Cristina Ferreiro gaña o XII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

“O xuri do XII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, formado por Antía Otero, Estevo Creus, Francisco X. Fernández Naval, Francisco Pérez e María Casar, reunido na Casa do Concello de Sarria o sábado 14 de abril ás 11:00 horas, tras realizar a derradeira deliberación á que chegaron 12 poemarios resolveu conceder o premio á obra presentada baixo o lema: Abecedario póstumo, do que resultou ser autora Cristina Ferreiro.
O xuri destaca que o premio Fiz Vergara de poesía chegue a esta edición cunha enorme vitalidade, demostrada polo número de orixinais presentados, así como pola elevada calidade dos seus textos, o que o converte no centro das olladas de moitas e moitos poetas e un referente no panorama literario da poesía galega.
Esta obra foi destacada polo seu ritmo, por tratarse dunha peza non compartimentada, na que estamos ante un poema longo que inclúe textos de prosa poética e no que se reflicte a contemporaneidade máis actual. É, en certa medida, unha testemuña deste momento histórico, non como denuncia senón como receptora da realidade que vivimos. Reveladora e en certo modo visionaria. Nela trabállanse moi ben os silencios e as pausas, deixando espazos para o lector.
O xuri destacou que hai no libro un latexo de cidade asolagada que entronca co mito das cidades asolagadas galegas e co momento de incerteza e cambio que vivimos.” Vía A. C. Ergueitos.

Sarria: presentación de Fornelos & Fornelos, de Xerardo Quintiá

O venres 18 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Sarria, preséntase o libro Fornelos & Fornelos, de Xerardo Quintiá, publicada en Espiral Maior, obra gañadora do XI Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño. No acto, coorganizado pola editorial, o Concello de Sarria e a A. C. Ergueitos, participan, xunto ao autor, Xiana Arias, Miguel Anxo Fernán-Vello, Francisco Pérez e María Casar.

83 orixinais para o XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

Pechado o prazo de recepción de orixinais para o XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño recibíronse 83 poemarios. O xuri está formado por Baldo Ramos, Chus Pato e Xiana Arias, actuando como Presidente o Concelleiro de Cultura de Sarria, Xermán Arias, e como Secretaria a Presidenta da A. C. Ergueitos, María Casar, os dous con voz e sen voto. O ditame do xuri darase a coñecer o 26 de marzo nun acto aberto ao público no Salón de Actos do Concello de Sarria no que se procederá a abrir a plica da obra gañadora.

Sarria: acto do Premio Fiz Vergara Vilariño

O venres 17 de abril a Asociación Cultural Ergueitos presentará a obra plástica que o artista Iván Prieto realizou de xeito desinteresado e solidario para o gañador da IX edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. Será a partir das 19:00 horas na Casa do Concello de Sárria.

Sarria: entrega do premio Fiz Vergara Vilariño

O pasado día 14 de marzo fallouse en Sárria a IX edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, do que resultou gañador o poeta Baldo Ramos. A entrega do premio terá lugar o día 25 de abril no hotel NH Alfonso IX de Sárria dentro dun acto poético – musical que dará comezo ás 19: 30 horas e irá seguido dunha cea. A mantedora do acto será Olalla Cociña e intervirán os membros do xurado, o gañador, o artista plástico Iván Prieto así como o concelleiro de cultura e a presidenta de Ergueitos. A música nesta ocasión correrá a cargo do grupo de jazz Maní & Cupeiro Quartet. As persoas interesadas en asistir a esta festa da poesía poden facer as reservas no Hotel Alfonso IX, chamando ao teléfono 982 530 005.