A identidade e a nova dramaturxia de Galicia protagonizan a temporada do Centro Dramático Galego

Desde Agadic:
“O impulso á dramaturxia galega contemporánea e a reflexión sobre a nosa identidade como pobo centran unha parte importante da nova temporada escénica do Centro Dramático Galego (CDG), que foi presentada hoxe na súa sede do Salón Teatro de Santiago de Compostela. Así, arredor deste dous eixos xira a nova produción propia da compañía da Xunta, Neorretranca e posmorriña, que dirixirá Gena Baamonde a partir dos textos Sinfonía en sol maior ou non, de Esther Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte.
A aposta pola nova autoría escénica galega reflíctese tamén en moitos dos títulos que contan coa implicación da unidade teatral da Consellería de Cultura e Turismo a través dos seus programas de coprodución e residencia, así como do seu labor de exhibición no Salón Teatro e de DramatUrxente, iniciativa transversal para o apoio, fomento e promoción da nosa dramaturxia actual desde diferentes frontes. Como o grupo de escrita teatral DramaturXa, que en 2018 desenvolveu unha primeira edición coordinada por Manuel Lourenzo e da que xurdiron, entre outras, as obras que lle dan forma a Neorretranca e posmorriña.
Cinco coproducións
O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e a directora do CDG, Fefa Noia, detallaron os principais contidos desta programación nun acto celebrado hoxe, no que estiveron acompañados sobre o escenario polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e polos representantes dos equipos artísticos tanto da produción propia como das cinco coproducións do CDG para 2019: Doppelgänger, de Berrobambán coa compañía colombiana El Arca de N.O.E, que se estrea este mesmo xoves 24 no Salón Teatro; A compañeira de piso, de Contraproducións; lnvisibles, de Redrum Teatro; Soma, de Javier Martín; e Se fosen turistas levarían gafas de sol, de Limiar Teatro.
A esta presentación foron convidados, así mesmo, os creadores involucrados no resto dos proxectos da temporada e mais os representantes dos principais colectivos profesionais e formativos do sector escénico galego.
O vindeiro 11 de abril será a data da estrea en Santiago de Neorretranca e posmorriña, para a que mañá mesmo dan comezo as probas de interpretación nas que participarán medio cento de aspirantes. Nelas seleccionaranse as 10 actrices e actores das dúas pezas do espectáculo, que –a modo de colaxe– ofrecerán dúas olladas diferentes sobre o tema da identidade galega. En palabras da súa directora, Sinfonía en sol maior ou non preséntase como unha “fantasía aberta ao xogo escénico, catálogo-secuencia de múltiples imaxes dunha terra por facer”, mentres que Boisaca ou a divina desgraza é “humor negro en cemiterio turístico nun tour completo polos límites da vida”. Tras a súa estrea no Salón Teatro, onde poderá verse ata 5 de maio, a montaxe iniciará unha xira de dous meses por diferentes escenarios galegos.
En Residencia
Respecto á colaboración e intercambio coas compañías privadas, ademais de ás devanditas cinco coproducións, o CDG ofrécelles a súa sede e a asistencia técnica do seu equipo aos colectivos artísticos que participan na edición 2018-19 de En Residencia. Por este programa pasaron xa Inversa Teatro con Sofía e as postsocráticas e Proxecto Pank + Funboa Escénica con tres proxectos: Masa madre + sal marina, Eso que vi e O que segue. Proximamente farano Artesa Cía. con Chola a It Girl, Colectivo Marciano Balboa con O inevitable, peza programada polo festival Escenas do Cambio da Cidade da Cultura de Galicia, e Redrum Teatro con A nena que quería navegar e Contos do recreo, ademais de coa devandita coprodución Invisibles.
O público pode gozar de todas estas propostas dentro da carteleira de exhibición do Salón Teatro, que acollerá igualmente dous novos títulos do ciclo Teatro Ob-Sceno para propostas en pequeno formato que se desenvolven fóra do escenario (Alicia morreu de sobredose, de Noelia Toledano, e Váter, de Roberto Salgueiro). Así mesmo, no Centro Dramático Galego poderán verse ata o verán outros espectáculos de Talía Teatro, Ibuprofeno Teatro, Contraproducións e A Feroz. O Salón Teatro acollerá ademais proxeccións da Mostra de Cinema Iberoamericano, organizada pola Fundación Araguaney, e funcións do mercado Galicia Escena PRO, promovido pola Agadic.
Completarán a actividade central da nova temporada a edición de Neorretranca e posmorriña dentro da colección O papel do teatro e o apartado de formación, no que figuran obradoiros para público adulto e infantil e mais para profesionais das artes escénicas en materias como adestramento físico, construción de personaxes, competencia lingüística ou dramaturxia.
-Dossier temporada CDG 2018-2019

