Desde Agadic:
“O impulso á dramaturxia galega contemporánea e a reflexión sobre a nosa identidade como pobo centran unha parte importante da nova temporada escénica do Centro Dramático Galego (CDG), que foi presentada hoxe na súa sede do Salón Teatro de Santiago de Compostela. Así, arredor deste dous eixos xira a nova produción propia da compañía da Xunta, Neorretranca e posmorriña, que dirixirá Gena Baamonde a partir dos textos Sinfonía en sol maior ou non, de Esther Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte.
A aposta pola nova autoría escénica galega reflíctese tamén en moitos dos títulos que contan coa implicación da unidade teatral da Consellería de Cultura e Turismo a través dos seus programas de coprodución e residencia, así como do seu labor de exhibición no Salón Teatro e de DramatUrxente, iniciativa transversal para o apoio, fomento e promoción da nosa dramaturxia actual desde diferentes frontes. Como o grupo de escrita teatral DramaturXa, que en 2018 desenvolveu unha primeira edición coordinada por Manuel Lourenzo e da que xurdiron, entre outras, as obras que lle dan forma a Neorretranca e posmorriña.
Cinco coproducións
O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e a directora do CDG, Fefa Noia, detallaron os principais contidos desta programación nun acto celebrado hoxe, no que estiveron acompañados sobre o escenario polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e polos representantes dos equipos artísticos tanto da produción propia como das cinco coproducións do CDG para 2019: Doppelgänger, de Berrobambán coa compañía colombiana El Arca de N.O.E, que se estrea este mesmo xoves 24 no Salón Teatro; A compañeira de piso, de Contraproducións; lnvisibles, de Redrum Teatro; Soma, de Javier Martín; e Se fosen turistas levarían gafas de sol, de Limiar Teatro.
A esta presentación foron convidados, así mesmo, os creadores involucrados no resto dos proxectos da temporada e mais os representantes dos principais colectivos profesionais e formativos do sector escénico galego.
O vindeiro 11 de abril será a data da estrea en Santiago de Neorretranca e posmorriña, para a que mañá mesmo dan comezo as probas de interpretación nas que participarán medio cento de aspirantes. Nelas seleccionaranse as 10 actrices e actores das dúas pezas do espectáculo, que –a modo de colaxe– ofrecerán dúas olladas diferentes sobre o tema da identidade galega. En palabras da súa directora, Sinfonía en sol maior ou non preséntase como unha “fantasía aberta ao xogo escénico, catálogo-secuencia de múltiples imaxes dunha terra por facer”, mentres que Boisaca ou a divina desgraza é “humor negro en cemiterio turístico nun tour completo polos límites da vida”. Tras a súa estrea no Salón Teatro, onde poderá verse ata 5 de maio, a montaxe iniciará unha xira de dous meses por diferentes escenarios galegos.
En Residencia
Respecto á colaboración e intercambio coas compañías privadas, ademais de ás devanditas cinco coproducións, o CDG ofrécelles a súa sede e a asistencia técnica do seu equipo aos colectivos artísticos que participan na edición 2018-19 de En Residencia. Por este programa pasaron xa Inversa Teatro con Sofía e as postsocráticas e Proxecto Pank + Funboa Escénica con tres proxectos: Masa madre + sal marina, Eso que vi e O que segue. Proximamente farano Artesa Cía. con Chola a It Girl, Colectivo Marciano Balboa con O inevitable, peza programada polo festival Escenas do Cambio da Cidade da Cultura de Galicia, e Redrum Teatro con A nena que quería navegar e Contos do recreo, ademais de coa devandita coprodución Invisibles.
O público pode gozar de todas estas propostas dentro da carteleira de exhibición do Salón Teatro, que acollerá igualmente dous novos títulos do ciclo Teatro Ob-Sceno para propostas en pequeno formato que se desenvolven fóra do escenario (Alicia morreu de sobredose, de Noelia Toledano, e Váter, de Roberto Salgueiro). Así mesmo, no Centro Dramático Galego poderán verse ata o verán outros espectáculos de Talía Teatro, Ibuprofeno Teatro, Contraproducións e A Feroz. O Salón Teatro acollerá ademais proxeccións da Mostra de Cinema Iberoamericano, organizada pola Fundación Araguaney, e funcións do mercado Galicia Escena PRO, promovido pola Agadic.
Completarán a actividade central da nova temporada a edición de Neorretranca e posmorriña dentro da colección O papel do teatro e o apartado de formación, no que figuran obradoiros para público adulto e infantil e mais para profesionais das artes escénicas en materias como adestramento físico, construción de personaxes, competencia lingüística ou dramaturxia.
-Dossier temporada CDG 2018-2019“