Arquivos da etiqueta: Certame Poético Rosalía de Castro do Concello de Padrón
Xurxo Alonso García gaña o Certame poético Rosalía de Castro do Concello de Padrón
Desde o Concello de Padrón:
“O pintor e poeta vilagarcián Xurxo Alonso García é o gañador da décima edición do Certame poético Rosalía de Castro que organiza o Concello de Padrón. Alonso García presentouse ao certame baixo lema Acta de Sospeita cun traballo do que o xurado destacou que se “trata dunha visita renovada a través do xenio epistolar ao horror fascista de 1936”.
Nado en Bos Aires en 1956 e residente en Vilagarcía dende os oito anos, Xurxo Alonso recibirá un premio de 1.500 euros e o seu poema (que se presentou sen título a este certame) será publicado na colección de Poesía Rosalía de Castro do Concello de Padrón.
O xurado destacou que a obra de Xurxo Alonso “está dotada dunha lingua patrimonial moi rica e mantén unhas constantes estilistas de boa factura”, motivo polo que lle concederon este premio nun certame ao que se presentaron outros 43 traballos.
Licenciado en Bioloxía, Xurxo Alonso é pintor e poeta. Como poeta é autor de nove libros e recibiu, entre outros, os seguintes premios: Avelina Valladares, Johán Carballeira, Francisco Añón, Bouza-Brey, Concello de Carral, Cidade de Ourense, Díaz Castro, Torre de Caldaloba e Lueiro Rey.
Como pintor, Alonso García realizou máis de setenta exposicións individuais e obtivo premios como a Bienal Cidade de Pamplona, Bienal de Pontevedra, Premio Gredos e Bienal Eixo Atlántico.
O xurado deste X Certame poético Rosalía de Castro reuniuse na casa consistorial de Padrón, presidido polo alcalde, Anxo Arca. Forman parte do mesmo Anxo Angueira, profesor titular da área de Filoloxía galega e portuguesa da Universidade de Vigo, presidente da Fundación Rosalía de Castro e académico da Real Academia Galega; Manuel Lorenzo Baleirón, escritor e mestre no IES Macías o Namorado de Padrón; Miriam Ferradáns Ferradás, poeta e graduada social; Inés Mosquera Calvo, tradutora, intérprete e escritora, e Rita Bugallo González, escritora e profesora de educación secundaria de Lingua galega e literatura. Actuou como secretaria, con voz pero sen voto, a animadora cultural do Concello de Padrón, Beatriz Lorenzo Vázquez.”
Bases do X Certame poético Rosalía de Castro do Concello de Padrón
O noiés Manuel López Rodríguez gaña o oitavo certame poético Rosalía de Castro do Concello de Padrón
Desde o Concello de Padrón:
“O poeta e editor noiés Manuel López Rodríguez é o gañador da oitava edición do certame poético Rosalía de Castro coa obra Neste mesmo intre. O xurado, reunido onte pola mañá no Concello de Padrón, destaca a “gran riqueza de imaxes” coa que López logra recrear unha Compostela extinta na que se producen certos achádegos literarios.
A obra de Manuel López, presentada co lema ‘A campesiña do Ensanche’, foi seleccionada por maioría entre as dezanove que este ano se presentaron ao certame Rosalía de Castro. O xurado, presidido polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández, contou como vogais coa concelleira Lorena Couso; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o profesor do IES Macías O Namorado Manuel Lorenzo Bailerón, e os poetas Elvira Ribeiro, Miriam Ferradáns e Rafa Vilar, gañador do última edición deste galardón con O sal dos días. (…)”
O Concello de Padrón falla o VII Certame poético Rosalía de Castro, que obtén Rafa Vilar
Desde o Concello de Padrón:
“O Concello de Padrón fallou o VII Certame poético Rosalía de Castro a favor de Rafael Xesús Vilar González pola súa obra O sal dos días. O xurado valorou a estrutura, a coherencia temática, o simbolismo do territorio. “É un poemario lingüístico moi coidado. Ten vocación de conxunto”, destacan na acta de resolución .
O xurado estaba integrado polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, como presidente, Lorena Couso, concelleira de Cultura; Anxo Angueira Viturro, profesor do departamento de filoloxía galega e latina da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro; Manuel Lorenzo Baleirón, mestre no IES Macías o Namorado de Padrón; María Xesús Senín Fernández, profesora de lingua e literatura galega no IES Camilo José Cela de Padrón; Xosé Luís Axeitos Agrelo, filólogo, escritor, investigador e membro da Real Academia Galega; e María López Sández, filóloga, ensaísta, profesora de Educación Secundaria e profesora asociada na Facultade de Ciencias de Educación da Universidade de Santiago de Compostela.
“Este premio significa moito para a noso municipio pola relevancia da figura de Rosalía de Castro na historia de Padrón, sendo un dos nosos símbolos de identidade máis senlleiros. É unha honra poder descubrir, a través deste certame, novos escritores que coa súa expresión conseguen explorar emocións e sentimentos da man da beleza”, afondou Lorena Couso, concelleira de Cultura do Concello de Padrón. “A todas as persoas que participaron neste certame dámoslle as grazas e trasladamos a nosa noraboa ao premiado”, engadiu.”