A Regadeira de Adela comeza a tempada de outono de microteatro

Desde Erregueté:
A Regadeira de Adela comeza a tempada de outono de microteatro en Compostela. Este xénero que vén collendo auxe, e cuxo principal expoñente na bisbarra é o local compostelán, ofrecerá este ano once pezas.
O local foi ademais renovado. Os xestores pintárono buscando un espazo mais minimalista “que permita a creación nun sentido máis amplo. Un espazo máis neutro, que permite que o artista transforme o espazo concretamente para a súa peza: os nosos cuartos adáptanse á historia, á creación”.
A Regadeira de Adela nace en 2012 coa intención de contribuír a seguir construíndo o tecido cultural da cidade. Un lugar aberto aos artistas de Santiago e de toda Galicia e dirixido a espectadores curiosos e amantes das experiencias diferentes.
O programa para este outono é o seguinte:
9 e 10 de novembro
Muller Raíz: Natura que cura
Noemí Pájaro Luna: Teatro máxico
Lucía Cebreiro e Nuria Vil: Baixa Poesía
16 e 17 de novembro
Noelia Toledano: Alicia morreu de sobredose
Josi Lage: Barbárie en branco e negro
Vuelta de Tuerka: 36m3 / 18 noviembre
23 e 24 de novembro
Teatro en Trance / Paula Sanmartín: Desvío
30 de novembro / 1 de decembro
Aula de Teatro do Concello de Teo: Hotel Ramallosa (Teatro en toda a casa).
14 e 15 de decembro
Cavort Teatro: Güeitin for CV
Sen Cancelas Teatro: 2010
Nuria Vil e Charles Rapante: Palabra falada, música experimental e Super8

AveLina Pérez gaña o I Torneo de Dramaturxia de Galicia

Desde Cultura Galega:
“A Salasón de Cangas acolleu na noite deste martes a celebración do I Torneo de Dramaturxia de Galicia, unha iniciativa que se integra na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas en colaboración con DramaturGA, Asociación Galega de Dramaturxia. A iniciativa reuniu textos de seis autores teatrais que foron lidos de xeito dramatizado por actores e actrices. O público foi o responsable de seleccionar o preferido. Con Esther F. Carrodeguas como mestra de cerimonias, competiron no evento creacións de Noelia Toledano, AveLina Pérez, Afonso Becerra de Becerreá, Roi Vidal Ponte, Carlos Labraña e Julio Fernández. Finalmente foi AveLina Pérez a que se impuxo co texto Os arroaces son animais sucios e desesperados. A obra é un diálogo entre unha muller soa e un robot de compañía con quen se dispón a compartir unha velada romántica.”

Conclusións da Asemblea da Sección de Literatura Dramática da AELG 2016

“AAELG Logo 2-2015 asemblea tivo lugar no marco da I Xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG.

CONVOCATORIA
No Quiosco Afonso da cidade da Coruña, a 5 de novembro de 2016, ás 12 h. a través de convocatoria aberta ás socias e socios da AELG e a todas as persoas interesadas no ámbito da literatura dramática e as artes escénicas.
Esta convocatoria aberta fíxose vía correo electrónico por parte da secretaría técnica da AELG, correo electrónico por parte do coordinador da Sección de Literatura Dramática a toda a comunidade escolar da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, a DramaturGA-Asociación Galega de Dramaturxia e a uns cincocentos contactos do mundo das artes escénicas. Tamén se difundiu nos medios de comunicación (a web e a Axenda Cultural da AELG, o xornal dixital Sermos Galiza, o blog de teatro “O Galiñeiro” do xornal dixital Praza Pública, o programa “Diario Cultural” da Radio Galega do día 4 de novembro) e a través das redes sociais.

ASISTENTES
Afonso Becerra (Dramaturgo e director de escena. Profesor da ESAD de Galiza. Coordinador da Sección de Literatura Dramática da AELG)
Xavier Castiñeira (Director de escena. Profesor da ESAD de Galiza)
Rafael Catoira (Empresario xubilado)
Xoán Carlos Corredoira (Director de escena)
Raúl Dans (Dramaturgo)
Moncho Iglesias (Actor e director de escena do Cadro de Teatro de Cantigas da Terra)
Carlos Labraña (Dramaturgo, director de escena)
Manuel Lourenzo (Dramaturgo, director de escena, actor)
Xesús Pisón (Dramaturgo)
Gustavo Pernas (Dramaturgo, director de escena, actor)
Cesáreo Sánchez Iglesias (Poeta. Presidente da AELG)
Paco Souto (Dramaturgo)
Noelia Toledano (Dramaturga, directora de escena, actriz)

Tamén asistiron 3 persoas máis, que non falaron na asemblea e que non temos identificadas.
O coordinador desta I Xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG fixo especial fincapé en convidar mulleres, dramaturgas, literatas e estudosas das artes escénicas, pero malia á insistencia a porcentaxe de participación de mulleres na asemblea non foi a desexada e necesaria, dado o seu peso no sistema literario galego.

