Helena Villar Janeiro: “Os libros que se relén cando ti xa non es a mesma vólvense novos”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Helena Villar Janeiro en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Que novela a reconciliou coa literatura?
– Helena Villar Janeiro (HVJ): Que haxa cousas que non me gusten non minguou o meu aprecio pola arte de contar, de cantar ou de pensar creativamente, que vén sendo a literatura. Ás veces deixar algo é máis unha administración do tempo que un rechazo real, sobre todo no terceiro acto da vida, no que eu ando. Empezo a desexar re-ler tanto como ler, porque os libros que se relén cando ti xa non es a mesma vólvense novos. (…)
– B: Escribirá as súas memorias?
– HVJ: Tiven oficio, profesión e vocación, dedicacións sociais exercidas con paixón en momentos de grandes cambios. Vendo morrer un mundo e nacer outro, é ben difícil subtraerse á tentación de intervir literariamente ese tránsito, porque afortunadamente estiven en escenarios de visión privilexiada. Gardo bastantes cousas a medio elaborar: material biográfico, da historia familiar e da memoria ancaresa da que herdei moito coñecemento e me apena que se perda. Son, por herdanza e formación na cultura popular, narradora oral. María do Cebreiro tenme falado de facer unha gravación de relatos que me escoitou moitas veces e deberían ter ese formato espontáneo. Se viñesen tempos animosos, poida que me decidise a organizar todo o material e ir buscándo formas para a súa diversidade.
– B: Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?
– HVJ: Nacín como poeta con Juan Ramón Jiménez. Estábame iniciando en varias artes: música (guitarra), debuxo, pintura e modelado…, pero el púxome nas alas das súas palabras e empecei a voar, sen saber daquela que fora un namorado de Rosalía e de Curros. Tras este primeiro libro vin a anomalía de non escribir no meu idioma e nese paso foi estimulante a Escolanía de merlos, de Faustino Rey Romero. Entrei na riqueza dos nosos clásicos e procurei ir coñecendo as distintas xeracións canda outras voces poéticas do meu gusto, desde a sufí Rabia Al-Adawiyya á italiana Antonia Pozzi, pasando polos franceses —marcadamente Eluard e Prévert, que traducía—, e as iberoamericanas Cecília Meireles, Delmira Agustini, Gabriela Mistral, Alfonsina Storni… Tamén dei unha boa volta pola poesía anglófona, menos cercana polo escaso coñecemento do idioma. (…)”