Ditame #EnredandoCoGalego 2024

“O poeta e performer Samuel Merino e a poeta, escritora e performer Silvia Penas, e o poeta e escritor Lois Pérez, membros do xurado do #EnredandoCoGalego 2024, reunidas o luns 10 de xuño, sobre os centos de traballos presentados nesta edición,

RESOLVEN

– Destacar a alta calidade dunha gran cantidade de propostas presentadas por todos os institutos participantes e queren dar os seus parabéns a todas as rapazas e rapaces que fixeron o esforzo de escribir e falar en galego e animárense a facer as súas achegas.
– Sinalar a grande variedade dos mesmos, que van dende o microrrelato, o relato breve, o conto, o poema ou o micropoema até podcasts, vídeos de youtube, composicións plásticas, curtas de cinema, cinema experimental, parodias televisivas ou traballos expositivos e mesmo filosóficos.
– Por esta razón, este mesmo xurado solicítalle ás persoas organizadoras que na vindeira edición poida haber algúns premios máis para dar resposta ao enorme talento que existe nos institutos públicos da nosa cidade.

Así, este xurado, logo de longas deliberacións decide outorgar os seguintes premios:

IES Leiras Pulpeiro:
-Terceiro premio a Nahir Prado por O eco do amor perdido, pola súa orixinalidade e tratamento literario que nos mergullan nunha historia de nostalxia e melancolía.
-Segundo premio a Pablo Navia pola variedade da súa proposta, que inclúe vídeo, poesía, microrrelato e monólogo, querendo destacar a plasticidade dos seus versos.
-Primeiro premio, pola calidade da súa obra poética que nos fala da angustia vital, a necesidade de sentir, o anhelo, o paso do tempo ou a música, a Noa Rodríguez.

IES Lucus Augusti:
– Terceiro premio polo valor divulgativo da súa proposta de vídeo arredor dos usos do galego e pola exhaltación da nosa cidade ao traballo Si, son de Lugo!, de Elia García, Emma García, María López, Mariña Souto e Adriana Zordan.
-Segundo premio pola poética intimista e sintética da experiencia do mundo así como o valor para expresar os seus sentimentos na adolescencia a Iago López.
-Primeiro premio, á curta de cinema de ficción en branco e negro titulada Amizade entre inimigos, por contar o encontro fortuíto entre un maqui e un soldado nacional nalgún monte galego durante a Guerra Civil e o uso de recursos narrativos complexos como a analepse, ademais do seu sentido narrativo, o desenvolvemento actoral, o tratamento da imaxe, o argumento e a súa xuventude para Fernando Espiña Lago.

IES Muralla Romana
-Terceiro premio pola obra de teatro O Encontro cos Celtas Galegos polo seu tratamento dramatúrxico e as acotacións escénicas, que exhalta na súa temática parte do pasado lendario do pobo galego a Celia Rodríguez.
-Segundo premio polo poema Nalgún lugar do ar e o relato Tranquilidade infinita a Sara Pico.
-Primeiro premio polo seu relato Ola, son Pedro, un texto confesional, crú e atravesado pola tristeza que se vale da literatura para continuar adiante, a Eric Bedoya.
O xurado quere destacar, malia a non obter premio, a cantiga de amigo de Martín Vila, que nos fixo rir moito cun verso moi especial que di: Ti ríndote co teu amigo e eu aquí / facendo unha cantiga de amigo, así como o traballo de Yasmin Ibrahim Latexos de amor ou o podcast presentado por varias alumnas con recomendacións de lectura.

IES Ollos Grandes
-Terceiro premio, polo seu diálogo coa poética de Luísa Villalta mesturando con habilidade a súa propia expresión, ao Poema a partir de dous versos de Luísa Villalta, de Leire Meilán Rodríguez.
-Segundo Premio polo relato breve titulado Só nós, pola orixinalidade e tratamento literario e intimista, a Carmen Martínez Domínguez.
-Primeiro premio pola súa escrita versátil, variedade de rexistro e pola orixinalidade da súa proposta que inclúe un relato breve de corte humorístico titulado A tenda dos animais faladores e un poema a Mateo Rodríguez.

IES Sanxillao:
-Terceiro premio pola plasticidade e poder evocativo e sintético ao debuxo autoría de M. Dafonte Paz.
-Segundo Premio pola Lectura dramatizada da escena “Lingua vernácula” da obra As alumnas de Paula Carballeira, recente Premio Nacional de Teatro, da autoría do alumnado de Artes escénicas de 2º de bacharelato do IES Sanxillao.
-Primeiro premio pola curta de cinema experimental, nunha homenaxe a Jean Luc Godard, titulado Tantos camiños busquei: baseado no único poema coñecido de Frank Sigmundson, polo seu sentido do risco, a súa proposta visual e o tratamento escénico, que nos conectan co cinema francés de vangarda do século vinte traéndoo á actualidade.”