Lugo: EnRedando co Galego 2023

EnRedando co Galego 2023 é unha actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), en colaboración coa Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

Esta terceira edición do EnRedando co galego promove o uso do galego na poboación escolar así como a creación literaria e artística a través da lingua, na que participan nesta ocasión sete institutos da capital lucense (IES Ánxel Fole, IES Leiras Pulpeiro, IES Lucus Augusti, IES Muralla Romana, IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, IES Sanxillao e IES Xoán Montes), coa colaboración do profesorado dos centros, aumentando significativamente o número de centros participantes en relación á edición anterior.
Ben a través da redes sociais, ou ben a través da Escola de Escritoras e Escritores da AELG, recompilaranse reflexións sobre o uso da lingua galega na vida cotiá así como a creación de todo tipo de producións literarias, onde mesmo se poderán combinar xéneros e formatos diversos (versos, poemas, relatos, historias, cancións, performance, audiovisual…)

EnRedando co galego
3 semanas falando en galego!

Quen pode participar?
Alumnado de de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de BAC dos IES Ánxel Fole, IES Leiras Pulpeiro, IES Lucus Augusti, IES Muralla Romana, IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, IES Sanxillao e IES Xoán Montes, da cidade de Lugo.

Como participar este alumnado?
1) Nas túas redes sociais. Gravando e publicando vídeos durante as tres semanas que dura EnRedando contando a túa experiencia falando en Galego ou colgando diferentes publicacións en Galego dun mínimo de 130 caracteres co cancelo #enredandocogalego
* Podes publicar tamén vídeos de corte artístico, que poderán ser literarios (versos, reflexións, lecturas poéticas), musicais, teatrais, monólogo, narración, performance ou de xénero híbrido (onde se mesturen varios destes elementos).
2) Tamén podes prescindir das redes sociais e enviar os teus traballos, de vídeo, audio ou escrita ao seguinte correo: escoladeescritoraseescritores@aelg.org

Agasallos
Aquelas persoas que participedes en EnRedando co galego recibiredes diferentes agasallos e participaredes no sorteo de moitos outros, así como poderedes gozar dun fin de festa organizado para todas vós.