Gañadores do II Certame Literario Cantabile

O sábado 13 de maio reuníronse no local do coro os membros do xurado do II Certame Literario Cantabile. O tribunal estaba formado por:
Tito Pérez, escritor
– Roberto Samartim, profesor da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña
Dores Tembrás, escritora
Os integrantes desta mesa acordaron o seguinte veredicto:
Categoría A
Modalidade de poesía:
1º Premio: “Bando de Borboleta”, de Raquel Cernadas Varela.
Modalidade de microrrelato:
O premio fica deserto por non presentarse ningún traballo nesta modalidade.
Categoría B
Os premios fican desertos por non presentarse ningún traballo en ningunha das dúas modalidades.
Categoría C
Modalidade de poesía:
1º Premio: “Osíxeno”, de Miguel Ángel Fernández García.
Modalidade de microrrelato:
1º Premio: “De costas”, de Adrián Gil Fernández.

O día 27 de maio será a entrega de premios, ás 19:30 na igrexa das Capuchinas da Coruña. Nesta tarde, escoitaremos os textos premiados lidos polos seus autores e autora, e intervirá o Coro Cantabile.
Música e literatura estarán unidas nunha causa solidaria: os donativos asociados a cada participación no concurso serán entregados á Cociña Económica e ademais recolleranse alimentos, tamén para esta institución.”

II Certame Literario Cantabile

A Asociación Musical e Cultural Cantabile organiza de novo o seu certame literario, con motivo da conmemoración da formación das Irmandades da Fala na Coruña o 18 de maio de 1916. Trátase dunha cadea de favores: as persoas participantes entregan un donativo mínimo asociado á súa obra que irá destinado á Cociña Económica, optando aos premios que Cantabile ofrecerá aos mellores traballos.

BASES:
1. Poderán participar todas as persoas interesadas que presenten traballos orixinais inéditos escritos en lingua galega, preferentemente relacionados coa temática da música.
2. Haberá as seguintes categorías de idade:
a) Categoría A: de 8 a 12 anos.
b) Categoría B: de 13 a 17 anos.
c) Categoría C: de 18 anos en adiante
3. Haberá dúas modalidades: poesía e microrrelato.
4. Os traballos presentados estarán escritos en letra Times New Roman, tamaño 12 ou Arial tamaño 10 (ou tipos de letra equivalentes en Libre Office, Liberation Serif tamaño 12 ou Liberation Sans tamaño 10), con espazo entre liñas 1.5, sen asinar. A extensión máxima de cada traballo será de unha cara.
5. O premio para cada categoría será material bibliográfico adecuado a cada franxa de idade, así como material discográfico de Cantabile. O xurado reservarase o dereito de nomear accésits. Os premios poderán quedar desertos.
6. A entrega dos traballos farase nun sobre anónimo, orixinal e tres copias, figurando no exterior a mención “II Certame Literario Cantabile”. Dentro dese sobre haberá outro sobre pequeno en cuxo exterior figurará o título do traballo, a categoría na cal se inscribe, a modalidade e o lema ou pseudónimo do autor ou autora. No interior dese sobre haberá unha plica na cal figurarán nome, apelidos, DNI (se o autor ou autora non tiver, o da persoa responsábel), un teléfono de contacto e un correo electrónico. Para menores de 14 anos, incluirase ademais no sobre unha autorización de participación con nome, apelidos, DNI e firma da persoa responsábel. Os traballos poderán entregarse no local de ensaio de Cantabile os sábados de 11:00 a 14:00 ou por correo postal (Rúa Santo Tomás 30 baixo, 15002, A Coruña).
7. Os datos persoais facilitados na inscrición no concurso serán empregados exclusivamente para xestionar a participación no concurso. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercitar mediante escrito dirixido á Asociación Musical e Cultural Cantabile, Rúa Santo Tomás 30, baixo, 15002, A Coruña.
8. O donativo mínimo asociado a cada traballo é de 2€, coa posibilidade de doar unha cantidade maior; irá destinado á Cociña Económica da Coruña. Os donativos faranse ben en efectivo, se se entregar o traballo en man, ben por transferencia (nº de conta 2080 0000 79 3040170586, Abanca) indicando como concepto o título da obra e o pseudónimo do autor ou autora, se se fixer por correo postal. É un requisito indispensábel para entrar a valorar os traballos no certame.
9. A composición do xurado farase pública pertinentemente; será nomeado por Cantabile. Este xurado será totalmente independente e alleo á identidade das persoas participantes e á contía dos seus donativos.
10. O prazo para inscribir traballos rematará o sábado 29 de abril (incluído).
11. O veredicto do xurado farase público o día 18 de maio, coincidindo co aniversario da fundación das Irmandades da Fala.
12. A data e ubicación da entrega de premios fixarase con posterioridade á publicación do veredicto.
13. A participación no certame supón a total aceptación destas bases.”

Cantabile outorga os premios do seu I Certame Literario convocado no centenario das Irmandades da Fala

Nota_prensa_Certame_LiterarioCantabile_Galego