“Os editores apostan pola cooperación como vía aos mercados internacionais”

“Os dous clústeres que se dedican ao libro en Galicia están de análise estes días. Por unha banda o Clúster Libro da Edición, Librarías e Comercialización celebraba este luns un encontro no que a internacionalización se presentaba como principal reto para o sector. Nese sentido, os editores incidiron na necesidade de preparar de xeito coidadoso a exportación dos seus produtos e apuntaron de xeito especial á necesidade de coordinar os seus esforzos. Así, mesmo no encontro comentouse a posibilidade de crear un Consorcio de Exportación editorial que facilite o desembarco de pequenas empresas en novos mercados e consolidouse a aposta por unha marca común que identifique o produto galego nos mesmos. Pola outra banda, o Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego celebra onte e hoxe as xornadas Trends&Technology co libro dixital como un dos eixes fundamentais. Neste sentido, a entidade sinalou onte que case a metade das editoras galegas desenvolveu xa algún proxecto arredor deste formato, aínda que só un 6,8% da poboación lectora en España o emprega e supón unicamente o 2,7% da facturación editorial. A optimización de recursos de cara a se achegar a esta tecnoloxía, así como a lexislación sobre dereitos de autor e o vencello entre redes sociais e sector editorial son os outros temas que marcan as xuntanzas”. Vía Cultura Galega.

Santiago: I Conferencias Internacionais do Libro en Galicia

O Clúster do Libro organiza as I Conferencias Internacionais do Libro co obxectivo de crear un punto de encontro do noso sector con outras experiencias e outros mercados atractivos. Celebraranse o luns 26 de setembro no Auditorio da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, co seguinte programa:

11:00 h. Inauguración conferencias: Daniel Buján Núñez, Subdirector Xeral de Bibliotecas, e Alfonso García Sanmartín, Presidente do Clúster do Libro.
11:30 h. Vicente Paz (editor e representante de Leya Portugal): O sector do libro brasileiro o as posibilidades do libro galego nos seus mercados naturais.
13:00 h. Amelia Guardiola (representante para Europa da Feira Internacional do Libro de Guadalajara): O intercambio de dereitos e a oportunidade de negocio no contexto da Feira Internacional do Libro de Guadalajara.
16:30 h. Jonathan Dunne (filólogo e tradutor literario): Posibilidades de produción e difusión do libro galego no ámbito anglosaxón a través dos novos soportes de comunicación.
18:00 h. Natalia Dudek (axente literaria): Posiblidades de internacionalización do libro galego nos novos mercados asiáticos.
19:30 h. Clausura conferencias.