“O Concello de Ribadeo acaba de recibir unha doazón de máis de 6.300 libros e 900 revistas, dos fondos do dramaturgo e escritor ribadense Daniel Cortezón, seguindo así as indicacións que él fixo antes do seu pasamento hai tres anos. O alcalde, Fernando Suárez Barcia, subliña que deste xeito a biblioteca municipal de Ribadeo se converte nunha das máis importantes da provincia. O rexedor dixo que “cúmprense tres anos do pasamento de Daniel Cortezón e este persoeiro, xa en vida, deixou dito que precisamente moita da súa formación intelectual, moita da súa formación autodidacta foi adquirida das lecturas dos libros da biblioteca pública El Viejo Pancho de Ribadeo, e dixo que unha grande parte da súa colección de libros, que foi mercando, adquirindo e recollendo, quería que pasasen a engrosar os fondos da propia biblioteca El Viejo Pancho, como eterno agradecemento a Ribadeo por tela disfrutando cando era novo”. Suárez Barcia explicou que “a súa viúva fíxonos entrega xa ao longo destes últimos tempos, pero a semana pasada documentamos a través dun acta de doazón, unha primera remesa de volumes. Son 6.385 libros e 907 revistas. Moitos son en galego, en castelán, en portugués, catalá, francés sobre diferentes temáticas. Agora máis para adiante virán máis libros do que foi a obra de Daniel Cortezón e unha colección de libros das Figueiras, de Castropol, de Ribadeo, da Veiga, do que él chamaba Comunidade cultural da ría. Iso tamén virá máis para adiante”. (…)”. Desde Crónica 3.
Arquivos da etiqueta: Concello de Ribadeo
O escritor na súa terra: Xavier R. Baixeras. Ribadeo, 2012, o sábado 2 de xuño
A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, que cada ano impulsa a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega neste 2012 a súa XVIII Edición recaendo, por decisión da Asemblea de Socias e Socios, na figura de Xavier Rodríguez Baixeras.
Celebraremos esta XVIII edición o vindeiro sábado, 02 de xuño, na vila de Ribadeo, que con nós colabora. A partir das 11:30 horas desenvolverase o programa de actos que se detalla máis abaixo. Como é habitual, remataremos a homenaxe cun xantar de confraternidade que celebraremos no Restaurante “O Cabazo” e cuxo prezo por persoa é de 32 euros.
De estardes interesados/as en asistir ao xantar confirmádenolo chamando, até o vindeiro luns 28 de maio –inclusive– ao teléfono 981 133 233 (de luns a xoves, de 08:00 a 14:30 e de 15:30 a 17:30; venres de 08:00 a 14:30); ou enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org. Poremos á vosa disposición un autobús que sairá de Vigo e fará unha parada en Santiago de Compostela e outro autobús que sairá dende A Coruña. Este servizo de autobuses farase sempre e cando haxa un mínimo suficiente de peticións.
Programa de actos
– 11:30 horas. Parque “Os Canapés” (O Xardín). Plantación da palmeira (árbore simbólica do escritor) e descubrimento do Monólito conmemorativo dedicado ao homenaxeado. Interveñen:
• Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
• Mari Luz Álvarez Lastra, Concelleira de Cultura, Educación e Igualdade.
• Xavier Rodríguez Baixeras.
– 12:30 horas. Salón de Plenos da Casa do Concello de Ribadeo, rúa Praza de España, 1. Acto de entrega da letra E. Interveñen:
• Fernando Suárez Barcia, Alcalde de Ribadeo.
• Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG.
• Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
• Xosé María Álvarez Cáccamo. Laudatio.
• Entrega da peza escultórica de Silverio Rivas.
• Intervención do homenaxeado: resposta á laudatio por parte de Xavier Rodríguez Baixeras.
– 13:45 horas. Visita ao Parque Xavier Rodríguez Baixeras (zona do Cargadeiro).
– 14:30 horas. Restaurante “O Cabazo”, rúa Río do Amalló, 1. Xantar de Confraternidade. Aberto aos socios/as da AELG, á veciñanza de Ribadeo e demais persoas interesadas.
Vexa aquí o cartel e o programa en pdf.
A biografía nómade de Xavier Rodríguez Baixeras (Tarragona, 1945), o seu tránsito de habitante en diferentes cidades e países, a procura do centro estábel nalgún punto da rosa dos ventos –maiormente a Beira Norte, a Mariña, de Ribadeo a Nois–, conforman constantes existenciais que alicerzan o edificio da súa escrita, asentada sobre os símbolos da Viaxe e a Casa, arquetipos dinámicos en constante interacción complementaria.
Desde os seus inicios foi construíndo o poeta un código de singular estilo, caracterizado pola tensión das solucións formais, a perspectiva interrogante e asombrada, o exercicio dunha ollada simbólica e arquetípica que se expresa en pronuncia natural, certo efecto de estrañeza producido polo equilibrio entre a visión onírica e o deseño figurativo e o dominio absoluto das técnicas rítmicas e musicais. Xavier Rodríguez Baixeras, figura máxima da xeración poética dos 80, poeta fundamental na historia completa da Poesía, mestre de coetáneos e herdeiros, foi labrando na súa obra un dos discursos máis transcendentes e reveladores da contemporaneidade.
A singularidade da súa voz e do seu estilo procede da actitude ética e temperamental de quen mantén unha moi consciente orientación de independencia, moi afastado sempre da norma gregaria, aínda que comprometido tamén coas causas colectivas da xustiza e a fraternidade, desde a esquerda, desde o nacionalismo, sen deixarse seducir nunca polo engado do poder.