Desde Fervenzas Literarias:
“Citerea de Javier Rodríguez González acada o primeiro premio no VIII Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro.
Javier Rodríguez, natural de Ourense, álzase como gañador da VIII edición do Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, Premio convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Área de Cultura de Deputación Provincial de Lugo. Unha edición marcada polo gran número de participación de obras, preto dun cento de orixinais recibidos.
O segundo premio recaeu na obra titulada A ferida, da que é autor, Manuel López Rodríguez, de Noia. Pola súa banda a viguesa Branca Trigo Cabaleiro, acadou o terceiro premio coa obra presentada baixo o rótulo O heroe de vidro. (…)
O xurado desta edición estivo formado por Aura Ramil, Armando Requeixo e Chema Felpeto.
O premio Leiras Pulpeiro leva convocándose dende o ano 2012 coa finalidade de honrar a memoria do escritor mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro e, asemade, colaborar na promoción da escrita poética en lingua galega e na divulgación das súas autoras e autores.
A entrega do premio terá lugar o sábado, día 23 de novembro de 2019, segundo o seguinte programa:
– 12:00 h. Recepción oficial na Casa do Concello.
– 12:15 h. Ofrenda floral ante a tumba do poeta.
– 12:45 h. Entrega de Premios no Salón de Plenos do Concello.”