Arquivos da etiqueta: Chorente. Unha aldea no tempo dos soños
San Cibrao e Lourenzá: presentacións de Chorente, de X. H. Rivadulla Corcón
A Coruña: presentación de Chorente, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón
Xosé Henrique Rivadulla Corcón: “Na vida debemos ter motivacións poéticas”
Entrevista a Xosé Henrique Rivadulla Conde en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Como de ben acollido estivo?
– Xosé Henrique Rivadulla Corcón (XHRC): Moi ben. A Fernán Vello coñézoo de hai moitos anos, tiñamos menos de vinte daquela. Falou do libro con palabras sabias e achegouse xente de Carballo e incluso de Muxía. Totalmente grato. Carballo mesmo é importante para min. Coa infancia a cabalo entre A Coruña e Muxía, para ir a Muxía pasabamos por Carballo e tiñamos a tradición de parar a mercar algunha empanada. Por iso e máis éme un sitio de agrado.
– LVG: Chorente protagoniza a obra.
– XHRC: Trata de ser un lugar idílico, que me serve como exemplo para dicir como me gustaría a min que fose a vida e a relación entre as persoas. Non son un ser inxenuo, son realista e sei que non é posible, pero en certa medida si o podería ser, procurando relacións máis humanas. Escribilas é doado, na vida non o é tanto.
– LVG: E Chorente soa a Muxía.
– XHRC: Claro. Chorente é unha aldea na entrada de Muxía. Mais o libro non ten que ver con ela, é unha aldea literaria. Emprego o nome como homenaxe. En case todos os meus libros Muxía ten presenza. O último antes deste, tamén editado por Positivas, titulábase Moraime, pequena vila con mar. As dúas obras teñen certa continuidade, un co outro son libros de relatos que naceron na Radio Galega.
– LVG: A aldea deste libro cre nos soños para facer unha vida mellor.
– XHRC: Neste Chorente todo sae ben, aínda que iso non significa que non haxa problemas, que os hai, e algúns complexos, pero todo se resolve a partir dunha relación humana. O que sucede neste aldea moitas veces ten que ver coa estrutura dos soños, ter soños é o que máis lles interesa aos habitantes de Chorente. Soños de todo tipo, os que se teñen durmindo e os que se teñen como ilusións do que un quere facer na vida. Todo é algo fantástico, algo absurdo, inesperado. Un mundo menos materialista… Non digo que o diñeiro non sexa necesario, digo que non é importante. (…)”
Carballo: presentación de Chorente, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón
Cangas: presentación de Chorente. Unha aldea no tempo dos soños, de Xosé Henrique Rivadulla Corcón
Xosé Henrique Rivadulla: “A xente de Chorente ten unha motivación poética”
Entrevista a Xosé Henrique Rivadulla en El Correo Gallego:
“(…) – El Correo Gallego (ECG): Gustaríame, en primeiro lugar que me falase da orixe deste libro, Chorente.
– Xosé Henrique Rivadulla (XHR): Este é un libro de relatos cunha singularidade, que están escritos dende hai moitos anos… arredor de 2006, porque eran unha colaboración no programa ‘As quimbambas’, da Radio Galega (RG). E este magazine acababa diariamente cun conto meu. Eses relatos quedaron aí, por sorte non se destruíron, e non sei moi ben por que, pero un día fun ver que me dicían eses relatos agora, despois de tantos anos. A min traíanme moitos recordos daquel tempo e iso suscitou que tivera ganas de editalos. Tamén me preguntaba se esa boa sensación que me causaran a min lla ía causar a alguén máis. Dinllos a Francisco Macías (editor de Positivas) e el considerou que si, que había e editalos. Por iso digo que é singular, porque son contos que non naceron para ser editados e ademais estiveron moito tempo sen pensar neles e agora saen á luz.
– ECG: A obra tamén ten unha estrutura un tanto curiosa…
– XHR: Os relatos naceron breves porque consideraba, que ao seren lidos na radio, o oínte podía perder a atención, que é o normal se é longo. Lidos na radio, cada un deles, tiñan unha duración duns dous minutos. Pensei tamén que estes contos tiñan que ter unha unidade, non era preciso que fosen todos distintos, así que se creou un pequeno universo. Todo pasa arredor unha vila que se chama Chorente, na radio non se chamaba así, e tamén arredor dunha lagoa, que é a que protagoniza o primeiro conto, o seu nacemento. Ao seren breves, moitas veces, o que se contaba necesitaba máis extensión e iso facía que esa historia se fose continuando noutros días. Hai por exemplo un relato, protagonizado por un almirante, que se chama o almirante Gagá, que chega a vivir a Chorente, sen que se saiba moi ben por que, xa maior. Pois ao longo de moitos días fomos contando a súa historia, a súa morte, a súa conversión en fantasma e a súa volta á vila, porque anque non estaba vivo seguíalle gustando estar alí. Así que, efectivamente teñen unidade, pero para quen o queira considerar así, tamén se pode ver coma unha novela, porque tamén conta a historia de toda unha vila con personaxes que se repiten. (…)”