Fallados os V premios de poesía Concello de Mugardos

“O xurado do V Premio de poesía Concello de Mugardos, formado por Mónica Mª Fernández, concelleira de Política Lingüística; Mª de la Concepción Díaz e Fátima García Cendán, bibliotecarias municipais; Eduardo Estévez, escritor; Aurora Valentina Varela, poeta; e actuando como secretaria Mª del Mar Nóvoa, declaran como gañadora do certame a Marisol Gándara, pola obra presentada baixo o lema Cousas de nenos: Por dentro. Na categoría de menores de 18 anos, o gañador do certame foi Darío Miranda Pastoriza, pola obra titulada Fálame. O acto de entrega tivo lugar o sábado ás 12:00 horas.” Vía Fervenzas Literarias.

Convocado o V Certame de Poesía Concello de Mugardos

“O Concello de Mugardos, a través da Biblioteca Pública Municipal, convoca a quinta edición do Certame de Poesía Concello de Mugardos, co gallo do Día da Poesía, o 21 de marzo.

BASES

PRIMEIRA: Establécense dúas categorías nas que o xurado designará un/unha gañador/a por categoría:
* até 18 anos.
* iguais ou maiores de 18 anos.
Os/as concursantes poderán presentar un máximo de tres poesías, que se axustarán ás seguintes normas:
* TEMA: Libre.
* LINGUA: Galego.
* FORMA E EXTENSIÓN: DIN A4 por unha cara (extensión máxima por poesía), mecanografados a dobre espazo, corpo de letra 14 e encabezados polo título.
As poesías terán que ser orixinais, inéditas e non premiadas en calquera outro tipo de concurso.
SEGUNDA: Achegaranse dúas copias sen asinar dentro dun sobre pechado que especificará no exterior o pseudónimo elixido polo/a autor/a e o nome do certame. Dentro deste sobre incluirase outro sobre pechado, co pseudónimo no exterior, que conterá fotocopia do documento de identidade e unha cuartilla co nome, apelidos, idade, enderezo completo e teléfono do/a autor/a.
TERCEIRA: O prazo de entrega das poesías será todo o mes de febreiro. Presentaranse no rexistro de entrada do Concello de Mugardos ou enviaranse mediante correo certificado ao seguinte enderezo: V CERTAME DE POESÍA CONCELLO DE MUGARDOS, Concellaría de Cultura, Deporte, Turismo e Mocidade do Concello de Mugardos, Avenida de Galicia, núm. 45. (15620) Mugardos (A Coruña), segundo establece a Lei de Réxime Xurídico do Procedemento Administrativo Común no Art. 38.4.
CUARTA: Unha vez reunidos os membros do xurado para facer a oportuna valoración, resultará gañadora aquela poesía que, a criterio do xurado, sexa merecedora do primeiro premio, podendo facer ademais Mención Especial dalgunha outra se o consideran oportuno.
QUINTA: O premio consistirá nun bono para mercar libros:
* por valor de 100 €, para a categoría de iguais ou maiores de 18 anos.
* por valor de 50€, para a categoría de menores de 18 anos.
SEXTA: O nome do/a gañador/a farase público o mércores 21 de marzo (Día mundial da poesía), tendo lugar o acto de entrega de premios o sábado 24 do mesmo mes ás 12:00 horas.
SÉTIMA: A participación nesta convocatoria implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases.

Mugardos, 3 de febreiro de 2012

O alcalde

Xosé Fernández Barcia”