Asasinato no consello nacional, de Diego Ameixeiras, publicada en Xerais, obtivo o premio Libro do ano 2010, no ditame anual do xurado dos premios Irmandade do Libro, da Federación de Libreiros de Galicia, que se fixeron públicos nun acto celebrado en Narón. A colección Di-versos da Editorial Positivas conseguiu o premio á mellor Obra Editorial do 2010, pola súa aposta por un xénero minoritario, como é a poesía, tanto no ámbito nacional como da tradución de autores estranxeiros, e moi especialmente polo descubrimento e aposta cara a autores radicalmente contemporáneos, mentres que no apartado de Institucións, a premiada foi a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, Galix.
No apartado de Fomento da lectura, o galardón recaeu na Fundación Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces), polo traballo de promoción cultural no ámbito rural, o fomento da lectura que leva a cabo a súa biblioteca, a aposta polos xéneros de poesía e teatro a través dos seus premios Arume e Estornela e como recoñecemento ao traballo de Anisia Miranda ao longo dos últimos anos. O premio para Librerías recaeu na Aenea, de Santiago, pola súa produción interdisciplinar e por contribuír á difusión do libro a través da súa actividade cultural na propia libraría. Finalmente, o Xurado otorgou o premio para o centro de ensino ao IES Taboada Chivite de Verín pola orixinalidade das súas propostas, o entusiasmo na práctica diaria do club de lectura e a constancia na difusión lectora na mocidade. Estes galardóns súmase ao xa anunciado a Víctor F. Freixanes como autor do ano.