ALGÚNS DOS ASUNTOS TRATADOS
A invisibilidade do xénero da literatura dramática en lingua galega debido á escasísima edición, tradución, estudo, escenificación e presenza nos foros sociais ou nos medios de comunicación.
Isto deriva no pouco incentivo de cara á súa creación e desenvolvemento plenos. Tamén na dificultade de que as persoas que poidan estar interesadas (para a lectura e para a escenificación, como poden ser os grupos de teatro amador ou de teatro escolar ou as mesmas compañías teatrais) teñan problemas de acceso ao corpus da literatura dramática galega. Textos clásicos desaparecidos, non editados. textos contemporáneos inéditos ou en edicións minorizadas e minoritarias.
As institucións culturais públicas, autonómicas e estatais, con responsabilidades neste ámbito, teñen demostrado a súa ineficacia e a súa falta de acción. Tampouco as institucións académicas, as tres universidades, a excepción da ESAD de Galiza, teñen plans específicos de estudo e promoción do xénero da literatura dramática galega. E no ámbito da crítica literaria e teatral acontece o mesmo, a excepción da Revista Galega de Teatro e das recensións sobre o libro teatral e a literatura dramática que fai periodicamente, desde hai moitos anos, Manuel F. Vieites no suplemento “O Faro da Cultura” do xornal Faro de Vigo e a cobertura que se lle dá á escasa edición teatral no “Diario Cultural” da Radio Galega que dirixe Ana Romaní, ou nos suplementos culturais dos diarios dixitais Sermos Galiza e Praza Pública, ou nas revistas Tempos, Luzes e Grial.
A necesidade de buscar o mínimo común múltiplo, que nos axude a multiplicar as forzas para emprender accións conxuntas que saquen a literatura dramática en lingua galega deste ermo no que se ve confinada.
A necesidade de xuntarnos periodicamente, nun foro permanente, que sirva para coñecernos mellor e para realizar actividades que nos sexan de proveito.
A necesidade de coordinar e unirnos, a Sección de Literatura Dramática da AELG, desde a atención máis directa aos aspectos literarios relacionados coas artes escénicas, e DramaturGA – Asociación de Dramaturxia Galega, máis aberta ao oficio e ás funcións do dramaturxismo e das composicións e deseño de accións para espectáculos diversos. Estamos nun ámbito no que hai moito traballo por facer desde diferentes frontes, por iso é moi útil contar con esta Sección de Literatura Dramática dentro da AELG e por iso celebramos a existencia doutra asociación centrada especificamente na Dramaturxia, como oficio imprescindible dentro dos oficios teatrais. E por iso a nosa relación é fluída, comezando porque moitas persoas somos socias tanto da AELG como de DramaturGA.
Entre os asistentes á asemblea coincidimos tanto na análise como no diagnóstico da situación na que se acha a literatura dramática en lingua galega e, por extensión, tamén o teatro galego. Manuel Lourenzo fixo unha recapitulación de como estaban as cousas antes e como están agora e puidemos observar que non houbo mellora na visibilización ou na incidencia da literatura dramática a nivel social, académico, teatral, malia a que artisticamente se acadaran cotas de calidade que homologan a nosa literatura dramática coa de calquera outro sistema cultural.

ALGUNHAS CONCLUSIÓNS E AS ACCIÓNS QUE NOS COMPROMETEMOS A REALIZAR
O grande reto desta xuntanza consistía en que non ficásemos na xeneralidade dos problemas que atinxen ao estado da literatura dramática en lingua galega, nomeadamente a actual, nin en formular un abano demasiado amplo de necesidades e obxectivos que non fósemos capaces de concretar e de intervir directamente na súa solución.
Así pois, centrámonos en decidir unhas tarefas moi concretas que puidésemos comprometernos a realizar, desde a Sección de Literatura Dramática da AELG.
Unhas tarefas que respondan á solución dos desacougos manifestados na asemblea e que supoñan un pequeno paso para cambiar o panorama no que nos atopamos.

