Ditame do I Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey

Desde o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“(…) Reunidos na cidade de Pontevedra, o día 26 de setembro de 2017 ás 20:00, o xurado composto por Ramón Nicolás, Ramón Rozas e Carme Vidal coa coordinadora do premio, Carme Carreiro, en calidade de secretaria, decidiu outorgar o I Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rey ao artigo “O segredo mellor gardado”, presentado co pseudónimo “María Balteira”. Unha vez aberta a plica, o gañador resultou ser Xoán Carlos Domínguez Alberte.
O xurado considera que o artigo evoca a escrita xornalística reivindicativa, comprometida e de contido social de Manuel Lueiro Rey. Ademais, o tema de recuperación da memoria histórica que centra o texto constitúe un dos elementos fundamentais na traxectoria vital e xornalística do escritor nacido en Fornelos de Montes.
“O segredo mellor gardado” parte da memoria persoal e familiar agochada para reivindicar a fin do silencio. O xurado destaca tamén o interese de que a recuperación da historia de quen foi vítima da represión teña presenza nos medios de comunicación. O texto foi escollido por unanimidade entre o considerábel número de artigos presentados á primeira edición do certame que completa o abano de premios dos principais xéneros visitados por Lueiro Rey, unha vez xa están consolidados os premios de poesía e narrativa.
Escritor e profesor de ensino público, Xoán Carlos Domínguez Alberte (Escudeiros-Ramirás, 1966) ten unha ampla obra literaria na que frecuenta xéneros como a poesía, de maneira especial, o ensaio ou o teatro. Colabora habitualmente en diversas publicacións e medios de comunicación. Versos para conversar (2016) é a máis recente obra dunha traxectoria que se iniciou con Material de outono no ano 2000. Ademais, Domínguez Alberte é un activo dinamizador cultural.”

Luís Valle gaña o III Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía

DesdeLuís Valle o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Na tarde do xoves 26 de febreiro, na Sala A de traballo da Biblioteca Ánxel Casal de Compostela, Carmen Carreiro, Luís Cochón, Mercedes Queixas e servidor xuntamos para decidir cal había ser o poeta distinguido este ano co Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, certame mozo que, secasí, chega xa á súa terceira edición.
Carreiro é a alma deste premio, pois ela foi quen o ideou e quen o anima dende a presidencia da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe de Fornelos de Montes, terra do escritor, que tamén se comprometeu na organización dende o concello, pois é esta a entidade patrocinadora do mesmo coa axuda da Deputación Provincial e mais de Sotelo Blanco, selo que publica as obras gañadoras.
Xunto a ela, que actuou con voz e sen voto, Cochón, Queixas e eu deliberamos por espazo de dúas horas para ir peneirando entre os trinta e nove títulos que se presentaron nesta convocatoria, unha cifra que confirma a boa saúde do certame, no que se contou con poemarios de estimable altura.
Logo das correspondentes cribas, rematamos por escoller o orixinal presentado a concurso baixo o título As cicatrices do Sol e o pseudónimo Dylan Dog, curiosa máscara (remite a un famoso cómic italiano de Tiziano Sclavi considerado de culto entre os amantes do Fumetto Nero) tras da que, aberta a plica, resultou agocharse Luís Valle, poeta lucense cunha traxectoria importante que o levou a obter no 2008 o Premio de Poesía Caixanova coa obra A caída e no 2010 o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón con Fedor, aos que sumou ultimamente Caderno do mendigo, publicado por Barbantesa no 2012.
As cicatrices do Sol sorprendeunos pola forza simbólica dos seus textos. Hai nel un elaborado urdido no que van tecéndose fías dun a outro poema que remiten a conceptos clave que cómpre decodificar axeitadamente para a comprensión do conxunto: as raíces, os anxos, as espiñas, os cervos, os corvos e as pombas ou as babas e os caracois son algunhas presenzas que proporcionan a este territorio lírico unha consistencia significante alén do aparencial.
Gustou, tamén, a orixinalidade da imaxinería que sostén o poema, posuidor dunha singular dicción que moitas veces relanza os versos cara a unha entidade dialóxica intermedia á que a voz poética dirixe proclamas. Alentan as composicións nunha atmosfera oracular, mesmo por veces non dubidan en internarse nos eidos do profético, alzando a palabra para revelar verdades superiores que se enxergan ocultas e que desvelan a súa epifanía facendo que a plenitude solar disipe océanos de sombra. (…)”