25º aniversario do Ciclo de Teatro de Ponteceso

Desde Erregueté:
“O teatro converterase no principal protagonista cultural do outono en Ponteceso. No mes de novembro celébrase a 25ª edición do Ciclo de Teatro Concello de Ponteceso, un dos eventos máis consolidados da localidade e cita obrigada para os/as amantes e afeccionados/as das artes escénicas. Para celebralo, o departamento de Cultura vén de elaborar unha programación especial, subvencionada pola Deputación da Coruña, con actuacións gratuítas todos os sábados do mes e a visita dalgunhas das compañías máis importantes do país para promover unha cultura teatral propia e fomentar o consumo de teatro feito en Galicia e en galego.
Nesta edición, as funcións darán comezo ás 22:30 horas no salón de actos do Edificio das Escolas.
O sábado 3, a compañía encargada de inaugurar o certame será Talía Teatro, que achegará a súa revisión do clásico O servidor de dous amos, un dos textos inmortais da historia do teatro convertido no referente por excelencia da Commedia dell’Arte. Oito intérpretes desenvolverán un espectáculo onde todo será posible, a mentira e a confusión serán a base do xogo e os distintos espazos mudarán á vista do espectador para rir de todo e de todos, ata de nós mesmos. Un espectáculo trepidante e deslinguado, que resultará tan mordaz como divertido.
A segunda representación terá lugar o sábado 10 e correrá a cargo de Contraproducións, que presentará Fillos do Sol, unha elucubración teatral sobre a figura de Eduardo Pondal e a súa obsesión coa obra que centrou toda a súa vida como escritor: Os Eoas. Realidade ficcionada e fabulación dramática para amosar ao bardo pontecesán dos últimos tempos, octoxenario e neurótico, con dúbidas, medos e insatisfaccións creativas.
Da man da mesma agrupación teatral chegará o día 17 Commedia, unha peza que cumpre tamén 25 anos sobre os escenarios desde a súa estrea en 1993 na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT). Con máis de 200 funcións representadas en España, Portugal e Francia, este fito do teatro galego presenta unha sucesión de divertidos equívocos e enxeñosos enredos para falar do amor romántico e os riscos da sinceridade.
Por último, a compañía coruñesa Náufragos porá, o sábado 24, o broche de ouro ao certame coa súa carta de presentación, Castrapo, unha proposta actual e próxima ao espectador que narra a viaxe ás orixes, ás raíces, falando do que fomos e xa non somos e do que somos e xa non seremos.”