Arquivos da etiqueta: Clara Rial
Manuel López Rodríguez: “A temática que se pon de moda adoita excluír as demais, e iso empobrece a literatura”
Entrevista de Clara Rial a Manuel López Rodríguez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Sobre que versa o poemario?
– Manuel López Rodríguez (MLR): Para min, o importante cando escribo, máis que o que, é o como está escrito. Todos podemos falar sobre os temas universais que se tratan ou se trataron na literatura ao longo da historia, mais para min o interesante é o como está construído, máis que o que di o propio texto. Este é un libro que complementa outro. Desde hai un tempo, escribo os libros de maneira que garden relación entre eles ou fago xogos intertextuais entre eles. Existen dúas personaxes, nun fala unha delas e noutro, a outra, como se fose unha especie de diálogo.
– ND: O xurado destacou a súa capacidade para a superposición de dous discursos poéticos.
– MLR: Nesta obra falan dúas voces. A voz principal, que é a que dialoga con esa voz do outro libro, e logo si que aparece como unha especie de coro no medio dos poemas, apelando un pouco ao teatro clásico. Non é un poema ao uso, é un texto pequeno no que aparece como unha voz interior que vai narrando o paso do tempo a través dun río que nos vai levando, etc. (…)
– ND: Diría, entón, que o seu estilo á hora de escribir se basea nestas cuestións?
– MLR: Á hora de escribir teño un estilo moi cambiante, non me gusta estar repetindo sempre o mesmo. Abúrreme como autor e tamén como lector. Estar lendo unha autora ou autor e ver que libro tras libro sempre segue co mesmo discurso. Hai outra cuestión da que tamén fuxo e é que todos os libros que escribo son diferentes, ou procuro que o sexan. Si é certo que ás veces fago eses diálogos entre os propios libros, pero intento que sexan distintos. Cando digo que eu non fago actualmente ese tipo de poesía con pretensións sociais ou educativas dígoo porque foi algo que fixen hai tempo. Hai 20 anos escribía pensando que a poesía podería cambiar algo, que se escribo de certa maneira un libro de poesía podería influír no pensamento do lector. É algo no que hoxe non creo, pero naquel momento si. Agora interésame máis a forma, a experimentación co texto, cos sons, co ritmo, coa fonoloxía… É o que máis me atrae neste momento.
– ND: Cal cre que é a situación do panorama poético galego?
– MLR: Creo que fai falla máis diversidade e máis heteroxeneidade. Que vaiamos a unha libraría que teña vinte libros nos estantes e que cada un deles sexa diferente, que non falen sobre o mesmo, porque pode chegar a ser aburrido. Como lector, ás veces é realmente desesperante atopar algo que che poida gustar sen aburrirte, cousas distintas. Iso si que o boto en falta na poesía galega, pero non só agora. Esa temática que se pon de moda adoita excluír as demais de maneira automática. Creo que iso é moi empobrecedor, non só para a galega, senón para a literatura en xeral.”
María do Cebreiro: “A maternidade é unha experiencia tan forte que me obrigou a escribir para poder aterrala”
Entrevista de Clara Rial a María do Cebreiro en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como nace Maternidades virtuosas?
– María do Cebreiro (MC): Nace xunto á nena, como quen di. O proceso de escrita estivo moi condicionado pola maternidade, aínda que eu, en xeral, teño unha forma de escribir bastante impulsiva e pouco premeditada. É dicir, teño moitas temporadas de barbeito e de repente as cousas cando agroman parece que xa estaban escritas na cabeza.
É unha cuestión relevante porque cando nace a crianza hai moi pouco tempo para poder escribir. Mais tiven a sorte de que, a través de todas as reflexións me ían pasando pola cabeza durante o embarazo, foron saíndo cousas nas que levaba un tempo matinando. Realmente foi un proceso moi rápido e ao mesmo tempo moi fragmentado, por ese motivo. Moitas das cuestións xa as levaba escribindo, dalgunha maneira, desde hai moito tempo.
– ND: Xorde entón da súa propia experiencia como nai?
– MC: Por suposto. Era un tema que nunca me tiña tentado e tampouco era lectora de reflexións sobre a maternidade. O que ocorre é que é unha experiencia que te atravesa dunha maneira tan forte, tan revolucionaria e tan radical que case me obrigou a escribir para poder aterrala.
– ND: Que temáticas atopamos na obra?
