Monforte: presentación de Cartas de republicanos galegos condenados a morte, de Xesús Alonso Montero

O xoves 9 de decembro, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Praza de España, 2) de Monforte de Lemos, preséntase Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), de Xesús Alonso Montero, publicado en Xerais, e galardonado co Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega (ensaio) de 2010 e o Premio Ánxel Casal ao libro de non ficción no 2009. No acto participan, co autor, Rosa María López González e Manuel Bragado.

Cangas: presentación de Cartas de republicanos galegos condenados a morte, de Xesús Alonso Montero e A rosa do viño, de Xavier Castro

Dentro das actividades da Feira do Libro de Cangas, o venres 23 de xullo ás 19:30 preséntase a segunda edición de Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), de Xesús Alonso Montero, publicado por Xerais. No acto participan Manuel Bragado e o propio autor.
No mesmo día, ás 20:30 h., Xavier Castro presentará A rosa do viño, publicado en Galaxia, acompañado por Víctor F. Freixanes e Estro Montaña.

Premios da AELG 2010

[blogaliza.org emitiu os premios ao vivo por qik.com]

ENSAIO, LITERATURA INFANTIL E XUVENIL, POESÍA, NARRATIVA, TRADUCIÓN, TEATRO, TRAXECTORIA XORNALÍSTICA E BLOG LITERARIO

Na celebración da Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritores en Lingua Galega, foron entregados os premios á mellor obra publicada no 2009 nas modalidades de ensaio, literatura infantil e xuvenil, poesía, narrativa, tradución, teatro, traxectoria xornalística e blog literario, así como á institución que salientara na defensa e difusión da nosa cultura.

Os galardóns, concedidos por escritores/as para escritores/as, levan camiño de se afianzar como uns dos de máis prestixio no noso panorama literario.

Da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda polos asociados/as á AELG -coa participación dos socios/as de Gálix para elixir a mellor obra de Literatura Infantil e Xuvenil e dos membros do Colexio de Xornalistas para a modalidade de Traxectoria xornalística-, elaborouse unha listaxe de obras finalistas correspondentes a cada xénero dos mencionados, sobre a que os socios e socias emitiron de novo o seu voto nunha segunda quenda para elixir as obras gañadoras dos Premios AELG.

Unha vez computados os votos, os gañadores do Premio AELG ás mellores obras publicadas no 2009 son:

Ensaio: Xesús Alonso Montero, pola súa obra Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) (Xerais)

Literatura Infantil e Xuvenil: Agustín Fernández Paz, pola súa obra Luz do Senegal (Xerais)

Poesía: Luz Pozo, pola súa obra Deter o día cunha flor (Baía)

Narrativa: Xosé Cid Cabido, pola súa obra Unha historia que non vou contar (Xerais)

Tradución: Bartug Aykam e María Alonso Seisdedos, pola tradución da obra O museo da inocencia, de Orham Pamuk (Galaxia)

Teatro: Rubén Ruibal, pola súa obra Delimvois (Xerais/IGAEM)

Mellor traxectoria xornalística: Manuel Rivas

Blog Literario: Manuel Bragado, polo seu blog Brétemas

Institucións: Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Escritor Galego Universal: Juan Gelman