Bota a andar o ano Casares

Desde Sermos Galiza:
“A Academia Galega, a Fundación Carlos Casares, o Consello da Cultura, o Pen Galicia, a editorial Galaxia, a CRTVG, a Deputación de Ourense e os concellos de Ourense e de Xinzo da Limia presentaron a programación anual dedicada ao escritor, que será o protagonista indiscutible do ano editorial e cultural.
Galaxia, que acolle a inmensa maioría da súa obra, comezará o ano publicando un feixe de obras pendentes co obxectivo de que “estea toda a súa obra ao dispor dos lectores e lectoras”. Así, publicará os cinco Toribios (literatura infantil), que se atopaban descatalogados; así como os ultimos volumes de Á marxe, que reúne a súa obra xornalística. En febreiro verá a luz tamén un conxunto de relatos e tamén as columnas A delicia de ler. E na primavera chegará unha biografía do ourensán da man de Henrique Monteagudo.
E aló polo mes de novembro, a Academia desenvolverá o Simposio Carlos Casares en colaboración co Consello da Cultura Galega e da Fundación que leva o seu nome. A propia sede da RAG, na Coruña, acollerá tres xornadas centradas na faceta literaria do homenaxeado, que en 1978 se converteu no académico de número máis novo. O seu labor como intelectual público e comprometido coa proxección exterior da cultura galega será outro dos seus perfís nos que se deterá a parte dos encontros que se desenvolverá no Consello da Cultura Galega, institución que dirixiu durante seis anos. O programa completarase en Ourense, a súa cidade natal.
Edicións especiais dos seus libros, roteiros, programas de animación á lectura, un documental e outros contidos audiovisuais, diversas exposicións ou concertos son tamén parte da programación que foi presentada hoxe. Haberá tamén concursos literarios, unha carreira deportiva, lecturas públicas e recitais, obradoiros, relatorios e máis. O CDG, en coprodución con Talía Teatro, levará a escena a novela Os mortos daquel verán, que se estreará en Compostela en maio.
Na rede
A Academia visitará o vindeiro 21 de febreiro o CEIP Carlos Casares de Vilariño (Nigrán), onde o escritor estableceu a súa residencia. Alí presentará a nova edición da Primavera das Letras, proxecto co que fornecerá a comunidade escolar de recursos didácticos para achegar o público máis novo á figura e á obra do escritor, ademais do espazo biográfico dedicado a Casares na web oficial da RAG.
E o día 17 de maio a sesión plenaria extraordinaria que realiza a Academia terá lugar nun dos lugares fundamentais na súa vida, Xinzo da Limia, a localidade na que se estableceu coa súa familia cando tiña apenas tres anos.”

Xinzo pide o Día das Letras do 2013 para Carlos Casares

“O Concello de Xinzo fíxoo fillo ilustre e predilecto da vila e agora, cando está a piques de cumprirse o décimo aniversario da súa morte (9 de marzo do 2002), organiza unha semana dedicada a Carlos Casares que se desenvolverá do 5 ao 9 de marzo e que estará centrada na obra do articulista. Un encontro con claro carácter reivindicativo, xa que en Xinzo tamén queren que sirva para apoiar a declaración por parte da Xunta do 2013 como Ano Carlos Casares e que se lle dedique o Día das Letras Galegas, unha vez que xa terán pasado os dez anos do seu falecemento que se fixan como prazo mínimo na normativa da Real Academia Galega para que un autor protagonice o 17 de maio.
Aínda que queda por pechar definitivamente o programa, os actos constarán de faladoiros públicos de amigos do autor e persoeiros da cultura galega e limiá. Mesturaranse co teatro, lectura de pasaxes de libros de Casares ou exposicións temáticas que reunirán obras, fotografías e diferentes obxectos do homenaxeado. Convocarase o premio Carlos Casares de Creación Literaria do Concello de Xinzo e paralelamente celebrarase por primeira vez a Feira do Libro Limiao, dedicado a escritores locais.” Vía La Voz de Galicia.