Bota a andar o ano Casares

Desde Sermos Galiza:
“A Academia Galega, a Fundación Carlos Casares, o Consello da Cultura, o Pen Galicia, a editorial Galaxia, a CRTVG, a Deputación de Ourense e os concellos de Ourense e de Xinzo da Limia presentaron a programación anual dedicada ao escritor, que será o protagonista indiscutible do ano editorial e cultural.
Galaxia, que acolle a inmensa maioría da súa obra, comezará o ano publicando un feixe de obras pendentes co obxectivo de que “estea toda a súa obra ao dispor dos lectores e lectoras”. Así, publicará os cinco Toribios (literatura infantil), que se atopaban descatalogados; así como os ultimos volumes de Á marxe, que reúne a súa obra xornalística. En febreiro verá a luz tamén un conxunto de relatos e tamén as columnas A delicia de ler. E na primavera chegará unha biografía do ourensán da man de Henrique Monteagudo.
E aló polo mes de novembro, a Academia desenvolverá o Simposio Carlos Casares en colaboración co Consello da Cultura Galega e da Fundación que leva o seu nome. A propia sede da RAG, na Coruña, acollerá tres xornadas centradas na faceta literaria do homenaxeado, que en 1978 se converteu no académico de número máis novo. O seu labor como intelectual público e comprometido coa proxección exterior da cultura galega será outro dos seus perfís nos que se deterá a parte dos encontros que se desenvolverá no Consello da Cultura Galega, institución que dirixiu durante seis anos. O programa completarase en Ourense, a súa cidade natal.
Edicións especiais dos seus libros, roteiros, programas de animación á lectura, un documental e outros contidos audiovisuais, diversas exposicións ou concertos son tamén parte da programación que foi presentada hoxe. Haberá tamén concursos literarios, unha carreira deportiva, lecturas públicas e recitais, obradoiros, relatorios e máis. O CDG, en coprodución con Talía Teatro, levará a escena a novela Os mortos daquel verán, que se estreará en Compostela en maio.
Na rede
A Academia visitará o vindeiro 21 de febreiro o CEIP Carlos Casares de Vilariño (Nigrán), onde o escritor estableceu a súa residencia. Alí presentará a nova edición da Primavera das Letras, proxecto co que fornecerá a comunidade escolar de recursos didácticos para achegar o público máis novo á figura e á obra do escritor, ademais do espazo biográfico dedicado a Casares na web oficial da RAG.
E o día 17 de maio a sesión plenaria extraordinaria que realiza a Academia terá lugar nun dos lugares fundamentais na súa vida, Xinzo da Limia, a localidade na que se estableceu coa súa familia cando tiña apenas tres anos.”

A cicatriz branca, un filme de Margarida Ledo: a nosa historia, contámola nós

Desde Sermos Galiza:
Margarida Ledo Andión é a directora, e guionista, de A cicatriz branca, un filme galego e en galego ambientado en Bos Aires e no n os país e que xa se pode ver nalgúns cines de Galiza, coma nos vigueses Zona Norte, onde foi a estrea.
@s propi@s responsábeis do filme falan del: “Dende comezo do século vinte as mulleres galegas que emigraban soas eran acollidas en Bos Aires polas Carmelitas Terciarias, as “Hijas de María” ou pola “Sociedad Protectora de la Joven Sirvienta”. Necesidade, abandono, agresións sexuais, nais solteiras… como causa, máis unha cidade distante e burlona, onde a meirande parte delas pasaron a ter a condición de “mucamas”, de “criadas de camadentro”. Está é a paisaxe de fondo para A cicatriz branca”.
Milleiros de mulleres saíron soas de Galiza cara a América. “Moitas delas eran ilegais, con papeis que falsificaban a súa idade e mesmo a súa identidade. Historias ordinarias como a de Merce, destinada a servir e, entre lusco e fusco, despedida. Sen lugar onde ir nin a quen acudir, Merce pasa tres días e tres noites encrequenada na Estación Constitución onde a súa vida entrenza coa de outras migrantes. Á par dun traballo na fábrica Mil8, Merce casa, asiste a clases de contabilidade nalgunha das Sociedades Galegas mais un bo día a norma esnaquiza por algo tan simple como prendarse dunha situación que aínda non é quen de nomear”.
Eva Veiga, Tamar Novás, Lino Braxe, Mónica Caamaño ou Xoana Pintos son algunhas das protagonistas do filme. A música é de Abe Rábade. A produción corre a cargo de Nós (Produtora Cinematográfica Galega), CRTVG e Haddock Films.”