XANELA DE LITERATURA DRAMÁTICA NA WEB DA AELG
– Nunha primeira fase, abrir unha nova xanela na páxina web da AELG na que se inclúan as dramaturgas e dramaturgos, así como un catálogo das obras de literatura dramática.
– Tamén incluír enlaces a outros sitios de internet relacionados coa literatura dramática.
– Nunha segunda fase, buscando a axuda pertinente, realizar unhas fichas que axilicen a busca de obras segundo “dramatis personae” (o reparto de personaxes), o xénero e a extensión aproximada (pezas breves ou extensas, comedia, drama, traxedia, farsa, cabaré…), a sinopse ou resumo argumental, os temas e outros detalles que colaboren nunha busca áxil por parte das compañías de teatro e das persoas interesadas.
– Esta iniciativa é de suma importancia debido a que a web da AELG ten un fluxo de visitas, a nivel internacional, que a converten no sitio de referencia das letras galegas.

ANUALIDADE DOS PREMIOS DE TEXTOS TEATRAIS CONVOCADOS POLAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E INCLUSIÓN DA SÚA ESCENIFICACIÓN.
– Solicitar á Consellería de Cultura recuperar a anualidade dos premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde.
– Solicitar á Deputación da Coruña a anualidade do premio Rafael Dieste.
– Solicitar a ambas administracións que se inclúa nos premios a garantía de escenificación dos textos galardoados.

AUMENTO DA PUNTUACIÓN NOS BAREMOS DE AXUDAS E SUBVENCIÓNS Á PRODUCIÓN TEATRAL, POR PARTE DA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA, CANDO OS PROXECTOS SE BASEEN NUNHA OBRA DA LITERATURA DRAMÁTICA GALEGA
– Solicitar á AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) que aumente a puntuación, nos baremos das axudas e subvencións á produción teatral, para os proxectos artísticos das compañías de teatro que escollan para realizar o seu espectáculo un texto de literatura dramática galega. Sen que isto prexudique ou vaia en detrimento das puntuacións nos baremos para proxectos de teatro que non basean os seus espectáculos nun texto literario (ou sexa, sen que vaia en detrimento dos proxectos de teatro-danza, novo circo, teatro físico ou calquera modalidade espectacular que prescinda da palabra como centro xerador).

VOLUME I DE ESTUDOS SOBRE A LITERATURA DRAMÁTICA GALEGA ACTUAL
– Buscar o apoio económico para editar un primeiro volume que recolla os estudos e artigos sobre a literatura dramática actual que se atopan dispersos en revistas, actas de congresos ou en libros de difícil acceso.
– Se conseguimos este obxectivo, o paso seguinte sería intentar que cada un tempo determinado se sacase un volume (VOLUME II, III, IV…) cos últimos traballos de análise e estudo das obras actuais.
– Estes volumes facilitarían o acceso ao coñecemento e a dignificación da nosa literatura dramática actual, ademais de contribuír a un maior afondamento nela e ao conseguinte progreso da mesma, xa que o ámbito teórico, a partir da práctica, sempre abre canles para medrar.

INTERCAMBIO CO TEATRE NACIONAL DE CATALUNYA (TNC) DUN CICLO DE LECTURAS DRAMATIZADAS E DE TRADUCIÓNS GALEGO-CATALÁN E CATALÁN-GALEGO
– Xavier Albertí, director do Teatre Nacional de Catalunya (TNC), despois da súa clase maxistral nesta I XORNADA DA SECCIÓN DE LITERATURA DRAMÁTICA DA AELG, titulada “O proxecto dun teatro nacional, nunha nación sen estado, e o papel da literatura dramática nese proxecto”, ofreceunos unha posibilidade de colaboración coa institución que dirixe. Trataríase de articular un intercambio de tres textos actuais da literatura dramática galega e tres textos actuais da literatura dramática catalá, que se traducirían para un ciclo de lecturas dramatizadas dos textos galegos, en catalán, dentro da programación do TNC, e dos textos cataláns, en galego, nun espazo axeitado de Galiza, que colabore nesta iniciativa.

En datas próximas iremos organizándonos, desde a Sección de Literatura Dramática da AELG, para realizar, do mellor xeito que poidamos, as tarefas citadas que se decidiron nesta reunión asemblea. Despois iremos dando conta dos resultados das xestións que nos comprometemos a facer. Agardamos que todas elas sexan frutíferas.

A Coruña, 5 de novembro de 2016.

Asdo. Afonso Becerra de Becerreá.
Doutor en Artes Escénicas.
Dramaturgo, director de escena. Profesor da ESAD de Galiza.
Coordinador da Sección de Literatura Dramática da AELG.”