Alberto Lema regresa á poesía como o cartógrafo combativo do Río Grande

Desde Chan da Pólvora (foto do autor desde a editora):
“Alberto Lema regresa á poesía despois de anos de afastamento e faino con Río Grande, unha especie de cartografía sobre a extinción dun pobo que ten como síntoma principal o devalo no uso da súa lingua. Lema, que acaba de gañar o Premio Xerais de novela con outro libro de título fluvial –A boca do río– presenta o seu novo poemario o día 22 de xuño na libraría Berbiriana da Coruña a partir das sete da tarde con Henrique Rabuñal. O día 25 de xuño estará na libraría Aenea de Compostela con Daniel Salgado e o 9 de xullo na Central Libreira de Ferrol con Manuel López Foxo.
Alberto Lema asegura que en Río Grande colleitou os “escasos intres” nos que a poesía lle fixo visitas durante os últimos dez anos, xa que só pode escribir poesía en determinadas situacións e esas situacións non se prolongan moito tempo. O libro xunta algúns textos elaborados a partir da súa propia memoria con outros onde fala sobre un tempo, sobre un territorio e sobre un pobo que son doados de identificar. Pero, sobre todo, Río Grande, subliña, “nace da conciencia do risco de extinción dese pobo, que ten como síntoma principal o devalo no uso da lingua”. (…)”

Compostela: actividades do 9 de xuño na SELIC 2024 (na Quintana)