– MC: O meu libro é un ensaio crítico sobre a maternidade, sobre a crianza. Non é exactamente unha obra en primeira persoa, pero tampouco me despeguei dela. É dicir, fun ao ensaio consciente de que non quería facer trampas, de que quería asumir o feito de que o meu interese pola cuestión viña dado pola miña propia experiencia. De feito, iso atravesa moita da escritura sobre a maternidade, ese elemento do xogo co “eu”. Trátase dun “eu” en construción, posto que cando un cativo nace, non só nace un cativo, senón que nacemos nós como nais e, polo tanto, tamén precisamos escribir para comprendernos. Sexa por medio da escrita, do pensamento, da creatividade ou do que sexa.
En realidade, é un ensaio crítico sobre a crianza no neoliberalismo. Busca describir como unha serie de procesos, que eu entendo que pertencen á vida íntima, foron, hoxe en día, coartados polos dispositivos do neoliberalismo no mundo do traballo, particularmente no mundo da empresa. Aparentemente son cuestións antagónicas, pero en realidade, a característica do neoliberalismo neste momento é coartar a vida íntima das persoas. Vou estudando unha serie de trazos e de mecanismos da crianza contemporánea, que mesmo moitas veces se venden como mecanismos progresistas, e vou tratando de facer visíbel até que punto obedecen a dispositivos do réxime neoliberal. Como se transvasan ferramentas do neoliberalismo empresarial e do traballo ata esas íntimas da crianza. É unha denuncia crítica diso.
– ND: O movemento feminista, entón, tamén toma presenza?
– MC: Por suposto, é inevitábel. O feminismo é o lugar desde o que está escrito o libro, sen dúbida algunha. Calquera reflexión crítica e consciente sobre a maternidade penso que ten que ser unha reflexión feminista. Case diría que é imposíbel facelo doutra forma. Esa crítica tamén se articula desde a perspectiva crítica ao neoliberalismo. Digo isto, porque tamén hai un tipo de feminismo liberal que está totalmente integrado no réxime e que é un tipo de feminismo moi particular.
– ND: Cre que, a través deste tipo de premios, as figuras femininas están a ser máis recoñecidas hoxe en día?
– MC: A min sempre me gusta dicir que, na Galiza, iso non é nada novo. Eu penso que o discurso feminino e feminista é dominante e foino durante momentos representativos da nosa historia. Isto non significa que non haxa motivos para loitar, porque os temos a diario. Pero no plano intelectual e cultural, a Galiza é un modelo de produción dun espazo de pensamento e de creatividade moi marcado desde o xénero feminino.”
Carlos Callón: “Entendín que o libro podía contribuír a falarmos das nosas fraxilidades e limitacións”
Entrevista de Clara Rial a Carlos Callón en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): Como xorde A abertura da boca?
– Carlos Callón (CC): Eu o que máis escribo é ensaio e poesía. A resposta que rematei por darme a min mesmo de por que escribo estes dous xéneros é que é un xeito de achegarme á verdade. No caso dos ensaios procurando exactitude e no caso da poesía tentando dar palabras a aquelas partes da vida para as cales a linguaxe non chega. A única forma de tentar facer iso é a través do xénero poético.
Eu vou escribindo poemas e non sei se finalmente van dar nun libro ou non. Cando relín os que levaba escrito durante unha etapa e posteriormente, cando apareceu o título, A abertura da boca, foi cando decidín darlles vida como libro.
– ND: Que temas aborda?
– CC: Tiña xa unha serie de poemas escritos, mais sempre hai unha peneira desde que o escribes ata que o publicas. Atopei nunha exposición información sobre o ritual da abertura da boca. Trátase dun proceso polo cal, tras a morte dunha persoa no Antigo Exipto, facían que unha momia estivese preparada para recuperar as funcións de falar, ollar, respirar…, para que volvese á vida e desmomificar. De volta á casa xurdiu un poema e, ao escribilo, pareceume a metáfora perfecta do que era o proceso de saída da depresión. Reparei en que, con estes versos, o que procuraba eu, metaforicamente, era abrir a boca, e xustamente coincidía co feito de que abrir a boca é falar, escribir… Vin que ese era o elemento que unificaba todos os textos que levaba escritos. (…)
– ND: Cal cre que é a situación do panorama poético na Galiza?
– CC: O panorama é magnífico, o que falta é apoio institucional. É algo descorazonador ver como non podemos mercar nas librarías libros premiados e recoñecidos. Temos que recorrer a determinados espazos e nunhas poucas vilas para conseguir novidades en galego, mesmo libros que son amplamente recoñecidos. É o que máis me desacouga, ver como podemos facer para saltar este cerco. Para iso precisamos do apoio das institucións, sobre todo do Goberno galego, que ten que ser o primeiro en apoiar e impulsar a cultura do país. Tamén os concellos e as deputacións, que non sempre están á altura, e o Goberno español, que ten responsabilidades e que dista de estar á altura.”