiago de Compostela; Xulio Ríos Paredes, escritor; Antón Dobao, escritor e lingüista, e Carme Pérez Vaquero, secretaria da Fundación Lois Peña Novo.”

Vídeo da homenaxe da Fundación Lois Peña Novo a Francisco Fernández del Riego

Desde Galeguizar Galicia:
“Nunha mañá soleada do mes de febreiro, na Alameda de Vigo, a Fundación Lois Peña Novo convocou un acto para homenaxear a quen fora o seu presidente honorífico, D. Francisco Fernández del Riego, co gallo do seu centenario.”

Vigo: celebración do Centenario de Francisco Fernández del Riego

O sábado 16 de febreiro, na Alameda de Compostela, de Vigo (fronte á estatua de Méndez Núñez), ás 12:30 horas, terá lugar un acto público polo Centenario de Francisco Fernández del Riego, onde intervirán diversas personalidades e o grupo musical A Roda. A Federación Colombófila Galega ceibará 100 pombas mensaxeiras. O acto está organizado pola Fundación Lois Peña Novo.

O Dicionario Xurídico Galego leva o premio Lois Peña Novo

“O Dicionario Xurídico Galego, editado por Xerais, foi recoñecido este ano pola Fundación Lois Peña Novo co premio que leva o nome deste galeguista. Canda a este traballo, tamén levaron premios Luís Villares, maxistrado de Lugo, e o policía local de redondela Gonzalo Amoedo. Estes galardóns, que se entregarán o vindeiro 27 de xuño no castelo de Soutomaior, recoñecen o traballo a prol da normalización do galego “nas administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral”.” Vía Cultura Galega.